ENTREVISTA CON... MAZALTOV BEHAR MORDOH
Por José Andrés Rojo
"Teño un neto", di e levanta o dedo índice. "Un neto e un fillo". Pero puido non chegar a telos. Cando chegou ao campo de concentración de Auschwitz, Mazaltov Behar Mordoh foi elixida dentro dun grupo de 18 raparigas para facer de coello de indias dos nazis. Tiña 17 anos. "Colocáronme unha madeira aquí no estómago, moi ancha e consistente, como unha caixa, e logo aplicaron a radiación. Tiveron que pasarse porque me esnaquizaron tamén o ril". Leva no seu brazo gravado o número de prisioneira 41.577. Naceu en Salónica en 1925. A súa infancia foi moi feliz. "O meu pai era comerciante e viviamos moi ben", conta. Tratábana como unha princesa, os seus ollos brillan agora cando se acorda. Behar vén de Béjar, e é que a familia afastada de Mazaltov foi unha das moitas que saíron de España cando os Reis Católicos expulsaron aos xudeus. Aprendeu ladino cando nena e no seu español de agora resoan os ecos da súa vella lingua. "Logo veu a guerra a destruír a todos", di Mazaltov Behar, unha das vítimas chegadas a Oviedo para dar o seu testemuño na entrega do Premio Príncipe de Asturias da Concordia que recibirá Yad Vashem, o Museo da Memoria do Holocausto de Xerusalén. Pronto, na mesma Grecia, separouse dos seus pais e nin sequera fixo a viaxe a Polonia con eles. "Durou unha semana, fomos en tren, amoreados como gando, sen sitio sequera para facer as nosas necesidades". De cando en vez parece que a atafegan tantos recordos e cala un instante, coma se non houbese tempo suficiente para deterse nos detalles. "Ao chegar separáronnos". Ao grupo de nenas, ás que elixiron para facer experimentos -"as máis altas, as máis guapas"- instaláronas no bloque 10. "Nada máis saír da primeira sesión comecei a vomitar e a vomitar". A idea era cargarse os seus ovarios. "O doutor Glauber ocupábase das casadas e o doutor Horst Schumann das que eramos virxes. Houbo primeiro unha sesión de radiacións e despois outra. Logo operábannos para ver como fora a cousa. Pero Schumann tiña moito traballo e encargou a un médico xudeu de 80 anos que se ocupase de min. Eu pedín que non me estragasen todo, que quería ter fillos. A enfermeira Fela, que tanto me quixo, axudoume. 'Estás pedindo que me maten, Fela?', preguntoulle o médico cando esta lle dixo que me salvase o ovario bo. Quitoume o que tiña podrecido e deixou o que estaba ben. Logo matárono. Non o esquecín. O meu fillo chámase Samuel, por el, e David, polo meu irmán, que morreu en Auschwitz, como os meus pais". Cando os alemáns abandonaron o campo de concentración, Mazaltov estaba moi enferma. Tuberculose. "Xa nin me traían auga para que me lavase". Axudárona a saír. Camiñaron unha semana pola neve da Alta Silesia ate chegar a Schwering. Quen se detiña, ficaba aí. "Sabe que pedín cando un ruso me convidou a elixir o que quixese para comer? Unha cebola". A paz ía consolidándose. Á rapariga levárona primeiro a Bruxelas e desde alí a Atenas. Alí coñeceu ao que ía ser o seu marido. Tiveron un fillo. Pasaron oito anos en Brasil, regresaron a Grecia, logo instaláronse en Lloret de Mar. É a historia 41.577.
Comentarios