CONFERENCIA INTERNACIONAL: A AMEAZA IRANIANA (3ª PARTE)


CONFERENCIA INTERNACIONAL: A AMEAZA IRANIANA

A república islámica, a loita de Israel pola súa existencia e as reaccións europeas.


(Unha crónica desde Viena en exclusiva para AGAI de Ilana Steiner e Carlos Penela)

3ª e última parte

Nesta última parte ofrecemos un esbozo dos contidos que se trataron ao longo da segunda parte desta Conferencia Internacional no domingo día 4, e onde interviron de xeito especial, tanto desde o público como desde a palestra, representantes do exilio iraniano.

A cuarta mesa de traballo tiña por título “As relacións austro-iranianas e o pasado nacionalsocialista”, moderada por Michaela Sivich, colaboradora da iniciativa “Stop the bomb” e o colectivo “Cafe Critique”, e encetou o tema o coñecido autor e poeta vienés Robert Schindel coa leitura dun suxerente texto en clave literaria baixo o nome de “A memoria austríaca”.
Con orixinalidade e humor, desgaxando a súa intervención en diferentes epígrafes algo elípticos, o escritor referiuse á Memoria como un elemento que non se prodigaba demasiado no “habitus” da cidadanía austríaca e identificou aos austríacos e aos xudeus (por diferentes motivos) como os “campeóns mundiais” da Memoria. Así mesmo, analizou o significado e o valor desa “capacidade da Memoria” para a comunidade xudía en Austria ao longo dos anos, como un escudo contra a opresión e a humillación, contra o “silencio xeral”, dixo, que se producira aquí despois da Shoah.
De xeito crítico e provocador definiu o antisemitismo como quizais a única constante en cada expresión vienesa e austríaca ao longo da Historia e como colofón tivo palabras de alento e lembranza para Israel, lembrando que “afortunadamente” era posíbel agora celebrar o seu 60 aniversario.

Tomou seguidamente a palabra o Sr. Hiwa Bahrami, en representación do Partido Democrático do Curdistán Iraniano, cunha charla que tiña como título “A política austríaca de apaciguamento”, para falar da represión das minorías no Irán, centrándose especialmente na exercida contra o seu pobo, o curdo, e criticar a política permisiva do gobernos austríacos e os contactos destes co rexime iraniano.
Bahrami lembrou que no Irán existen cinco diferentes nacionalidades, que viven nunha situación de persecución e negación dos seus dereitos e afirmou tamén que o programa nuclear non é o único problema do rexime dos mullahs, senón que o terrorismo de Estado contra os opositores e os disidentes é un feito presente e de dimesións dramáticas. A este respeito, fixo mención, por exemplo, aos asasinatos que se cometeron contra representantes do seu partido por parte de elementos dos servicios secretos iranianos en Austria e Alemaña (anos 89 e 92), asasinatos que, na súa altura, se presentaron por parte de certos medios de comunicación europeus como “simples axustes de conta” entre membros do exilio curdo.

