Por Miguel Boó
Sobre Israel e Palestina
O Parlamento hebreo controla ao Goberno, os tribunais son independentes e ninguén vai ao cárcere sen un xuízo xusto, ate quen se nega a participar en "accións de guerra inmorais incumprindo mandatos expresos da ONU". E falando de inmoralidade, onde hai unha maior que a de quen usan aos seus fillos como "mártires" (¡!) ou a de quen se escuda en civís para arroxar mísiles contra poboados israelís sen importarlles a vida da súa xente? Cando determinadas ONG denuncian cada ano o uso de nenos nas guerras, como é que nunca saen a relucir os pobres nenos palestinos? En canto ás decisións da ONU, por que algúns se empeñan en acusar sempre a Israel de incumprir acordos de Nacións Unidas, se o primeiro e máis importante de todos os mandatos, o da partición de Palestina hai 60 anos, foi desoído polos países árabes que invadiron o recentemente creado estado de Israel co obxectivo público e publicado de "arroxar os xudeus ao mar". Son culpábeis os israelís por terse defendido sen a axuda de ninguén e coa complicidade covarde da ONU e dos países occidentais, incluídos os EEUU, e de gañar aquela guerra de supervivencia e as que tiveron que librar despois? O pobre pobo palestino, co que me sinto profundamente solidario, é refén dos seus dirixentes, é cativo dos seus terroristas e é vítima de políticos corruptos, como o venerado Arafat, que dilapidaron axudas europeas moi superiores ás que se destinaron ao famoso Plan Marshall tras a segunda guerra mundial. Por certo que en Israel xulgan e condenan aos seus dirixentes cando se demostra que se corromperon ou se levaron diñeiro a París ou a Suíza. E a situación actual que padece ese pobre pobo, con ser lamentábel non explica o fenómeno "dos campos palestinos nos que se crían terroristas" como nos invita a pensar Manuel de Castro. Se así fóra, habería terroristas en decenas de países en moito peor situación socio-económica que os palestinos. Ademais, de que campos fala? Campos son os de Darfur, campos son os que amorean a milleiros de persoas en tenda de campaña, sobre a lama, sen auga, nin luz nin nada. E en Palestina hai coches, escolas, luz, cibercafés, quirófanos, teléfonos móbiles! O que non hai son os verxeis que lles deixaron os israelís e eles destruíron en Gaza. Pero diremos máis: nin sequera é certo que o fenómeno do terrorismo se deba á ocupación. Setenta anos antes da ocupación, e 50, e 40 e 30 anos antes, os árabes xa masacraban aos xudeus na Terra de Israel, renombrada como Palestina polos romanos como fixera Franco con Euskalherria chamándolle Vascongadas. E digo árabes e non palestinos porque este vocábulo, referido aos árabes ou sirios do sur que vivían en Israel non ten máis de 40 anos. De feito, nos xornais de 1948 que tiven o capricho de consultar non aparecen máis que árabes contra israelís. É máis, desde finais do XIX e durante todo o mandato británico os palestinos daqueles lugares eran os xudeus, que crearon o Banco de Palestina, a Orquestra de Palestina, a Compañía de Froitas de Palestina, etcétera. Con todo, o máis grave do artigo de Manuel de Castro é que non entra no feito irrefutábel de que nada hai no corpus doutrinal do BNG que impida a Valadés ser nacionalista como é -e dos mellores- á vez que prol-israelí, prol-saharauí ou ate prol-cubano. Tanto é así que na primeira representación da súa expulsión, a través dun auto de fe inquisitorial, vergoñoso e aldraxante no que non faltaron improperios, insultos e ameazas contra a súa persoa, o sanedrín bloqueiro saíu ante a opinión pública dicindo dúas cousas: unha que a liña oficial era "discoincidente" con Valadés no conflito de Oriente Próximo, e dous, que, en palabras do seu máximo líder Anxo Quintana aos medios de comunicación, non existía ningún expediente contra ninguén e non se ía a expulsar a ninguén.
Unha canallada e un atropelo
E como o columnista non entra a fondo, pois se dedica a marear a perdiz con argumentos, ao meu xuízo pueriis, como comparar a Valadés cun seguidor do Depor empeñado en ir a Riazor coa camiseta do céltico Vlado Gudelj. O certo é que, parodiando o desafortunado exemplo, o señor Valadés é dos que sairía ao campo cunha camiseta do seu equipo (o BNG), cantaría o seu himno e sería, ademais de xogador, abonado e accionista. O problema non está, pois, en que "non senta as cores", como se di no argot futboleiro. Seguindo co símil, a tacha reside máis ben en que os intolerantes que mandan no seu partido, non lle perdoan que, aínda sendo do Dépor, na disxuntiva entre Madrid e Barça, Valadés se alíñe cos merengues. E iso, póñanse como se poñan os upegallos custodios das esencias patrias, é unha boutade. E, se analizamos as consecuencias de aplicar ese disparate ao caso que nos ocupa, non poderemos concluír senón que se cometeu unha canallada e un atropelo. Pedro Gómez-Valadés, a quen teño a honra de tratar, é desde hai 12 anos un militante nacionalista convencido, galego-falante, supoño que independentista, etcétera. O señor Valadés non deixa de cumprir nin unha soa das normas esenciais do partido ao que pertence. E en ningún sitio dise que un xudeu non poida ser nacionalista galego ou un cambadés defender a Israel, a Irán ou a Cuba. O argumento do señor Castro de que é lóxico que o PP podería fulminar a un militante que encomiase o réxime cubano ou o PSOE a un dos seus que piropee ao partido conservador, nada ten que ver co que nos ocupa, aínda que estou seguro de que o columnista cambiaría de opinión sobre o disparatado do suposto comportamento deses militantes do PP ou do PSOE, se a casuística fose outra. Por exemplo, aposto que nin a el nin a min pareceunos disparatado no seu día que os teólogos da liberación dixesen, dentro da Igrexa católica, o que dixeron contra o statu quo vaticano, ou cando nos puxemos ao lado dos curas marxistas ou abortistas. Entón iso non era un disparate, claro.
