PETICIÓN POR UN TRATO XUSTO A ISRAEL


Febreiro de 2008
Ver versión en español

Nos sesenta anos transcorridos desde a súa fundación, sancionada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, o Estado de Israel suscitou xuízos e estados de ánimo moi diversos na esquerda e na opinión pública xeral dos países occidentais. Da admiración inicial pola resistencia e os logros da pequena nación xudía foise pasando en fases sucesivas a unha condena cada vez menos matizada das súas políticas e da súa mesma existencia. Non foi un dato menor para este cambio de sensibilidade a viraxe da política soviética cara ao Estado sionista: de ser o seu principal valedor político e material, como medio de socavar a posición británica na rexión, a URSS pasou a buscar a alianza do panarabismo socialista representado na figura de Nasser e, posteriormente, das distintas faccións terroristas que se arrogaron a representación do "pobo árabe". Á vez, o eixo ideolóxico da esquerda desprazábase do internacionalismo positivista que levou a Marx e Engels a congratularse da adquisición estadounidense de California a un conglomerado de discursos poscoloniais e antioccidentais que beben tanto do mito do Bo Salvaxe coma do relativismo posmoderno. Nos últimos anos, o protagonismo dos conflitos próximo e medio-orientais, así como a reactivación dos ciclos de violencia tras o fracaso do Proceso de Oslo, converteron a Israel en centro da atención da opinión pública occidental. As ideoloxías panarabistas e islamitas conseguiron fixar, contra toda evidencia material e histórica [1], a noción de que o conflito árabe-israelí é o máis sanguento e decisivo do planeta, que se repite xa sen ruborizo tanto en círculos xornalísticos como políticos e diplomáticos. Elementos relixiosos e de estratexia política concítanse nesta versión interesada, que sinala a existencia mesma de Israel -unha franxa de terra non maior que a Comunidade Valenciana, e cunha poboación similar á de Catalunya- como causa última da maior parte dos problemas do mundo árabe-islámico, se non de todo o planeta. Tan alleos ao compromiso -salvo excepcións como os acordos do Primeiro Camp David- como á autocrítica, os Estados árabes mantiveron aos refuxiados palestinos nun conveniente limbo, subvencionado fundamentalmente por EEUU e Europa, que lles permitise usalos contra Israel ou Occidente cando así lles conviñese, á vez que provocaban a saída dos seus territorios de sucesivas ondas de refuxiados xudeus, movemento demográfico este último do que raras veces se fala. Os seus portavoces ocultan tamén que os cidadáns árabes de Israel gozan de dereitos, liberdades e garantías que se lles negan sistematicamente na maioría deses países. A diferenza do panarabismo, o islamismo e o mesianismo xudeu -que na súa forma máis extrema rexeita tamén o Estado de Israel realmente existente-, non consideramos que ningún pobo teña un vínculo sacro coa terra a través dos séculos. Valoramos os procesos históricos, e xulgamos as sociedades políticas non só polas súas orixes, senón tamén polos seus logros. Todos os Estados afunden as súas raíces na guerra, ningún pode exhibir unha executoria histórica impecábel. No nacemento de Israel, como no de calquera outro Estado do planeta, concitáronse aspiracións lexítimas, movementos demográficos, procesos económicos, desposesións, loitas intra e intergrupais e intervencións externas. As interpretacións que pretendan reducir esta trama ao "enfrontamento entre dúas tribos" ou á crúa desposesión colonial dunha pola outra só poden rexeitarse como simplificacións ou manipulacións groseiras. Por todo iso, entendemos que os partidos, as faccións e os particulares son libres de condenar o que estimen oportuno e de solidarizarse coas causas que prefiran, por insolventes ou indesexábeis que sexan. Pero non nos resignamos a que o discurso estándar dos medios de comunicación, en canto modeladores da opinión pública, se contamine de posicións partidistas ate ser cada vez máis dificilmente distinguible delas. Pedimos un trato xusto cara a Israel, que parta do recoñecemento innegociábel da súa existencia como Estado soberano e do seu dereito a protexer aos seus naturais e a defender as súas fronteiras, que deben regresar aos límites de 1967 en canto se dean as condicións de seguridade imprescindíbeis. Rexeitamos a asunción por estes medios das retóricas do panarabismo e o islamismo; ideoloxías esencialmente contrarias aos valores seculares e ilustrados que cimentan a liberdade e a prosperidade das nosas sociedades. Sinalamos a asimetría informativa que publicita as reaccións israelís pero moi raras veces as accións, a miúdo indiscriminadas, que as provocan; e que outorga nome e voz ás vítimas palestinas pero sepulta ás israelís no anonimato cando non na sospeita. Denunciamos a colaboración ou a complicidade dos xornalistas occidentais na propalación de libelos, montaxes, versións interesadas e propaganda de organizacións terroristas [2]. Condenamos así mesmo uns discursos anti-israelís que, se non propiamente antisemitas, nútrense cada vez con menos reparos da gramática e os repertorios do antisemitismo histórico. Esiximos en suma, que se dea a Israel un trato nin máis nin menos obxectivo e respectuoso que o que se concede ao resto de Estados soberanos, moitos deles con credenciais democráticas, xurídicas e humanitarias notablemente peores que as súas.
[1] - Heinsohn, Gunnar e Pipes, Daniel, Arab-Israeli Fatalities Rank 49th.
[2] - The Second Draft.

Comentarios