Por Ana Carbajosa
Tras unha ollada ás contas da economía israelí, ninguén diría que é un país con 60 anos de conflito ás súas costas. Nin que as conversacións de paz cos palestinos entraron en barrena, nin tan sequera que o resto do mundo sobrevive como pode a unha crise financeira que dura xa un ano. As empresas de innovación tecnolóxica relacionadas co software ou os chips tiran desde hai anos dunha robusta economía a proba de grandes crises. Israel é, despois de EE UU, o país con máis empresas no índice de valores tecnolóxicos Nasdaq, ten unha taxa de paro por debaixo do 7% por primeira vez desde os noventa e unha economía que leva catro anos consecutivos medrando por riba do 5%. Certo é que para este ano as previsións de crecemento son algo menores -en torno ao 4,2%-, e que esta lixeira caída, xunto á extrema fortaleza do shekel e a inflación, ten preocupados aos analistas israelís. Pero non menos certo é que esa preocupación provoca a risa nas grandes economías europeas ou en EE UU, onde as taxas de crecemento son moito menores e os problemas no mercado inmobiliario de gran calado. En Israel, sen embargo, a ausencia dunha burbulla inmobiliaria, a existencia dun sistema bancario a salvo de hipotecas subprime e un crecemento que depende sobre todo das exportacións de produtos tecnolóxicos explican en boa medida que este pequeno país de Oriente Próximo non teña sucumbido, de momento, á crise global. Non obstante, coinciden os expertos, acabará por chegar. Con demora e moi amortiguada, pero mallará. "As consecuencias da crise en Israel verémolas na segunda metade de 2008 ou incluso no 2009, pero probablemente deixaranse sentir con menos intensidade que noutros países", vaticina Tal Keinan, o home que hai tres anos fundou KCPS, o hedge fund (fondo de alto risco) con oficinas en Tel Aviv e Nova York, e asesor do ministro de Finanzas. Keinan explica que o sistema bancario israelí conta cunha sobreprotección crediticia que evitará vaivéns coma os estadounidenses coas hipotecas lixo. Fala, ademais, dun mercado inmobiliario relativamente saneado. Parecidas prediccións fai o ministro de Finanzas israelí, Roni Bar-On, que advertiu de que a pesar de que a economía seguirá en boa forma, a crise global terminará por facer dano. Por iso, dixo, nada de aumentar o gasto público. En calquera caso, o orzamento do ano que ven está pendente dun máis que probable troco no Goberno despois de que o primeiro ministro, Ehud Olmert, sucumbira a un dos varios escándalos de corrupción que acumula. No capítulo económico o saínte Olmert di preocuparlle sobre todo a rampante desigualdade dun país no que as cifras macro non cadran coa distribución da riqueza. Segundo os datos do Goberno, ate un 35% dos nenos israelís vive por debaixo da liña de pobreza. A desigualdade cebase sobre todo coa poboación árabe-israelí e coa comunidade haredi, os xudeus ultraortodoxos, que acostuman ter un exército de fillos e que en boa parte viven de subsidios estatais e dedican a súa vida ao estudo da Toráh. Pero a pesar da desigual distribución e dos temores e prediccións duns e doutros, as exportacións -suman o 45% do PIB-, sobre todo as de produtos de alta tecnoloxía, seguen exhibindo músculo e contribuíndo ao crecemento. Hoxe operan en Israel 3.361 empresas de alta tecnoloxía, segundo o Instituto de Investigación de capital risco. Só a hiperfortaleza do shekel podería zarandear as exportacións, xa que boa parte delas teñen como destino final EE.UU, cun dólar en horas baixas co que é moi difícil competir. Como é posible tanta febre produtiva e consumista nun país cuxa política interna e externa vai de mal en peor? Esta é unha das preguntas que traen de cabeza aos estudosos do devir económico do país e ás que só algúns se atreven a esbozar tímidas respostas. "Porque mentres obteñan beneficios, os investidores seguirán poñendo diñeiro, e porque veñen a Tel Aviv a facer negocios e apenas teñen contacto co conflito", explica Yaakov Fisher, da consultora I-Biz. Certo é que a chamada burbulla de Tel Aviv os seus suburbios empresariais coñecidos como o Silicon Wadi teñen máis que ver coa afastada California que coa veciña e asediada Gaza.
Pero os cerebros vanse
O coidado e a promoción da materia gris foron en boa parte responsables do castelo da economía israelí durante a última década. Nos anos noventa, os Gobernos israelís dedicaron grandes sumas de diñeiro á iniciativa privada e reformaron as leis para crear un ambiente propicio á innovación e ao desenvolvemento tecnolóxico. O invento funcionou. Que empresas como Microsoft ou Intel abran no país un dos seus poucos centros de desenvolvemento fóra de Estados Unidos non é unha casualidade. Hoxe, Israel atrae máis capital risco que ningún outro país na marxe de EE.UU e son as exportacións de produtos de alta tecnoloxía as que tiran do carro da economía nacional. Pero advirten quen seguen de perto os movementos dos novos talentos que algo está cambiando. "A fuga de cerebros é alta, sobre todo no sector público, nas universidades ou nos hospitais, onde os soldos non son competitivos", explica Omer Moav, profesor de economía da Universidade Hebrea de Xerusalén e da Royal Holloway de Londres, ademais de membro do Shalem Center. Israel considera a fuga de cerebros unha ameaza á súa propia existencia, porque os científicos e os enxeñeiros que se van deixan de investigar no terreo militar e de contribuír polo tanto á seguridade do país. Segundo os datos que manexa Moav, no 2005 foron 25.000 israelís os que se foron do país, fronte aos 19.000 dos dous anos anteriores. Fala este profesor da enorme desigualdade da sociedade israelí, que obriga aos que teñen ingresos decentes a custear cos seus impostos a grandes grupos sociais entre os que salienta a poboación ultraortodoxa. "Aínda que os salarios poidan compararse aos doutros países, a carga impositiva é maior, e ao final, os traballadores non topan os servizos en transporte ou medio ambiente que ofrecen os países estranxeiros porque aquí hai outras prioridades, como o conflito cos palestinos", di Moav.
Artigo publicado no xornal EL PAÍS
Comentarios