TODO O QUE NUNCA LLE CONTARON SOBRE ISRAEL E NIN SEQUERA PODIA IMAXINAR


Por Miguel Boó
Descargar AQUÍ en pdf o artigo publicado no xornal Faro de Vigo.
Báixome no aeroporto Ben Gurión de Tel Aviv co secreto propósito de contrastar a pé de obra todo o que os medios de comunicación me contaron nos últimos 30 anos sen que xamais tivese ocasión, nin por misericordia, de saber que pensaban os demonizados xudeus. Naturalmente, un que tamén ten os seus hobbies, xa leva máis dun quinquenio bebendo fóra das versións oficiais ditadas polo pensamento único na materia. Dez días logo da miña aterraxe souben que non estaba equivocado: Un segue sendo tan propalestino coma sempre e, xa que logo, non queda outra que desenmascarar e denunciar a quen levou á miseria e á morte ao seu pobo. Lamentarei defraudar a algún, pero os responsables máximos -aínda que non únicos- do que lle acontece aos palestinos non son outros que os seus dirixentes, máis empeñados en destruír ao outro que en crear, en sumar ou en educar para a paz aos seus fillos en lugar de usalos como escudos humanos ou mandalos á morte en forma de suicidas asasinos, ávidos das 70 virxes con cuxo señuelo de posesión sexual os enganan. Mentres estou na habitación do Novotel, desde a que vexo aquí á beira o cuartel e a bandeira de Nacións Unidas en Jerusalem, a televisión local mostra como nenos de 5 ou 6 anos corren toleados cara aos refuxios antiaéreos de Sderot nada máis oir as sirenas que anuncian a caída, en apenas 15 segundos, de sete foguetes Kassam que finalmente causarán “só” doce feridos leves. Cambio á canle internacional de TVE e o que me contan é que os pérfidos israelís volveron asasinar (cando as baixas son hebreas, a nomenclatura occidental di que “morreron”) a milicianos (nunca din terroristas; só combatentes, loitadores, resistentes) e a pobres nenos. Eses nenos, que os dirixentes palestinos usan de carne de canón, 34 dos cales están en cárceres de Israel por intentar atentar contra xudeus portando un cinto de explosivos.

A VERSIÓN QUE NUNCA NOS CONTAN

Un que é xornalista, ate de vacacións, proba a contrastar a nova con fontes israelís e a versión é ben distinta. Os terroristas fustigan desde diferentes emprazamentos á poboación civil israelí lanzando mísiles desde edificios habitados, mesquitas, escolas ou desde onde maior repercusión mediática consigan. Nesta ocasión Israel puxo a proba un novo sistema de radar móbil que, situado no extremo dunha mira telescópica de considerable altura, detectou a orixe dos disparos e serviu a información en décimas de segundo ao helicóptero “Apache” que sobrevoa a zona. Así que esta vez pillaron aos desalmados terroristas que nunca teñen escrúpulos en utilizar a nenos e mulleres como escudos humanos, sen que iso preocupe o máis mínimo a UNICEF ou Amnistía Internacional. Pouco despois chámame un amigo arxentino de Jerusalem e dime que vexa a TV israelí. Basicamente contan o mesmo que lles veño de relatar. Con todo, as bombas que os terroristas disparan desde Gaza quédannos moi lonxe. No resto do país respírase calma, actividade e moita vida. O único incidente que nos chama a atención é que na chaira do Monte do Templo -das Mesquitas para os musulmáns- un gardián da fe islamista lánzase como unha fera contra unha parella que acaba de ousar collerse da man e bicarse imperceptiblemente. A intolerancia ate ao aire libre. Mentres tanto, mozas e mozos xovencísimos, con uniformes caqui confraternizan polas rúas jerosolimitanas cos turistas que o desexan; prestan os seus gorros e as súas armas descargadas para a foto; pousan coa nosa bandeira de Galiza e levan con alegría e patriotismo iso de ter que servir tres anos no exército (24 meses as mulleres) e un mes máis cada ano das súas vidas, ate os 55 (50 anos para elas). Están orgullosos de poder garantir co seu sacrificio que non haberá máis Masadas, esa fortaleza que tamén visitamos antes de bañarnos no Dead Sea, situada a 450 metros sobre o nivel dese Mar Morto que, á súa vez é o punto máis baixo do planeta a 400 m. baixo a liña de flotación do Mediterráneo.

