CATALANS E XUDEUS

Por Francesc-Marc Álvaro

Israel celebra estes días o sesaxésimo aniversario da súa independencia e moitos cataláns -máis dos que se atreven a dicilo en público- felicitámonos pola existencia dun estado que, por desgraza, ten que xustificar e defender como ninguén o dereito de formar parte dos pobos libres do mundo. Por certo, e contrariamente a aquilo que afirman certos sectores interesados na difamación sistemática, a maioría de cataláns que somos solidarios cos israelís tamén queremos e desexamos que o pobo palestino poida constituír o seu estado con todos elos e ao seu carón. Só o logro dunha paz xusta que desactive todas as intransixencias pode asegurar o progreso da zona, tendo en conta que Israel e Palestina daberán de vivir, algún día, como socios estables, capaces de cooperar nunha rexión que formará parte da extensión natural da Unión Europea. Máis aló da xeopolítica e dos intereses económicos, na esfera ideolóxica, cultural e simbólica, o catalanismo sentiu unha tradicional admiración polo mundo xudeu e, máis concretamente, polo sionismo, movemento que coincide historicamente coa emerxencia dos nacionalismos europeos que reformularon as vellas identidades colectivas. Até mediados dos anos setenta do século XX, é unánime a admiración do catalanismo (incluídos os grupos de esquerda) verso a epopeia dun pobo que ten que loitar contra todo para sobrevivir. Hoxe continúanse facendo comparacións entre os cataláns e os xudeus, por unha vontade política e porque hai factores obxectivos que permiten establecer paralelismos. Fai falta ter coidado cando facemos estes exercicios. A singularidade da diáspora e a excepcionalidade terrible da Shoáh -cos seis millóns de mortos xudeus a mans dos nazis- introducen un factor cualitativo que desactiva moitas das equivalencias, feitas a miúdo con boa fe e descoñecemento. A experiencia dos xudeus de hoxe está marcada, inevitablemente, polo intento de aniquilación física de todo un pobo, non só por unha opresión de orde política e cultural, como a que podemos manifestar os cataláns. Se falamos da vontade de ser e dos dereitos colectivos, podemos debuxar entón semellanzas entre xudeus e cataláns. Tamén cando constatamos que o nacionalismo español sempre sospeitou da diferenza. O españolismo crea o concepto da anti-España, un saco onde coloca aos xudeus e aos cataláns. Con todo, a gran diferenza, como sabedes, é que os xudeus foron expulsados hai séculos e os cataláns, en cambio, continuamos dentro, maltratados, espoliados e obrigados a encaixar nun edificio onde somos minoría.

Comentarios