Por Daniel Jonah Goldhagen
En 1904, o xeneral Lothar von Trotta, o gobernador alemán da colonia de África Suroccidental (hoxe Namibia), proclamou publicamente: "Dentro das fronteiras alemás, cando se atope a calquera Herero, tanto armado como desarmado, con gando ou sen el, dispararase contra el". En 1939, xusto antes do comezo da Segunda Guerra Mundial, Hitler declarou ao mundo a súa intención de aproveitarse dunha guerra mundial para obter "a aniquilación da raza xudía en Europa". Recentemente, o presidente de Irán, Mahmud Ahmadineyad, pediu publicamente a aniquilación de Israel. Poucos días despois repetiu o seu chamamento a "borrar a Israel do mapa". Para que exista un xenocidio deben coincidir dous elementos, a intención e a oportunidade; a intención adoita ser moi anterior á adquisición dos medios e circunstancias necesarios para levala á práctica. En África do suroeste, a intención non podía estar máis clara, e a oportunidade tamén estaba presente, dada a abafadora superioridade militar dos alemáns. Estes levaron a cabo unha matanza sistemática que acabou con tres cuartas partes do pobo Herero. Hitler expresara o seu desexo de "exterminar" aos xudeus xa en 1920, pero ate que Alemaña conquistou Europa, non tivo ocasión de converter os seus desexos en realidade, cousa que se apresurou a facer co asasinato de seis millóns de persoas. Como reaccionou o mundo ante Ahmadineyad, o herdeiro retórico de Von Trotta e Hitler? Coa excepción do portavoz da Autoridade Palestina, os líderes do mundo árabe e islámico permaneceron en silencio. Os xornais dos seus países -coa súa aprobación tácita- publicaron o discurso de Ahmadineyad nas súas portadas, sen ningún comentario. No mundo democrático, os dirixentes políticos e os editorialistas condenaron de forma categórica as súas palabras. Pero as preguntas fundamentais seguen sen resposta: ate que punto debemos tomar en serio as afirmacións de Ahmadineyad? Máis en concreto, que relación hai entre as palabras de Ahmadineyad e a súa verdadeira intención? E coincidirán a vontade e a oportunidade? Moitas informacións e numerosos comentaristas describen a Ahmadineyad como un exaltado, un ex revolucionario estudantil que é politicamente inmaduro e irresponsable, ou como un dirixente político débil que fala para o seu propio público. Outros fan caso omiso das súas palabras porque as consideran baleiras, e sosteñen que Irán non podería nin querería polas en práctica. Moitos suxiren que outros dirixentes máis responsables, como o ex presidente iraniano Hashemi Rafsanyani, supostamente moderado, son máis representativos da verdadeira situación do pensamento e a política en Irán. Con todo, en decembro de 2001, o "moderado" Rafsanyani falou de xeito aínda máis explícita sobre a necesidade de aniquilar a Israel nun discurso dirixido á nación con motivo do Día de Quds (Xerusalén). "Se un día o mundo islámico dispón tamén de armas como as que agora posúe Israel, entón a estratexia dos imperialistas se estancará, porque bastará o uso dunha soa bomba nuclear en Israel para destruílo por completo, mentres que ao mundo islámico só lle causaría un escaso dano. Non é irrazonable pensar nesa posibilidade". Rafsanyani, logo de sopesar as repercusións da política xenocida, declaraba que o prezo merecía a pena. Xa son dous os presidentes iranianos que falaron con claridade de destruír Israel, e o venres 28 de outubro, en actitude desafiante, Ahmadineyad reiterou as súas esperanzas xenocidas a pesar da condena do mundo. Na súa época, as profecías xenocidas de Hitler tacháronse de bravatas ou non se tomaron en serio. Tendo en conta a estreita relación entre as declaracións e as intencións xenocidas que mostra a historia e os enormes custos políticos que ten hoxe o feito de que o dirixente dun país proclame abertamente ese tipo de ambicións, sería unha tolemia non comprender que as palabras dos líderes iranianos son a manifestación das súas intencións. E iso lévanos á cuestión da oportunidade. Irán xa ten mísiles capaces de chegar a Israel. Na actualidade está desenvolvendo armas nucleares, o cal enfrontoulle con Estados Unidos e gran parte de Occidente. Se Irán obtén esas armas nucleares, seríalle fácil destruír Israel e producir un segundo Holocausto. Israel é un país xeograficamente diminuto, do tamaño de Maryland. Tres mísiles poderían volver inhabitables as súas tres cidades máis importantes, Tel Aviv, Jerusalém e Haifa, e matar por centos de miles de persoas. Como sabe Rafsanyani, un só mísil estratéxico colocado preto de Tel Aviv -onde Israel ten un ancho de só uns 15 quilómetros- sería suficiente para destruír, na práctica, o país. É certo que Israel ten capacidade de devolver o golpe cos seus submarinos nucleares, pero, como dixo ás claras Rafsanyani, o enfrontamento que destruiría Israel só "faría escaso dano" ao Islam, un prezo "racional" que merece a pena valorar. A intención xenocida dos líderes iranianos é evidente. É posible que pronto dispoñan dos medios. Que se pode facer? Non debemos recibir as palabras dos dirixentes iranianos como meras bravatas e limitarnos a condenalas, como fixo Kofi Annan, con morna "consternación", senón tomalas en serio, como presaxio dunha estratexia posible. É imperativo que Irán non chegue a ter os medios que permitan aos seus dirixentes "considerar" verdadeiramente a posibilidade de levar á práctica os desexos expresados. Os líderes israelís sábeno e así o dixeron. Tommy Lapid, membro do comité de defensa e asuntos exteriores do Knesset israelí, declarou hai pouco que se Estados Unidos e os europeos non paran a Irán, "cando a situación alcance o punto de non retorno, Israel terá que actuar". Non se trata de mera paranoia israelí. Se Bin Laden, que actúa impulsado por unha ideoloxía islamista semellante á dos dirixentes iranianos, puidese atacar Nova York cun mísil nuclear, non o fixo? Quen, en Nova York, Londres, París ou Berlín, permanecería pasivo se un Bin Laden ou un Ahmadineyad estivese a piques de desenvolver un mísil nuclear logo de proclamar a súa vontade de destruír Estados Unidos, Gran Bretaña, Francia ou Alemaña? Seica os aliados do país ameazado -e todos os países democráticos- non farían todo o posible, incluído destruír a incipiente capacidade xenocida do aspirante a asasino de masas? Por que ten que ser distinto cando o branco é Israel? O propósito iraniano de destruír Israel non ten nada que ver con que haxa un arranxo xusto do conflito israelo-palestino, como os propios líderes de Irán deixaron claro. Consideran que a propia existencia de Israel é, en si, unha ofensa contra o Islam, porque constitúe un posto avanzado dos valores que máis condenan, os dos países democráticos e pluralistas. Non todos os cidadáns nin os dirixentes islámicos desexan entrar en guerra co Occidente democrático. Pero algúns, si. Talvez Israel sería o primeiro obxectivo nuclear, pero podería non ser o único. Deixar que o réxime iraniano actual obteña armas nucleares sería tan irresponsable como as accións de quen non tomaron en serio a Hitler.
Daniel Jonah Goldhagen, é autor do libro "Os verdugos voluntarios de Hitler".
Comentarios
me encanta este blog, soy de galicia pero JAMAS pense que encontraria un blog gallego a favor de israel. Pense que era algo incompatible, ya me habia cansado de defender siempre a israel y acabar discutiendo.
saludos