A seguir, fixo un recordatorio das relacións entre os dous estados (Irán e Austria), que xa eran moi intensas no plano económico durante o mandato do Sha (o cal definiu como “rexime chauvinista”). Esta “tolerancia” coas prácticas represivas do rexime iraniano ten sido constante en todos os gabinetes austríacos, sen que cesase nunca a cooperación comercial e mesmo intensificándose durante os últimos anos do goberno dos aiatollahs.
As relacións económicas de Austria con Irán son nestes momentos as máis importantes de Europa, xunto coas de Alemaña e Italia, lembrou, denunciando que esta política supón un aval e un suporte económico para o rexime de Teherán, ao que o sr. Bahrami definiu como “unha teocracia islamista, fanática e criminal”. Así mesmo reprobou con firmeza o antisemitismo ameazante de Ahmedinejad, afirmando que o pobo curdo non ten problema algún en convivir coas comunidades xudeu-iranianas e co pobo de Israel, o cal era mesmo un modelo para eles como sociedade avanzada, próspera e dotada de institucións democráticas.
O lector do Instituto de Ciencias Políticas de Viena, Stephan Grigat, foi quen concluiu esta rolda de intervencións coa palestra titulada “A amizade austro-iraniana – política exterior no postnazismo”.
Grigat centrou a súa exposición na crítica á política de cooperación e apaciguamento co islamofascismo, nunha fase que denominou como de “normalidade postnazi”. Ocupouse de describir os acordos que OMV prevé fechar co rexime iraniano, negocios que o propio xornal “Der Standard” cifra nuns 22 mil millóns de euros, convertindo deste xeito a Austria no principal parceiro comercial do Irán.
Así mesmo referiuse á política de relativismo e de dobre linguaxe exposto en medios de comunicación e políticos e levado a cabo de xeito estratéxico polo propio goberno actual de Gusenbauer. Por parte da prensa, Grigat criticou a postura de certos medios que minimizan e tildan de “simple paranoia anti-iraniana” os avisos ante as ameazas de Ahmedinejad; a respeito da política, referiuse ao goberno actual, que é capaz, ao mesmo tempo, por exemplo, de acudir a Israel para participar e colaborar na inauguración dun monumento de lembranza coa comunidade de pensionistas xudeus de orixe austríaca en Israel e fortalecer os vínculos comerciais e políticos cun rexime que proclama abertamente a aniquilación deste país.
A especificidade do caso austríaco, segundo o conferenciante (a diferencia de Alemaña, por exemplo) é que os acordos se desenvolverían unha plano máis sólido e ao longo de prazos máis longos co goberno de Teherán, dos cales os da OMV son os expoñentes máis evidentes.
Por último, puso en cuestión (nun nivel teórico) a “soberanía” do Estado Austríaco ao non ser quen de se desvincular do seu pasado e de prolongalo por outros medios e vías, situación que para Grigat se podería considerar como de “postnazismo”, tal e como nos referíamos anteriormente.
A última parte da Conferencia, a quinta mesa de traballo, levaba como título “A necesidade dun novo antifascismo”, onde falou, en primeiro lugar, o profesor Jeffey Herf, historiador da Universidade de Maryland, quen se ocupou de expor e defender a idea do desenvolvemento dun novo antifascismo.
Caracterizou este conceito (o de antifascismo) como algo cuxa tutela lle fora outorgada principalmente ao pensamento comunista (III Internacional), mais agora atopámonos nun segundo grande momento da Historia mundial contemporánea onde o antisemitismo continúa a ser un importante factor: o momento do auxe do islamismo radical. Así pois, Herf apelou á necesidade de ter presente en todo momento a lembranza da Shoah e de non restrinxir este discurso a un eurocentrismo, xa que agora os que argumentan o seu antisemitismo xá non están só en Europa. Contodo, este novo escenario político, aínda que lonxe da Europa, se alimenta de moita da vella retórica nazi europea, dándose mesmo con frecuencia unha colaboración entre este islamismo e o vello nazi-fascismo de sempre.
Xunto co anterior, trazou unhas liñas xerais de cómo podería ser construído ese novo antifascismo: desde principios democráticos, liberais, mediante a educación e a loita contra a difamación e o maniqueísmo (caso da política exterior americana, por exemplo, ainda que o propio Herf se mostrase crítico con certas actitudes do seu país nesta materia), evitando a criminalización de todo o mundo musulmán, mais sendo conscientes tamén de que as ameazas do Irán son reais e de que unha posición de “neutralidade” das democracias liberais perante o islamofascismo sería algo absurdo.
Seguidamente tomou a palabra o representante do Partido Verde Iraniano no exilio (EE.UU) Kayvan Kaboli, quen se ocupou de describir as características dos rexime dos mullahs iranianos, as cales o definen de maneira inequívoca como un rexime de feitura fascista, segundo sostivo.