As visións "discoincidentes"
Ser prol-israelí, prol-tibetano, prol xiíta, prol sunnita, prol kurdo ou prol-Saddam, non afecta ás esencias do BNG nin de ningún partido, e si á liberdade de expresión e de conciencia de quen desde ese partido teñen visións "discoincidentes" nesas materias de índole máis ben subalterna. Direi máis, se un asunto de política internacional como o que nos ocupa fóra motivo real de expulsión, como a que se acaba de consumar miserable e autoritariamente contra Pedro Valadés, ¡que non terán que perpetrar en diante os gardiáns das esencias estalinistas do Bloque contra os seus militantes da CIG que falan español, van a misa e ate comen tortilla de ovos batidos con patacas! E como resolverán, senón con purgas, a desviación que sen dúbida encabezan todos os socialdemócratas que infestan o partido (ou fronte de partidos)? E que círculo concéntrico do inferno talibán reservaranlles aos meros autonomistas que se atrevan a opinar contra o independentismo ou a conquista do Bierzo? É máis, que destino cruel agárdalles aos poucos que na asemblea de Vigo, cando se expulsou en primeira instancia a Valadés, non aplaudiron e jalearon a rabiar -coa conivencia da deputada Olalla Fernández Davila- a intervención energúmena de Balbino Pérez Belas, arquitecto xubilado, quen propuxo como solución do conflito de Oriente Próximo o que Irán arroxase unha bomba atómica sobre Israel? (Escuso dicir que a moitos dos que aplaudiron unha iniciativa tan felizmente pacifista, vinos tempo atrás na magna manifestación contra a guerra celebrada en Vigo). A Pedro Gómez-Valadés expúlsano os xudeófobos do BNG, por xudeu (sen selo). Expúlsano porque ao seu xuízo (e os demócratas como eles non precisan demostralo) Valadés está a soldo do Mossad. E da Embaixada. Ou porque, como tamén declarou a Novas dá Galiza o empresario palestino Ghaleb Jaber Ibrahim -sen probalo, porque sería imposíbel- fixo o servizo militar en Israel e é un xudeu converso. Iso si, pronunciou ambas as cousas como acusándoo de cometer algún delito. Só direi que se existise vergoña e xustiza neste mundo, alguén debería dicirlle a ese señor que Pedro Gómez-Valadés, a quen faltou ao respecto, ten desde pequeno unha minusvalía que lle impediría formar parte de calquera exército do mundo.
Pero o caso é mentir, que algo sempre queda.
A Pedro Gómez-Valadés expulsárono "por apoiar a un país imperialista". Chaman imperialista a un estado do tamaño de Galiza sen a provincia de Lugo e a metade do seu territorio convertido en deserto. Un país que renunciou ás súas lexítimas conquistas en guerras de defensa, e que devolveu o seu botín a Exipto e Xordania a cambio de paz? Se o BNG é un partido antiimperialista, que dixeron do expansionismo da Unión Soviética, de China? Onde estaban estes anti-imperialistas de pacotilla mentres a URSS de Stalin ou a China de Mao masacraba a millóns de rusos, ou chineses, ou tibetanos? Direillo eu: Estaban onde estiveron sempre, no epicentro da "lei do embude". Polo demais, nunca dixeron nada favorábel a esas vítimas nin condenatorio deses verdugos. Pero, isto que non falte: chegaron a xustificar, por exemplo, a invasión de Checoeslovaquia e a colocar a Irán como modelo e paradigma a seguir. E dito todo o anterior son dos que pensa que, no peor dos casos, se alguén debería irse do BNG para non desprestixiar o nacionalismo moderno que din querer encarnar, eses deberían ser os intolerantes, os fanáticos, os dictadorzuelos e pequenos torquemadas que, sendo xentes da base ou das alturas (que tamén hainos), non son quen de respectar a liberdade de expresión recollida nos seus propios estatutos. Na miña opinión, os fachas do Bloque deberían dedicarse a outra cousa: ir de cara -xa abonda de tratar de enganar a incautos co disfrace de corderillos de pascua- e fundar un partido estalinista. (E expulsar aos leninistas, maoístas, trostkistas e, talvez, aos marxistas). Os demais, que sexan valentes e que non se deixen amedrentar por quen se comporta como hienas, e que reivindiquen o seu dereito a forxar unha fronte nacionalista democrática e moderna, e non autoritaria e casposa.
Comentarios