ISRAEL, 60 ANOS




Por Gabriel Albiac

Israel é o único recuncho de Europa que defende a Europa. A última gran epopea da liberdade en armas

«Asentando a nosa confianza sobre a roca de Israel?» Tel-Aviv, 14 de maio. 1948. Son as catro da tarde. E o mandato británico en Palestina non expira -conforme á resolución da Asemblea Xeral das Nacións Unidas- ate as cero horas do día quince. Pero o día quince é shabat. E o laico David Ben Gurión rende homenaxe a unha tradición relixiosa, sen a cal dificilmente tería logrado perseverar o pobo xudeu na súa longa historia de nación sen territorio. Oito horas antes, pois, de que o alto comisario Cunningham abandone ao seu destino o protectorado, no Museo de Arte de Tel-Aviv soa a proclama solemne do primeiro Estado democrático no Oriente Próximo. Ate hoxe, o único. «En virtude do dereito natural e histórico do pobo xudeu», apenas saído do máis acabado proxecto de borrar a súa existencia da face da terra, Ben Gurión proclama, sen ambigüidade algunha, a aceptación formal da case unánime -países árabes á marxe- resolución 181 da ONU, en cuxa virtude é Israel un país libre. Once minutos antes da medianoite, Harry S. Truman, en nome do goberno dos Estados Unidos, recoñecía ao Estado de Israel (a URSS faríao apenas tres días máis tarde). Antes de pasadas vinte catro horas, os exércitos de Siria, Líbano, Exipto, Xordania e Iraq invadían o minúsculo xerme de Estado xudeu. Ninguén parecía disposto a dar un céntimo, nese instante, pola pel duns colonos sen máis exército que as súas difusas, aínda que teimudas, guerrillas e os seus recentemente nados grupos de autodefensa. Venceron, con todo. A un duro custo. Pero venceron. E, ao cabo destes sesenta anos de guerra sen cuartel que lles foi imposta por todos os seus veciños, lograron o impensábel: un país próspero e moderno, no medio do marasmo medieval dun mundo islámico cada vez máis empeñado en vetarse a si mesmo calquera acceso á idade moderna; un país, sobre todo, a cuxa ben blindada democracia apenas rabuñou a dura contumacia dunha guerra de máis de medio século pola supervivencia. E non é fácil dicir que é o máis duro. Se ese nacer e morrer de cada cidadán na certeza de que unha derrota militar -só unha- significaría o seu completo exterminio: o del e o dos seus; o del e o de cada habitante da súa terra; o del e o dunha longa cultura coa cal o mundo libre ten contraída unha débeda que non prescribe. Ou se é máis dura aínda a odiosa covardía coa cal Europa volveu as costas a quen, do outro lado do Mediterráneo, foi a única barreira, durante sesenta anos, á expansión ameazante da teocracia islamita. Israel combate pola democracia de todos e de cada un de nós. Pero ninguén, na descomposta Europa do último século, quere oír falar xa de combates. Europa arrastra consigo cen anos de tristes rendicións. E non pode perdoar a quen aposta por salvar aquilo que Europa foi antes de ser un cadáver: este, polvoriento, de agora. Non hai moitas cousas das cales felicitarse no último medio século. Israel é unha delas. Para aquel que aínda ousa ser un home libre. Poucos.

Comentarios