A HEROÍNA DO GUETTO


Por Vanesa Suvalski

O mundo perdeu a un dos seus xustos. A vida de Irena Sendler, unha muller polaca que salvou a uns 2.500 nenos xudeus durante a Shoáh, apagouse onte en Varsovia aos 98 anos de idade, por mor dunha afección pulmonar. Ao coñecerse a noticia do seu falecemento, o presidente de Polonia, Lech Kaczynski, expresou o seu «enorme agradecemento» a Sendler pola súa «valentía extraordinaria». En 1965 foi honrada co título de «Xusto das Nacións» por parte do Instituto de Estudos do Holocausto Yad Vashem, en Xerusalén. Polonia e Israel propuxérona en 2006 como candidata para o Premio Nobel da Paz. Con todo, a esta humilde muller non lle importaban as honras oficiais. «Cada neno salvado coa miña axuda e coa axuda de todos os emisarios secretos, que xa non viven, son a xustificación da miña existencia sobre esta terra, e non unha reivindicación de gloria», escribiu Sendler nunha carta ao Senado de Polonia, que o ano pasado rendeulle honras. Irena era unha asistente social de 29 anos cando a Alemaña nazi invadiu Polonia en agosto de 1939, dando inicio á Segunda Guerra Mundial. A iniciativa de Sendler, a organización clandestina «Zegota» logrou sacar entre outubro de 1940 e abril de 1943 a miles de cativos xudeus do gueto de Varsovia. A escusa oficial dos membros do grupo para entrar alí era inspeccionar as condicións sanitarias no gueto durante brotes de tifoidea. Sendler e unha vintena de colaboradores sacaban aos bebés e nenos pequenos agochados en ambulancias e tranvías, ás veces ate dentro de paquetes para evadir os controis nazis. Así puideron salvalos da deportación aos campos de exterminio, destino de case todas as persoas recluídas no gueto, liquidado en abril de 1943. O grupo clandestino escondeu aos nenos con papeis falsos no seo de familias cristiás, en conventos e orfanatos. Iso si, Irena sempre desexou que os seus protexidos coñecesen a súa verdadeira identidade. Por iso, ocultou na súa casa unha lista cifrada cos seus nomes reais. Se algo lle sucedía a ela, os nenos poderían coñecer a súa verdadeira orixe. En outubro de 1943, a Gestapo, a policía secreta nazi, detivo a Sendler e a activista foi condenada á morte. A pesar de sufrir brutais torturas, a muller xamais delatou o traballo da súa organización nin o agocho dos nenos. Xente da resistencia polaca logrou sacala do cárcere tras subornar aos gardas alemáns. Irena sobreviviu a guerra escondida cun nome falso. «A xente só pode dividirse en boa ou mala. Non importan a súa raza, relixión ou nacionalidade», ensinoulle o seu pai. Xeracións enteiras estaranlle por sempre agradecidas.

Tirado do xornal ABC

Comentarios