O SELO DISTINTIVO DO ANTISEMITISMO


Por Benjamin Weinthal

Haaretz


Antony Lerman protestaba pola ecuación "antisionismo=antisemitismo" nestas mesmas páxinas, co argumento de que, debido a que moitos antisionistas son xudeus, por exemplo, este enfoque só "amplía o número dos nosos inimigos" e lévanos a "perder o rumbo". Con todo, o feito de non recoñecer os efectos que produce o discurso dos xudeus antisionistas sobre o non xudeus crea un enorme punto cego na loita contra a xudeofobia. Lerman queixábase de que equiparar antisionismo e antisemitismo desvíaba a atención das manifestacións máis "tradicionais" de odio ao xudeu, e tamén interfería no lexítimo debate sobre as políticas de Israel. O que el non comprende é que na época do post-Holocausto, do politicamente correcto, o antisionismo favorece, mesmo vólveo socialmente aceptábel, a canle polo que o antisemitismo se expresa a si mesmo. Os intensos, desproporcionados, ataques enmascarados baixo a frase "crítica de Israel", ou o cuestionamiento do dereito á existencia do estado xudeu, non poden ser escusados como unha crítica lexítima. Despois de todo, as consecuencias prácticas de grande parte da retórica antisionista significaría a disolución de Israel. Por tanto, son os mesmos xudeus antisionistas os que están "a ampliar o número dos nosos inimigos". A Alemaña contemporánea ofrece un bo exemplo diso. Os principais medios de comunicación subcontrataron en grande medida a discusión sobre Israel en xudeus anti-israelís. Un destes últimos, unha xornalista freelance chamada Evelyn Hecht-Galinski, equiparou as políticas de Israel coas da Alemaña nazi, e sostivo que o "lobby xudeu prol-Israel é unha activa rede que se estende por todo o mundo, e que grazas a América o seu poder se incrementou". En resposta ás súas palabras, o xornalista xudeoalemán, Henryk M. Broder, escribiu que "as declaracións antisemitas e antisionistas son a súa especialidade". Aínda que Hecht-Galinski non se opón á etiqueta antisionista, obtivo unha orde de restrición temporal para impedir que Broder invocase o adxectivo "antisemita". Enrabietados contra o estado xudeu, críticas como as de Hecht Galinski serven para vacinar simbólicamente ao non xudeus alemáns contra a acusación de antisemitismo, á vez que promoven os prexuízos contra Israel. A habitual replica, "pero si os propios xudeus din isto [de Israel e dos xudeus]", converteuse na defensa habitual, nun tipo de selo Kashrut que xustifica a comparación de Israel coa Alemaña nazi, ou culpabiliza aos propios xudeus do incremento mundial da loita contra o antisemitismo. Mesmo mellor que a critica de Israel proveña dun xudeu da diáspora, é que a formule un israelí, a través dunhas críticas que poden ser facilmente malinterpretadas e mesmo distorsionadas. O editor de cultura do diario conservador Frankfurter Allgemeine Zeitung, Patrick Bahners, por exemplo, nunha recente exoneración de Hecht-Galinski na loita contra os prexuízos sobre Israel, observaba que mesmo algúns activistas e pacifistas israelís comparaban o valado de seguridade aos muros do ghetto de Varsovia. Bahners, do mesmo xeito que a maioría dos alemáns (de acordo cun estudo de 2004), séntese cómodo coa analoxía de que "os israelís son aos palestinos o que os nazis aos xudeus". E a maioría dos grandes diarios doutros países tamén se aliñaron con Hecht-Galinski. Expertos alemáns sobre o antisemitismo son da opinión de que a formulación "os israelís son como os nazis", é un reflexo dunha forma de "antisemitismo secundario". Xa hai dúas décadas, o psicanalista israelí Zvi Rex identificou un elemento fundamental do "antisemitismo secundario" na post-Shoah, coa súa irónica observación de que "os alemáns nunca perdoarán aos xudeus Auschwitz". Neste punto de vista, Israel, servindo como un permanente recordatorio do Holocausto, evócalles a culpa e o resentimento. E aí é onde proporcionar unha plataforma aos pequenos e pouco representativos grupos de xudeus anti-Israel proporciona certo consolo. Pero o antisemitismo secundario non se limita a Alemaña, e é sorprendente que Lerman descoide tomar nota da súa conexión cos desproporcionadamente altos niveis de sentimentos anti-Israel na Europa de hoxe. Tendo en conta o evidente vínculo entre o antisemitismo secundario e os sentimentos anti-Israel, parece ser especialmente contraproducente rexeitar sumariamente - como fai Lerman - a "definición de traballo" do antisemitismo da Unión Europea, quen describe a estas manifestacións como "aplicar un dobre raseiro ás normas que se requiren de Israel, esixíndoselle un comportamento non requirido a ningunha outra nación democrática" e "as comparacións da política israelí contemporánea á dos nazis". A difusión desta "definición de traballo" fai progresar a comprensión contemporánea do antisemitismo. E despois de proporcionar aos gobernos unha serie de criterios, fundados nas máis recentes investigacións sobre o antisemitismo, se devandita "definición de traballo" se adoptase legalmente pola policía e as autoridades locais as violacións dos dereitos humanos poderían ser controladas, e o tema nebuloso do que "realmente" constitúe o antisemitismo podería ser examinado de maneira máis individual e obxectiva. A maioría dos alemáns seguen sumidos nunha concepción obsoleta do antisemitismo que abarca o punto de vista dos nazis ("os xudeus están ligados ao diñeiro, ás intrigas e son semi-humanos"). Maior sensibilidade e sensibilización ante as manifestacións contemporáneas do antisemitismo bótanse en falta. Un exemplo é o caso do profesor Arnd Kruger, un historiador do deporte da Universidade de Gottingen, quen afirmou que os 11 israelís que foron asasinados no 1972 nos Xogos Olímpicos de Munich, esencialmente cometeron suicidio "pola causa de Israel". Segundo Kruger, permitiuse que os atletas fosen asasinados polos terroristas palestinos de Setembro Negro co fin de prolongar a restitución financeira de Alemaña, e para preservar a culpa do Holocausto entre os alemáns. Kruger fundamentou a súa teoría do martirio sobre "unha diferente percepción do corpo humano" en Israel, supostamente traducida nunha alta taxa de abortos, engadindo que "Israel trata de impedir a todo prezo ás persoas con discapacidades". As declaracións de Kruger satisfán as normas de antisemitismo, tal como se definen na "definición de traballo" da Unión Europea, aínda que aínda así, hai dúas semanas, a Universidade de Gottingen rexeitou as acusacións de mala conduta académica contra Kruger e absolveulle da acusación de antisemitismo. á parte disto, non existiu case ningún clamor público en contra destas indignantes suxestións. Lamentablemente, non hai escaseza de Kruger en Alemaña, e a conxuntura anti-israelí e as opinións antisemitas son o selo distintivo do antisemitismo contemporáneo. E aínda si proveñen de non xudeus ou dun grupo de marxinais xudeus antisionistas, e entran dentro dos criterios da "definición de traballo" do antisemitismo da Unión Europea, debemos elevar enerxicamente as nosas voces para loitar contra a estupidez e o absurdo desfilando disfrazados de "crítica de Israel".

Comentarios