A PEGADA XUDEA NAS VILAS GALEGAS


Artigo tirado de www.culturagalega.org

Longamente esquecida, a pegada xudía en Galicia está a se reivindicar nos últimos anos. Vilas coma Monforte, Tui ou, sobre todo, Ribadavia, ollan na herdanza desta comunidade un elemento diferencial que pode servir de impulso para as súas políticas turísticas e culturais. Mais, na realidade, ¿houbo tanta influencia xudaica na nosa cultura?A presenza de comunidades sefardís en Galicia é incontestable. De xeito habitual, durante a idade media, as vilas galegas contaban con barrios, máis ou menos extensos nos que vivían exclusivamente membros desta relixión. No entanto, "esta era unha poboación absolutamente minoritaria que non debeu chegar ao 1% dos habitantes do país". Así o asegura María Gloria de Antonio Rubido, autora do libro "Os xudeus en Galicia, 1044-1492", que publicou recentemente a Fundación Barrié. En xeral, a pegada xudaica no noso país foi moi inferior á doutras zonas da península. "Non existían xuderías como tales, con recintos separados. Vivían mesturados máis ou menos cos cristiáns e, ao ser poucos, integración puido ser máis sinxela", asegura esta investigadora, que analizou os arredor de 320 documentos que se conservan no noso país referentes a esta comunidade medieval.
Integración na sociedade
O que si semella claro é que en determinadas cidades houbo pequenos barrios nos que se concentraban os seguidores da Lei de Moisés. "Non se diferenciaban especialmente a nivel arquitectónico, e mesmo as sinagogas eran a miúdo casas coma outras, sen elementos distintivos", explica. Dentro da súa integración na sociedade cristiá, "en xeral dedicábanse á artesanía e hai referencias de recadadores, médicos, veterinarios e, especialmente prateiros", explica esta investigadora. Segundo os documentos que se conservan, está comprobada a presenza de xudeus en Ribadavia. "sábese que houbo unha sinagoga e unha mazá de casas na que semella que habitaban. Tamén hai constancia dalgúns personaxes que traballaron para os Sarmiento", completa. Tamén en Tui existe constancia dunha comunidade importante "cotizaban impostos reais, tiñan sinagoga e un cemiterio, pero non sabemos moito da súa vida cotiá" sinala De Antonio. Pola contra, en Ourense atopamos unha completa documentación, no arquivo da catedral, "na que se pode seguir mellor que noutras cidades a presenza da comunidade". Deste xeito, "podemos saber en que parte da cidade vivían, se eran viúvos, se pagaban tributos, algunhas ocupacións" explica a autora, que lembra que tamén está rexistrada a presenza dunha sinagoga nesta cidade. En Pontevedra e na Coruña son os restos de cemiterios os principais indicadores da existencia dunha comunidade hebraica. "Ademais, na Coruña hai rexistro dun iluminador de biblias que rematou alí a chamada Biblia Kennicot para Salomón de Braga". Precisamente nas últimas semanas están a se multiplicar as solicitudes de que esa biblia, conservada en Oxford, sexa adquirida e volte para o noso país.
Apelidos e estrelas
Segundo os documentos, de feito, desmóntase en boa media a idea duns supostos apelidos de orixe hebreo que terían deixado pegada na nosa poboación. En xeral, considerouse que apelidos relacionados coma Igrexas, Cruz ou Dios revelaban un antepasado xudeu converso. No entanto, para esta investigadora, "non hai un apelido xudeu, a maior parte deles son Pérez, López, de León... e logo hai algúns referidos a profesións, coma Albeitar", explica De Antonio á luz da documentación que consultou. "Pódese falar de nomes xudeus" coma David, Isaac, Judá ou Jacob "que se transmiten, ata que a xente se converte", a finais do século XV. "Entón adoptan nomes vulgares para ocultar a súa orixe e para localizalos, hai que ver se ao carón dun nome como Xoán di `o xudeu´, ou falan dun Diego López `fillo de Judá Pérez´ ou `Samuel Diosayuda´. Non son especialista en onomástica, pero non me parece que haxa apelidos que sexan xudeus, polo menos na documentación que manexei". Outro pequeno mito que desmonta esta investigadora é a importancia das estrelas de David que se atopan en diferentes edificios e inscricións medievais, coma o propio sepulcro do Fernán Pérez de Andrade "O Bo". "Na Idade Media o símbolo xudaico era a menorah, o candeeiro de sete brazos. A estrela é paelocristiana", explica. "Nese sentido a única pegada é unha menorah no claustro da Catedral de Tui, pero semella ser unha marca de canteiro", completa.
A historia e a festa
Como vemos, non semella que haxa sempre unha relación directa entre a reivindicación dun pasado xudeu e a importancia desta comunidade nas diferentes cidades. Mentres en Tui e Ribadavia a aposta xudaica conta cunha base histórica, "de Monforte, por exemplo, non coñezo documentación", explica De Antonio. "Hai lugares que fan esta reivindicación sen achegas documentais. Que se conserven elementos coma un lugar chamado Casa do Xudeu non vale de moito, porque xudeu foi durante moito tempo un insulto, e entón ás veces a tradición popular ten razón e outras non". Pola contra, en Ourense non fixeron grandes esforzos por recuperar esta memoria malia á importancia da comunidade local, ao igual que Pontevedra ou A Coruña. Para esta investigadora, a aposta pola recuperación desta memoria, "está ben, sempre que teñan un apoio histórico por detrás. Con estas festas pódese achegar unha actividade cultural e amosar o pasado ao temo", explica. "Habería que reivindicar a cultura xudía desde unha visión seria, poderíanse publicitar nas propias oficinas de turismo libros sobre esta cuestión".
Novas xudías
De calquera xeito, semella que, coa integración de Ribadavia e de Tui na Rede de Xuderías estatal, e o crecente interese doutras vilas por difundir seu pasado hebraico, imos asistir a un incremento das investigacións neste campo. En Ribadavia, por exemplo, o Centro de Estudos Medievais desenvolve diferentes propostas neste sentido. Na rede, espazos coma o blog "A Rúa Xudea" de Xoán Salgado recompilan todo tipo de artigos sobre este tema. Na Coruña fundábase, no pasado mes de xuño, a primeira comunidade hebraica no noso país desde os tempos dos Reis Católicos. Aos poucos, van aparecendo novas propostas para recuperar este legado pouco coñecido.

Comentarios