O ESPÍA E OS EUCALIPTOS
Talvez algúns destes novos soldados tiveron que pelexar no verán do 2006 contra os terroristas de Hezbollah, os mesmos que, ademais de causar a morte entre a poboación civil israelí, destruíron, en 33 días, un millón de árbores. Menos mal que o Keren Kayemeth LeIsrael plantou desde 1901 non menos de 200 millóns de árbores, cifra á que habería que sumar o modesto exemplar que un servidor plantou en agosto pasado coas súas propias mans. Aínda que en cuestión de árbores non me resisto a contar a historia do espía xudeu Ellie Cohen quen, tras infiltrarse no exército sirio convenceunos de que os soldados que estaban destacados no Golán estaban soportando unhas condicións de vida inhumanas no medio daquel deserto, en tendas de campaña e sen unha soa sombra. Cohen persuadiu ao alto estado maior sirio de que había que construír barracóns ¡e plantar eucaliptos! Anos despois, cando estourou a guerra dos Seis Dias, os cazas hebreos só tiveron que bombardear as zonas do Golán onde había eucaliptos, para eliminar ao inimigo e facerse co control da zona desde a que a diario se disparaba sobre os kibbutz. O libro “O noso home en Damasco” cóntao punto por punto, incluído o desenlace de Ellie Cohen aforcado na praza central da capital siria.

DESMONTANDO MITOS E ICONOS

Fomos a Israel cheos de prexuízos e de falsos iconos. A varias xeracións de europeos criáronnos co icono do neno palestino tirándolle pedras ao todopoderoso tanque israelí, co icono do novo muro da vergoña, co icono da miseria e dos campos de refuxiados, co icono romántico do mártir suicida. Ao final resultou que os pobres nenos palestinos, cuxos salvaxes pais ou os covardes dirixentes terroristas deste desgraciado pobo envíanos á morte, mataron a pedradas -ben, non os mataron, os xudeus morréronse- a 1.200 israelíess, o 90% civís, “mentres que o segundo mellor exército do mundo” ironiza o politólogo de Oriente Medio Daniel Maoz- só puido eliminar a 4.000 palestinos (o 90% activistas), cifra que, polo demais valeu para que desde Europa, premios Nobel como Saramago comparasen Palestina con Auschwitz??. Precisamente sobre a banalización do Holocausto ao estilo Saramago, algo tan en boga na actualidade, Perla Hazan directora da sección Iberoamericana do demoledor Yad Vashem (Museo da Shoá) de Jerusalém que tamén percorremos, manifestounos o seu desexo de que Occidente traballe conxuntamente para transmitir o legado de non esquecer: “Recordando o pasado” dixo “eguro que seremos capaces de conseguir un futuro máis humano”. Sen dúbida o recordo dos seis millóns de xudeus masacrados polo nazismo, seguen pesando na memoria colectiva do pobo de Israel. Un pobo que lle regalou á humanidade os dez mandamentos, eses preceptos cos que miles de millóns de persoas conducen a súa moral e as súas vidas desde que hai 3.500 anos uns poucos xudeus seguisen as recomendacións de Moisés. Un pobo que introduciu a liberdade fronte á escravitude e que instituiu un día de descanso á semana. Un pobo do que saíron Xesús, Marx, Einstein, Freud e a humillante cantidade de 169 premios Nobel, fronte á ridícula cantidade de 7 laureados dos países musulmáns, que precisarían 22.000 galardóns dese tipo para alcanzar a mesma proporción que os xudeus, en relación coa súa poboación no mundo. “Naturalmente” chancea Perla Hazan- que o 0,2 % da poboación do planeta consiga o 20% dos Premios Nobel só pode ser produto dunha conspiración?? Quizais Perla botou a conta de que se os musulmáns tivesen un número de Nobeis proporcional aos 1.300 millóns que son no mundo, terían que ser 22.000 e non 7 como teñen deica o momento.

