Por Daniel Pipes
Coas primarias do Partido Demócrata decididas, os electores americanos poden centrarse nos asuntos de contido político. Por exemplo, como difiren os dous principais candidatos a presidente dos Estados Unidos no seu enfoque sobre Israel e os asuntos relacionados? Entrevistas paralelas realizadas polo xornalista Jeffrey Goldberg, do The Atlantic, que falou a primeiros de maio co Demócrata Barack Obama e a finais de maio co Republicano John McCain, ofrecen algunhas ideas importantes. Expostas a grandes liñas o mesmo conxunto de preguntas, eles fóronse por camiños contrarios. Obama utilizou a entrevista para convencer aos electores da súa honestidade pro-Israel e pro-xudía. En tres ocasións reiteraba o seu apoio a Israel: "a idea dun estado xudeu seguro é unha idea xusta de maneira fundamental, e unha idea necesaria"; "a necesidade de preservar un estado xudeu que sexa seguro é unha idea xusta e unha idea que debería ser apoiada aquí en Estados Unidos e en todo o mundo"; e "Baixo a miña presidencia vostede non vai ver ningunha relaxación do compromiso coa seguridade de Israel." A continuación Obama detallaba o seu apoio dentro de catro contextos xudeus específicos.
Desenvolvemento persoal: "cando penso na idea sionista, penso na maneira en que as miñas percepcións de Israel foron modeladas cando era novo-cando era neno en realidade. Tiven un monitor de campamentos cando estaba en sexto grao que era xudeo-americano pero que pasara un tempo en Israel."
Carreira política: "Cando empecei a traballar como organizador social, os dous colegas organizadores en Chicago eran xudeus, e eu era atacado por vincularme a eles. De maneira que estiven nas trincheiras cos meus amigos xudeus."
Ideas: "Sempre bromeo con que a miña formación intelectual tivo lugar a través de académicos e escritores xudeus, mesmo se non o sabía naquel momento. Xa fosen teólogos ou Philip Roth os que axudaron a modelar a miña sensibilidade, ou algúns dos escritores máis populares como Leon Uris."
Filosofía: "O meu persoal gástame bromas en ocasións por aflixirme con cuestións morais. Creo que aprendín iso en parte do pensamento xudeu, que as túas accións teñen consecuencias e que importan e que temos imperativos morais."
En contraste, McCain non sentiu ningunha necesidade de demostrar o seu sionismo nin as súas credenciais pro-xudías. Dándoas por sentadas, utilizou a súa entrevista para expor asuntos políticos prácticos, a ameaza de Irán en particular. Por exemplo, preguntado pola xustiza do sionismo, respondía que "é notable que o sionismo estea sometido a guerras e grandes probas e que pase aos ideais de democracia e xustiza social e dereitos humanos," a continuación continuaba: "Creo que o Estado de Israel segue estando baixo ameaza significativa procedente de organizacións terroristas así como da continua defensa por parte dos iranianos de borrar do mapa a Israel." Referíndose de novo a Irán, McCain comprometíase "a non permitir nunca outro Holocausto." Referíase á destrución ameazada de Israel como posuidora de "consecuencias profundas para a seguridade nacional" de Estados Unidos e destacaba que Teherán patrocina a organizacións terroristas decididas "á destrución dos Estados Unidos de América." Unha segunda diferenza refírese á importancia do conflito árabe-israelí. Obama presentábao como "unha ferida aberta" e "unha causa de aflición" que infecta "toda a nosa política exterior." En particular, dicía, a súa ausencia de solución "proporciona unha escusa para que os jihadistas militantes antiamericanos tomen parte en accións inescusables." Preguntado polos comentarios de Obama, McCain criticaba con entusiasmo a idea de que o Islam radical proceda principalmente da confrontación árabe-israelí: "Eu non creo que o conflito sexa unha ferida. Creo que é un desafío á seguridade nacional." Se o asunto palestino-israelí se resolvera mañá, sinalaba puntualmente, "seguiriámonos enfrontando a unha ameaza xigantesca do extremismo islámico radical."
Finalmente, os dous discrepan no interese de que os israelís sigan vivindo en Cisxordania. Obama pon unha gran énfase na materia, comentando que se as súas filas seguen crecendo, "imos seguir atascados no mesmo status quo no que levamos xa décadas atrancados." McCain recoñecía este como un tema importante pero rapidamente pasaba ao tema da campaña de bombardeos de Sderot, a asediada cidade israelí que visitaba persoalmente en marzo, por parte de Hamas, cuxa tesitura compara explicitamente a que o territorio nacional dos Estados Unidos fose obxecto de ataques desde unha das súas fronteiras.
As entrevistas xemelgas de Goldberg sinalan dous feitos. En primeiro lugar, os candidatos dos principais partidos á presidencia dos Estados Unidos seguen tendo que demostrar respecto aos vínculos americanos cálidos con Israel, sen importar até que punto, como no caso de Obama, isto contradiga dramaticamente as opinións sostidas con anterioridade pola súa banda. O segundo, mentres que McCain móstrase seguro na materia, Obama preocúpase de gañar o voto pro-Israel.
Comentarios