ATOPARSE COA PAZ: DESDE OSLO, VOLVER A OSLO


Por Gershon Baskin

Jerusalem Post (16.09.08)

O 13 de setembro conmemoráronse 15 anos desde a festiva celebración pola sinatura do primeiro acordo de Oslo nos xardíns da Casa Branca. Ese foi verdadeiramente un día de esperanza. Quince anos máis tarde, houbo escasa mención na prensa local ou internacional -a ambos lados da Liña Verde. Oslo foi un proceso de paz errado, e non só nas mentes dos israelís; a maior parte dos palestinos comparten a avaliación. Os motivos do fracaso son moitos, e hai moita xente que ten responsabilidade polo tráxico destino de Oslo. Resulta moi fácil para un dos lados situar a culpa nos no outro, pero en verdade, o fracaso do proceso ten as súas raíces en ambos lados, así como entre varios actores internacionais, incluíndo a EE.UU. Moito foi escrito sobre quen actuou mal e a quen hai que culpar; este non é outro deses artigos. A pesar de que hai moita xente que cre ou quixera crer ou quizais mesmo o anhela, Oslo aínda non está morto, e as posibilidades para unha paz israelí-palestina non se apagaron totalmente. Se a posibilidade de paz realmente se dilúe, atoparémonos con que o pobo palestino xa non estará máis disposto a seguir demandando un estado palestino nas fronteiras do 4 de xuño de 1967, estará a reclamar por unha democracia e "unha persoa, un voto" entre o río e o mar.

No caso de que isto ocorrese, imos comezar a ser testemuñas do comezo dunha nova era, que eu denominaría "a era da extinción do emprendimiento sionista". Eu só espero que os nosos dirixentes e os seus dirixentes teñan a sabedoría e cordura de evitarnos baixar dun salto desde o bordo ao abismo. O único modo de impedir a próxima rolda de violencia, que sinalaría o final da solución de dous estados, é alcanzar un acordo o máis pronto posible. Isto pode non ser posible antes que a administración Bush finalice, pero as partes deberían xa indicar os seus propósitos de ir máis aló dese prazo no comezo da nova administración da EE.UU. Ambos lados terán que facer concesións sobre principios fundamentais, posturas pintadas en vermello que no pasado foilles vedado pasar. Hai unha ampla negociación que pode ser cumprida e acordada. O estado palestino terá que ser establecido sobre aproximadamente o 96 por cento- 97% da Marxe Occidental e toda Gaza (unha vez que alí cambie o réxime político). Israel terá que devolver a maior parte da Marxe Occidental, incluíndo o "dedo de Ariel", e debería considerar aceptar un xustiprezo monetario que pidan os palestinos por Ma´aleh Adumim- dúas áreas que ocuparon enormes franxas de territorio da Marxe Occidental.

A maior parte dos poboadores poderán permanecer nas áreas onde viven actualmente. As partes xa aceptaron o principio de división de 50-50 sobre a terra de ninguén ao longo da Liña Verde. Atopar que un 3%-4% de territorio dentro da Liña Verde, teña a posibilidade dun troco, non é tan problemático. Os palestinos xa entenden e están dispostos a esperar un período de polo menos cinco anos para que Israel evacue todos os asentamentos que lle serán transferidos. eles tamén están dispostos a outorgar cidadanía aos poboadores que poidan desexar permanecer dentro do estado. Parte do programa de aplicación inclúe recoñecer que Xerusalén será a capital de ambos países. A capital palestina estará situada nos sectores palestinos da Xerusalén oriental e a capital de Israel permanecerá na Xerusalén occidental. Os palestinos sobreentenden que as veciñanzas xudías que foron construídos despois de 1967 quedarán sob a soberanía israelí. eles representan o 1% da Marxe Occidental.

A Cidade Vella será compartida baixo un réxime especial, quizais con intervención internacional, ou mediante a división de soberanía dentro dos seus muros. Os palestinos terán soberanía sobre os distritos musulmáns, cristiáns e armenios e Israel terá soberanía sobre o distrito xudeu. O distrito xudeu xa está fisicamente dividido dos outros distritos por postos de control. Os palestinos terán soberanía ou tutelaxe sobre o Monte do Templo/Haram al-Sharif e Israel terá soberanía ou tutelaxe sobre o Muro Occidental. Ambas partes acordarán non escavar, extraer terra, renovar ou construír algo encima, ao redor ou por baixo dos Lugares Sacros sen un acordo mutuo. Toda a corrente principal das autoridades rabínicas concorda que ningún xudeu debería entrar ao Monte do Templo ate que chegue o Mesías. Até ese momento, o Monte do Templo debe ser entregado por dereito aos palestinos en lugar da condición de facto como o é até agora. Cando o Mesías chegue, todos podemos aceptar colocar o tema de soberanía nas súas mans. Ambas partes garantirán o dereito de acceso e oración nos lugares sacros dentro das súas zonas soberanas por membros relevantes de relixións do outro estado.

Os refuxiados palestinos volverán ao estado palestino. Quizais Israel acepte algúns casos humanitarios de reunificación familiar. Haberá compensación económica dispoñible para todos os refuxiados palestinos por demandas de inmobles perdidos e padecimentos. O Estado de Israel participará nun fondo internacional para tal propósito. Palestinos e israelís recoñecerán o xudaísmo de Israel e o palestinismo de Palestina. Ambas as partes acordarán asegurar igualdade de dereitos e oportunidades para as minorías dentro do seu estado. Os cidadáns palestino-israelís, permanecerán dentro do Estado de Israel, como parte da súa cidadanía por nacemento, e os cidadáns xudeus de Palestina poderán permanecer no Estado Palestino, mentres eles o desexen. Podería tomar anos implementar o acordo. Todo dependerá do estado de seguridade. Ambas partes terminarán consentindo que unha forza internacional sexa emprazada dentro do territorio palestino por un período especifico acordado. Esta forza estará composta e conducida por nacións europeas. é absolutamente evidente que ambas partes terán que permitir á súa poboación votar polo acordo -para que este sexa ratificado polo pobo.

Quince anos pasaron desde o día esperanzador nos xardíns da Casa Branca. Xa non estamos máis ebrios de esperanza. Estamos moito máis sobrios pola dificultosa realidade e o feito de que aínda hai demasiados fanáticos alá fóra que preferirían a destrución mutua antes que facer compromisos e concesións para a paz. Até agora estes fanáticos gañaron, e cos seus triunfos transformaron a relación israelí-palestina nun abrazo irrompible onde ambos perden. A chance dunha mutua liberación onde todos gañan é aínda posible -pero o prezo non será menor que o escrito anteriormente. Simplemente non hai outro camiño -ou gañamos ambos ou ambos perdemos.

O autor é co-Director do Centro Israelí/Palestino de Investigación e Información (I.P.C.R.I.)

Comentarios