AMOR Á VIDA, CULTO Á MORTE

Outro dos mitos, o dos nenos arroxando pedras contra os “invencibles” Merkavá foi explotado ate a saciedade, segundo explica o profesor Maoz quen advirte que o que realmente mata son homes e non pedras, e tamén nenos que se poñen un cinto de explosivos “para aniquilar a cantos máis xudeus mellor, porque iso é o que lles ensinan nas escolas. Por iso se suicídan” e fixérono en 180 ocasións desde 1994-, non a favor de algo, poñamos a creación dun Estado, senón en contra da existencia do outro. Iso si, ningún líder de Hamás, Yihad Islámica, Fatah, OLP ou Mártires da Al Aqsa enviaron aos seus fillos ao sacrificio. Mentres admiro as fascinantes vidreiras de Marc Chagall na sinagoga do universalmente coñecido hospital Hadassah (unha institución fundada en 1912), recordo a explicación que minutos antes deu a súa directora cando aludiu a que alí se atendía a todo o mundo, a vítimas e a verdugos, a terroristas e a inocentes. “Salvar unha soa vida é salvar ao mundo”, dixo convencida. Pero a vida ten moi pouco valor para que está disposto a cambiala por gozar de 70 virxes no paraíso. É así como nace o icono do suicida asasino, que en terminoloxía occidental convértese nun mártir romántico do que nos contan pola pequena pantalla os seus estudos, as súas ilusións e a súa doutrina sanguinaria, mentres nos furtan a identidade das súas vítimas. Obviamente os israelís cos que falamos rebélanse contra o ninguneo das súas vítimas e defenden as accións do seu goberno para evitar a sangría. En opinión do guía de turismo Ariel Seiferheld “é moi doado criticar aos demais mentres tomas un café nunha terraza de Composteal; pero aquí, cando che despides dos teus fillos que se van ao colexio ou da túa muller que se vai ao traballo, non sabes se os vas a volver ver. Menos mal que desde que construíron a cerca de seguridade, os atentados reducíronse case a cero”. De feito, vexo unha gravación de Yihad Islámica-TV na que o seu xefe militar Ramadhan Shelaj recoñece que “a construción da cerca (non usa o termo muro) representa un obstáculo para a perpetración de operacións suicidas”. Escuso dicir que me fartei de percorrer estradas con centos de quilómetros de valado e non de muro, a pesar de que os medios occidentais só teñen sitio para exhibir impúdicamente unhas tapias de formigón que só ocupan o 5% do total do valado, muros que, por outra banda, ten perfecto dereito a erixir calquera estado que se vexa ameazado polo terrorismo, aínda que só sexa porque sen estar ameazados máis que por inmigrantes infelices e desarmados, por pragas, ou polo contrabando, países como España, USA, Holanda, Marrocos, Irlanda do Norte, Chipre, Paquistán, India, Tailandia, Botswana, Kuwait... tamén os construíron e ninguén lles pide contas.

DO MEDO AO EXEMPLO
Os dereitos humanos non existen nos territorios que controlan Hamas ou Al Fatah, pero aos europeos pareceunos que -a pesar de celebrarse sen liberdades, nin dereitos fundamentais, nin candidaturas de todas as tendencias; e a pesar de que non se considerarían válidas en ningún país occidental- as eleccións palestinas foron democráticas. Así que aos israelís, de dereitas e de esquerdas, lévanlles todos os demos que nós, os europeos, os expedidores dos “auténticos certificados democráticos king size ou extra luxury”, miremos con lupa todas as súas accións e pasemos por alto todos os abusos antidemocráticos dos dirixentes palestinos e que nos importe un pimento que as mulleres palestinas vivan soxuzgadas mentres as cómicas españolas íanse a fotografar con Arafat. Pero non só os israelís. Os palestinos con nacionalidade israelí como o comerciante Anuar S. ou o taxista Ahmed J. dinnos coa boca pequena (e por separado) que eles o que queren é que remate a violencia, e que se participan en mobilizacións ou actos da intifada é porque se non serán represaliados polos islamitas. “Queremos traballar e mellorar, e que os nosos fillos teñan futuro”, di Anuar, que ben podería ser habitante de Nazareth, onde árabes e xudeus coexisten desde 1948. Ou da laureada Neve Shalom (Oasis de Paz), unha vila cooperativista, situada entre Jerusalem e Tel Aviv que visitamos para comprobar a exemplar convivencia entre 50 familias, a metade xudeus e a outra palestinos, e da que se fixeron linguas desde Hillary Clinton ao líder palestino Faissal al-Husseini, pasando polo premio Nobel Elie Wiesel ou o escritor marroquí Taher Ben Jalun.
MANIPULAR AOS REFUXIADOS
Como exemplar foi que durante as décadas dos 70, 80 e 90 ingresasen cada día en Israel 150.000 palestinos para traballar. Naturalmente, Europa sempre esixiu que Israel empregase man de obra palestina, pero nunca pediu o mesmo de Xordania e Exipto, países igualmente limítrofes cos palestinos de quen son irmáns de sangue e de relixión. Iso si, dábanselle traballo, criticábase aos xudeus por ter colapsados nas colas fronteirizas aos pobres palestinos, pero se non llo daban, entón Israel era un país sen entrañas.

