A TAFONA DE RIBADAVIA







Por Xosé Lois García


Na travesa da Porta Nova de Arriba, no gueto xudeu de Ribadavia, está a antiga tafona (forno) de Herminia Rodríguez Carballal que prodixiosamente vive da artesanía reposteira, unha tradición hebrea que os sefarditas de Ribadavia practicaron. Unha tradición que foi desartellada pola expulsión dos xudeus e perseguida pola canónica católica. Pese ao acervo inquisitorial, o espazo clandestino non deixou esmorecer esa fecunda tradición gastronómica. A culinaria sefardita que tantas inventivas procesou nos diversos espazos da península Ibérica e que introduciu receitas tan distintas e sempre en función dos produtos que se daban neses espazos e, tamén, en función da climatoloxía. Nesa impetuosa Ribadavia, sempre en desafío cos que tentaron matar a lembranza e a saudade daqueles meritorios xudeus que crearon cultura e arte, nada rudimentaria, que articularon unha serie de pratos que enaltecen a cociña ibérica. Os nosos xudeus tamén fomentaron en Galiza unha distinguida variedade de doces que enalteceron a calidade da nosa gastronomía. Pese a que os axentes inquisitoriais silenciaron esa inventiva do bo comer e beber, rexorde en Ribadavia boa parte da repostería que floreceu e lle deu pulo a esta vila, capital do Ribeiro. O orgullo renacido e novamente contemplado nesa artesanía de ingredientes, como a que fai a Herminia na súa tafona.
A variedade de doces con múltiples sabores veñen configurar a recuperación dunha cultura étnica que practicaron os xudeus galegos. Unha cultura, a da diversidade, lexitimamente nosa, que tivo raíces e da que agora podemos contemplar a súa floritura orixinal. Como orixinal é a reconstrución de parte daquela dieta de sobremesa que a señora Herminia esplendidamente ofrece, lexitimando unha estética orixinaria. No mostrador da entrada do forno observamos o hexagrama hebreo (máis coñecido por estrela de David ou selo de Salomón). Herminia afánase amablemente por informar sobre seus produtos e a primeira información que nos dá é a través dun pequeno folleto que indica: "Tafona da Herminia, doce artesanal especialidade en doces hebreos", e no interior do mesmo especifícanse os seguintes: "Bocadiños de améndoas, elaborado con améndoas e canela". "Kamisch-Broit, elaborado con noces ou améndoas". "Mamul, ingredientes básicos: froitos secos, pétalos de mapoulas e augas de azar". "Ma"Amul, ingredientes básicos: crema de dátiles e auga de rosas". "Ghora Yebah, elaborado con fariña integral de abelá". "Mostachudos, ingredientes básicos: noces e cravo de olor". "Bocadiños de dátiles, ingredientes básicos: dátiles, noces e azucre integral moreno". "Kupferlin, elaborado con fariña integral de améndoa". "Kijelej de Mon, elaborado con sementes de mapoulas". "Masiñas de mapoulas, ingredientes básicos: sementes de mapoulas e esencia de vainilla". "Cardamomo, ingredientes básicos: améndoa e cardamomo".
A presenza de todos estes ingredientes tan particulares e nada exóticos configuran unha creatividade orixinal que grazas á sabedoría dos antigos sefarditas e ao bo facer da Herminia renacen neste espazo tradicional que os xudeus lexitimaron e que cruelmente tiveron que abandonar estes eidos por culpa da asasina espada e pola brasa ardente do integrismo católico. Perseguindo, liquidando e prohibindo aos que tiñan outras prácticas alleas aos destes perversos inquisidores. Así foi como Ribadavia floreceu cos xudeus e coa idea única católica decapitaron un proceso progresista que os diferentes construíron pacientemente. Polo tanto, é moi valioso o labor de Herminia, traballando esas figuriñas de pan, dando forma e sabor a eses doces que os xudeus de Ribadavia degustaban en témporas de liturxia que o Pentateuco esixía, e outras que formaban parte da dieta e que están novamente redimidas.
Artigo publicado no xornal GALICIA HOXE (19.08.08)

Comentarios