Por Afonso Vázquez-Monxardín
Hai tantas clases de minorías étnicas como pobos. E cada un tende a ter unhas formas de comportamento colectivo socialmente asumidas pero non por iso respectables. O caso extremo é arrincarlles ás nenas o clítoris como fixeron con 135 milóns de africanas e asiáticas, pero podiamos pór outros máis light –desprezo para as mulleres, para outros pobos, comer sesos de mono case vivo...- e serían igualmente rexeitables. Outras pobos, outras minorías, esfórzanse pola contra nos coñecementos útiles ou especulativos ao longo da historia. Os chineses, por exemplo, representan un tanto por certo baixísimo da poboación dos Estados Unidos pero correspóndelles no mundo da investigación universitaria unha procentaxe alta. Ou sabemos que non hai galegos nas villas miseria, ranchitos ou favelas sudamericanos. Outras xentes, pola contra, acomódanse historicamente por moitas razóns, tamén endóxenas, nunhas marxes do sistema moi pouco recomendables. E non falamos, por suposto, de razóns “xenéticas” pero si culturais, no sentido de transmisión de valoración do esforzo, superación, espartanismo, etc. É tema complexo, claro, pero nesta silveira arestora non imos enredar. Pero si quero furgar nunha raíceira cultural positiva, nestes tempos de Día do Libro e Letras Galegas.
Saben coma min que hai e houbo sempre moito xudeu apaixonado pola ciencia e pola letra. A nómina de inventores e intelectuais desta procedencia –e iso que non chegaron nunca aos dez millóns- é enorme. Se cadra isto non é alleo a que un dos libros centrais do seu pensamento, aínda que máis esotérico que relixioso, máis cabalístico que talmúdico, sexa o “Sepher yetzirah” ou Libro da Creación, do século III. Miren o que di: “Deus creou o mundo a través de trinta e dous marabillosos camiños de sabedoría.... dez números e vinte e dúas letras. A partir dos dez números (o sephirot) creáronse todas as cousas abstractas, e a partir das vinte e dúas letras todos os seres reais nos tres estratos do cosmos: o mundo, o tempo e o corpo humano”. A habilidade para comprender os números e as letras e saber como combinalas eran consideradas a clave para entender o universo. Incluso unha lenda dicía que dous sabios talmúdicos, Hanani e Hoshaiah, xuntábanse unha vez á semana para especular co seu coñecemento e tan ben o facían que só mesturando letras e números creaban unha vaquiña. Despois, loxicamente, preparábana e comíana entre todos. Xente intelixente... e aproveitadiña.
Comentarios