Viñemos, en fin, co mito dos campos de refuxiados entre cella e cella. Tanto lelo nos medios escritos e escoitalo (que non velo) por TV todos os días, imaxinámonos unha Palestina chea de lugares escampados con tendas de campaña, rúas de terra, nenos amoreados, sen auga, sen luz, sen nada... E resulta que non é así. “O problema dos refuxiados” asegura o escritor e profesor da Universidade Hebrea, Gustavo D. Perednik- non foi creado por Israel senón polos países árabes que invadiron o noso país en 1948 e convidaron aos árabes que moraban entre nós a que abandonasen os seus fogares. Logo perderon a guerra pero foron Exipto e Xordania quen se “ocuparon” dos seus irmáns refuxiados ate que se cansaron deles e, tras a guerra do 67, Israel se tivo que encargar da administración deses territorios conquistados nunha guerra defensiva. Desde o 67 e o 94 Israel construíu vivendas, hospitais, escolas e sete universidades en Gaza e Cisxordania. Desde que Israel se retirou de Gaza, o que ocorra alí é responsabilidade da ANP e de Hamás. O cal non impide, aínda que a prensa de vostedes non o conte, que a pesar de que nos ataquen desde Gaza con Kassam, non deixemos de fornecerlles cada semana toneladas de alimentos e medicamentos. De Cisxordania non lle direi máis que o seu nivel de vida é superior ao de Exipto, Siria, Iraq ou Xordania”. Sobre o particular, Daniel Maoz ten cousas que engadir: “Ate despois de 1994 Israel séguelles proporcionando luz, auga e gas a pesar de que os seus propios dirixentes se empeñan en manter á súa xente na pobreza. Aínda que, iso si, a miseria non é tanta que teñan que vivir en tendas de campaña, a pesar de que prefiran dilapidar en armas e explosivos o diñeiro que Europa lles regala”. Aos israelís non lles queda outra que facer o mesmo gasto pero con cargo aos seus petos e para defenderse de quen queren, pero non poden, borralos da face da terra. Se España dispón de 7.000 millóns de dólares para Defensa, Israel gasta 60 billóns (o 16% do orzamento) para atender as necesidades dun territorio 25 veces menor e unha poboación 6 veces menos numerosa.

UN PEQUENO PERO PUXANTE PAÍS
Israel, cos seus 20.000 km. cadrados é como Galiza sen a provincia de Ourense. En 2006 o seu PIB era de 170.000 millóns de dólares e a súa renda per cápita de 27.000, máis ou menos como o estado español. Sen petróleo, despois de que devolvesen o Sinaí con todas as súas reservas de cru a Exipto a cambio do tratado de paz; sen recursos naturais -¡ah si!, o seu gran recurso é que o 65% do país é o deserto de Negev- e cun territorio tan exiguo, Israel é o segundo país do mundo con máis empresas cotizando no Nasdaq (Bolsa de Nova York). O seu potencial, e a súa exportación -nos últimos 20 anos sextuplicou as súas vendas ao exterior-, están nas industrias biomédica, óptica e farmacéutica, os equipamentos electrónicos e informáticos, o armamento e o pulido de diamantes. Viramos, en fin, visita á incubadora de empresas de Tefen, un dos 4 grandes parques industriais do país, e non saímos do noso asombro ao comprobar como e por que este pequeno gran país funciona tan exemplarmente desde o prisma empresarial.

Comentarios