ALIANZA DE CIVILIZACIÓNS?


Por Jaume Renyer*


Estes días celébrase en Madrid o primeiro encontro do Forum para a Alianza das civilizacións que promoveu o presidente Rodríguez Zapatero. O mandatario español tirou a idea de crear un centro de debate permanente ao servizo da alianza, (entendida como concordia), entre as diversas civilizacións que no mundo globalizado de hoxe manteñen unha interrelación conflitiva. Con este proxecto Zapatero intenta demostrar que ten algo que dicir na escena internacional dando continuidade ao eco que obtivo a retirada das tropas españolas de Iraq ao comezo do seu mandato. Aparentemente trátase de refutar as teorías de Samuel P.Huntington sobre o choque de civilizacións que, no verán do 1993, publicou un famoso artigo «The Clash ofoff Civilizations?» na revista Foreign Affairs. A repercusión internacional das teses de Huntington e a súa parcial confirmación por mor dos acontecementos mundiais dos últimos anos, (sobre todo tras a masacre do 11 de setembro de 2001 en Nova York provocada dos jihadistas de Al Qaeda), situáronas no medio do debate político e intelectual global. Unha primeira consideración ao redor da súa obra lévanos a preguntarnos como e por que tivo tanta notoriedade, se non era o primeiro en empregar a expresión choque de civilizacións. O 1964, Bernard Lewis xa empregou esta formula para estudar o conflito do Próximo Oriente, segundo facía notar acertadamente Alain Gresh desde as páxinas de Le Monde Diplomatique. E ate antes, o 1924, Antoni Rovira i Virgili, no primeiro número da Revista de Catalunya, publicaba un artigo sobre «O conflito entre os Estados Unidos e o Xapón» no cal prognosticaba unha «guerra de razas», concepto que na terminoloxía de hoxe deberemos considerar como equivalente a «choque de civilizacións». A necesidade de topar explicacións inmediatas desde Occidente aos numerosos conflitos espallados por todas partes, e en especial ao fenómeno do terrorismo de raíz islamita, elevaron as formulacións de Huntington á categoría de referencia para a opinión pública occidental. O seu acerto fundamental consiste en situar os referentes culturais de cada civilización como núcleo xerador de forza creativa (e eventualmente destrutiva), por encima da preeminencia outorgada aos factores económicos, tanto por parte dos teóricos marxistas como dos apoloxistas da vitoria final da economía capitalista como Francis Fukuyama. Ambas visións coinciden no entrelazado dos fenómenos culturais e/ou relixiosos dos grandes movementos sociais de transcendencia histórica contemporáneos. A revista Ideas, número 23-24, correspondente a xullo-decembro de 2004, está dedicada de forma monográfica á análise da vixencia das teses de Huntington sobre o choque de civilizacións. Con respecto aos debates do encontro de Madrid, ben pouca cousa está transcendeu á opinión pública respecto do seu contido, só a presenza do primeiro ministro turco achega un pouco de interese atendida a pretensión do goberno de Ankara por entrar á Unión Europea. O feito que o Estado turco sexa incapaz de recoñecer o xenocidio armenio e opte actualmente pola represión militar contra a minoría curda xa deixa unha idea do que se pode esperar deste Forum. Non me consta ningunha intervención que trate como resolver os conflitos entre os case seis mil pobos que non teñen estado e os menos de douscentos estados que teñen asento ás Nacións Unidas. A dominación política estatal sobre as minorías comprendidas dentro das súas fronteiras é o primeiro dos problemas de civilización a nivel mundial e esta conflitiva realidade é común, con graos de violencia diferentes, a todos os continentes. Disto Zapatero non pode dicir nada.
* Presidente do Forum Catalá pel Dret a l´autodeterminació e foi membro da Executiva Nacional de ERC. Segundo na candidatura de ERC para as Xerais´08

Comentarios