Kaboli argumentou a sua análise no feito do Irán ser un rexime onde a ferocidade, brutalidade e represión contra a súa poboación civil é xeral. Citou como exemplo a vaga de asasinatos sistemáticos e indiscriminados que no ano 1987 tiveron lugar en diferentes prisións iranianas. O control da poboación exércese por medio dunha mistura entre un forte nacionalismo e un clericalismo islámico que asolaga todas as esferas da vida civil e política. Outro trazo que apoiaría esta definición é o expansionismo territorial non disimulado por parte do rexime, dotado dun exército numeroso con soldados preparados para a acción en calquera momento.
O político iraniano criticou iguamente a falta de realismo que, con frecuencia, se daba en Europa á hora de analizar o problema e instou á creación dunha coalición antifascista, incluindo o exilio iraniano como camiño para tentar deter o rexime fundamentalista do Irán.
Dun xeito moi elocuente, claro e ameno, interviu Thomas von der Osten-Sacken, analista político e director de Wadi e V. de Alemaña. Este xornalista con experiencia en zonas de conflicto bélico, nomeadamente Oriente Médio, comezou a súa exposición afirmando que o simple conceito de “fascismo” non definiría exactamente este tipo de rexime e que sería mais apropiado aplicar o de “islamo-nazismo”.
Xustificou, esta aclaración, entre outros motivos, na presenza de elementos comuns, tales como a “”masa”, central para el, a figura da “masa”, da “masa de poboación”, que como no nazismo, se situa detrás dun programa de destricción masiva, neste caso nuclear, amparándoo, dándolle o seu apoio.
Ao igual que o profesor Herf, abogou pola necesidade urxente de afortalar un frente antifascista, tomando como modelo o de Churchill-Rooselvet-De Gaulle
no contexto da 2ª Guerra Mundial, unha fronte de tipo democrática e liberal e criticou con agudeza o relativismo cultural que imperaba na maioría do actual denominado “antifascismo”, o cal sempre formulaba respostas do tipo “é que é a súa cultura...o seu xeito de ser, a súa historia...”, á hora de acometer a crítica de reximes como iraniano.
Nese sentido, engadiu que non se podían pór en cuestión dereitos básicos, elementais para calquera comunidade humana, sexa cal for a súa etnia, relixión ou orixe e expuso unha proposta programática que recollería varios puntos fundamentais, proposta que sería necesaria levar a cabo nas sociedades do Oriente Medio para superar a actual situación. Serían os seguintes:
Democratización dos países e dos individuos en toda a área.
Radical secularización, fin da sharia.
Cambios nas estructuras económicas deses países, ancoradas unicamente na dependencia do petróleo, o cal perpetúa reximes que exercen o seu cargo de xeito arbitrario.
Dereitos para minorías e culturas oprimidas.
Emancipación das mulleres e igualdade de dereitos entre homes e mulleres; dereitos para os homosexuais.
Puxo o colofón a esta interesante, suxente e, ao entender, moi necesaria Conferencia Internacional, a xornalista Simone Dinah-Hartmann, como voceira da iniciativa “Stop the Bomb”, organizadora principal do evento. A leitura do seu discurso lembrou a orixe desta plataforma cidadá, agradedecendo os numerosos apoios que recibira por parte de intelectuais (como a escritora austríaca Elfriede Jelinek, por exemplo, Premio Nobel de Literatura), mais tamén por todo tipo de cidadáns (estudantes, pensionistas, traballadores, membros do exilio iraniano, das comunidades xudías, etc...) e fixo unha síntese de moitos dos asuntos tratados ao longo deses dous días.
Denunciou a banalización do Holocausto que se realizaba con argumentos abertamente antisemitas desde o os países islámicos e mesmo desde sectores da sociedade europea e referiuse á dobre estratexia escenificada por políticos en Europa co rexime de Irán e con este tipo de goberno teocráticos. Neste sentido, citou o actuar líder do FPO, o ultradereitista Strache, quen por unha banda realiza campañas en toda Austria de xeito populista, como foi o caso de “Daham statt Islam” –un xogo de palabras que vén significar algo así como “No fogar en lugar de Islám”-, mentras que por outro apoian o rexime dos mullahs sen maiores problemas.
Instou a que a sociedade e todos gobernos democráticos tomasen moi en serio as ameazas do presidente iraniano, xa que non está só en xogo a existencia mesma de Israel, senón da estabilidade e seguridade internacional en xeral e animou a continuar difundindo a campaña “Stop the bomb”, para denunciar a situación interna do Irán e as amezas contra Israel e para que o goberno austríaco finalice os seus acordos económicos e políticos co rexime de Mahmud Ahmedinejad.

- Asina e difunde:
http://www.stopthebomb.net/

Comentarios