Fedor xudaico


Por Xosé Luís Méndez Ferrín
.
Eiquí, no Fondo dos Espellos, non falamos de antisemitismo senón de antixudaísmo. Non só os xudeus son semitas de cultura e lingua; os árabes (e polo tanto os palestinos) tamén son semitas. Iso si, Galicia non parece ter producido no seu seo nunca verdadeiros movementos antixudeus. E menos a tradición cultural e política do noso nacionalismo, sempre aberta a toda a pluralidade cultural do xénero humano e ao internacionalismo.

Chámame, si, a atención o silencio que soe gardarse sobre a represión franquista contra as familias Zsbarski, Kupper e Dainoff, de Pontevedra, Vigo e Ourense, cuxos membros sofriron prisión, morte por fusilamento ou dispersión en 1936. Eles eran xudeus non relixiosos, de esquerda na maioría e orixinarios de Rusia que exercían coma dentistas na nosa Terra e nela seguiron a sorte do republicanismo masacrado. O mito dun Franco "protector de xudeus", fabricado interesadamente por asociacións xudías españolas privilexiadas, vénse abaixo ao examinarmos casos coma estes de que tratamos.

O franquismo era antixudeu e érao porque o nacional catolicismo constituía o espiñazo ideolóxico do Réxime. Vicente Risco foi o máis contumaz intelectual antixudeu de Galicia; pro foino despois de renunciar ao galeguismo e só a partir do intre no que el se fixo doutrinario e propagandista espontáneo do nacionalismo católico español. Os sentimentos antixudeus aparecen intensamente expostos na súa ampla obra en castelán posterior a 1936. Risco revela de forma monográfica este aspecto da súa ideoloxía no libro Historia de los judíos hasta la destrucción del Templo, publicado en 1944 ao mesmo tempo que tiñan lugar as gravísimas persecucións do nazi-feixismo contra as poboacións xudías de Europa; e en Historia de los judíos, de 1956, ano no cal o mundo civilizado coñecía xa os pormenores do horror. Ambas edicións, co nihil obstat da autoridade eclesiástica católica.

Vicente Risco daba por certo que os xudeus na Baixa Idade Media secuestraban nenos cristiáns (Ricardo de Pontoise, Dominguito del Val, ou "El Santo Niño de la Guardia") para lles inflixir nos tenros corpos os tormentos da paixón de Xesús e facelos morrer Venres Santo crucificados na sinagoga. Aseguraba Risco que os xudeus delátanse pola súa expresión inqueda e a miúdo receosa e dolorosa; pola marcha tímida, torpe ou sinuosa; pola xesticulación vulgar ou excesiva; pola escasa forza muscular e mais pola súa predisposición ás doenzas cutáneas e nervosas, á demencia e ao suicidio. O temperamento xudeu é, para Risco, bilioso e hepático, o que se reflectirá nun ollar profundo e triste. Os xudeus teñen, di Risco, grande tendencia á proliferación pilosa, especialmente en cabelo e barba. Inda máis, o xudeu, para o ourensán, é humilde, covarde, enganoso, cheo de dobrez, láiase decote, perde a dignidade nas desgrazas. Por suposto, e en termos nietzscheanos, a súa psicoloxía é a do "resentido". Vicente Risco, desde logo, concorda cos alemáns (cos seus alemáns) en que o individuo xudeu despide un fedor ou mau cheiro especial: o foetor iudaicus. Isto polo que se refere aos xudeus tradicionais.

Os xudeus laicos, ateos ou non relixiosos, son os piores e, coincidindo coa súa alma xémea Giovanni Papini, Risco pensa que estes están dedicados permanentemente a pór en dúbida a verdade, emporcar o puro, facer vacilar o sólido, insultar o que é respectado. Neste sentido, a lista de Papini/ Risco resulta impresionante: Heine, Marx, Lombroso, Bergson, Freud, Lassalle, Einstein, Berstein, Adler, Liebnecht, Rosa Luxenburg, Trotski, Ilia Eherenburg, Sinclair Lewis, León Blum... Como ven, á lista de Risco/Papini fáltanlle os grandes elementos "disolventes" sefardistas: Spinoza e Francisco Sánchez. O universo sephardita segue a ser inferior até para os antixudeos galegos.

Finalmente, Vicente Risco acreditaba, coma os hitlerianos, na superioridade dos pobos indoxermánicos (el di, bíblico, "razas xaféticas") chamados a dirixir a Humanidade, co cal este católico incorre no esquencemento ("freudiano", diriamos) do feito de que Deus precisamente ordenou que Cristto nacese xudeu e se manifestase perante o mundo coma circunciso. Na realidade, barbaridades coma as recolectadas non eran orixinais de Vicente Risco nin de Giovanni Papini: formaban parte dun certo pensamento euroamericano de baixa categoría que os xuízos de Nurenberga mandaron para os faiados da Historia, aínda que sen facer desaparecer por completo.
.
Publicado no xornal Faro de Vigo (21.08.2007)

Comentarios

John Oliveira dixo…
Abraço amigo desde Portugal.

Continuem o bom trabalho. Só o esclarecimento pode parar o horror da guerra.

Shalom!

I.B.