IRÁN E A DEFENSA DE ISRAEL

Por Rogelio Alaniz (*)

Do presidente iraniano Mahumoud Ahmadinejad, poden dicirse moitas cousas menos que non sexa claro, frontal e ate sincero. Foino así cando organizou un congreso internacional para negar o holocausto, foino así cando asegurou que o obxectivo prioritario de Irán era o de equiparse con armamento nuclear e así o é nestes días cando prognostica que a destrución do Estado xudeu está cerca. Con el se poderá disentir ou estar de acordo, o que ninguén pode alegar é non saber con quen se está a falar. A diferenza doutros estadistas, o xefe iraniano expresa con absoluta franqueza os seus obxectivos. Ahmanidejad podería dicir o mesmo que nalgún momento dixera Metternich, o lúcido e esvaradío diplomático austríaco: "eu aos meus colegas os engano dicindo a verdade". Nese universo de intrigas, sinuosidades e mentiras, dicir a verdade transformábase no mellor argumento para incitar ao erro a diplomáticos avezados na mentira e os dobres discursos. O xefe iraniano non mente nin disimula os seus obxectivos. Ao seu xeito é transparente, lineal e, se se permitise a palabra, honrado. Di o que pensa e o que se propón facer; se non fai máis non é porque non queira senón porque non pode, pero conveñamos que todas as súas enerxías están orientadas a cumprir coa súa palabra e ninguén o pode acusar de mentireiro, de prometer e non cumprir, ou de dicir unha cousa e despois facer outra. Dito con todo respecto, Hitler estaba curtido na mesma madeira. O Fhürer sempre dixo o que pensaba e ademais escribiuno, con estilo prosaico, infestado de lugares comúns, pero claro, frontal case ate a brutalidade e a grosería. Hitler sempre dixo que Alemaña debía conquistar o espazo vital, que o Terceiro Reich debía durar un milenio e que no prazo máis breve posible había que exterminar aos xudeus e a todos aqueles pobos de raza inferior ou de pensamentos inferiores. Hitler nunca enganou a ninguén. Xamais dixo unha cousa por outra. Ate cando asinou con Stalin un acordo de paz, os dous sabían que era provisorio e que en calquera momento podía romper e ninguén estaba obrigado a avisar sobre esa ruptura. Con todo, a pesar desa sinceridade, desa exposición descarnada dos obxectivos, os avezados diplomáticos de Francia e Inglaterra, Chamberlain e Daladier crían que non era para tanto. Cando quixeron reaccionar as bombas estaban caendo sobre París e Londres. O único político en Europa que se convenceu rapidamente de que con Hitler non había ningunha posibilidade de negociación e que a única alternativa era a guerra ate o exterminio, foi Winston Churchill, a quen por suposto os seus colegas laboristas, liberais e conservadores trataron de tolo, senil e violento ate que, convencidos de que as bombas que caían do ceo non as enviaba Deus nin eran de xoguetes, decidiron convocalo para que salvara a Inglaterra. Entre Hitler e Ahmanidejad hai diferenzas, diferenzas importantes, pero tamén hai coincidencias. Así como sería un erro conceptual equiparar a un e a outro sen advertir o que os distingue, tamén sería un erro político moi serio e de imprevisibles consecuencias non captar o que haxa de común entre os nazis que falaban da raza superior e os integristas musulmáns que ponderan as virtudes da relixión superior. Outra das constantes é o sentimento de morte: mentres os nazis soñaban co universo bucólico das walkirias, hoxe os integristas consólanse pensando que nas coloridas estepas de Alá espéranos decenas de virxes para facelos felices durante toda a eternidade. Morrer polo Reich ou morrer por Alá historicamente non é a mesma cousa, pero a pulsión de morte é similar. O antisemitismo, como racismo e odio á modernidade, é outra das coincidencias dos nazis co integrismo musulmán. A diferenza dos integristas cos xudeus pode expresarse como diferenza relixiosa, territorial ou política, pero en todos os casos ese é apenas un pretexto subordinado a un sentimento de odio que só pode ser saciado co exterminio do pobo xudeu. Os integristas non odian aos xudeus polos erros que cometen e dos cales ningún pobo está exento, senón polos acertos que constrúen. Odian a súa intelixencia, a súa creatividade, as súas tradicións humanistas. Non lles molestan os seus excesos militares, moléstalles que logo os propios israelís sancionen aos militares que se excederon; non lles amola a corrupción, amólalles que os corruptos vaian en Israel ao cárcere condenados por xuíces e non linchados ou apedreados na vía pública; non lles molesta a discriminación que ás veces un xudeu pode facer contra un palestino, moléstalles que en Israel os palestinos gocen de dereitos que non gozan en Xordania, Siria ou na propia Palestina. Israel ocupa o 0,002 por cento de todo o territorio árabe. Nesa pequena lonxa de terra, non hai petróleo nin riquezas naturais. A súa poboación é o 0,01 por cento da poboación musulmá, pero nese territorio ínfimo funciona un dos sistemas sociais máis avanzados do mundo, as súas universidades capacitan profesionais que logo obteñen distincións académicas mundiais. Asediados polo terrorismo e a ameaza de exterminio como Estado, en Israel funciona unha central de traballadores considerada como unha das máis combatibas de Occidente e no plano político están recoñecidos os dereitos civís e políticos dos seus cidadáns. Ese mal exemplo nas barbas dos aiatolás non pode tolerarse. Esa vocación humanista nas fronteiras de déspotas e sátrapas non debe consentirse. Para os aiatolás e os seus ocasionais rivais, os xeques ensabanados enriquecidos coa renda petroleira, sempre é mellor un pobo sometido, de xeonllos á Meca, mentres a súa vida terreal é un inferno. En definitiva, sempre é mellor botarlle a culpa das desgrazas a algún inimigo exterior que asumir as propias responsabilidades pola fame e a miseria dos seus pobos. E, xa se sabe, á hora de buscar un chibo expiatorio, nada mellor que un xudeu. Onde están, pregunto, os científicos, os humanistas musulmáns, que noutros séculos iluminaron ao mundo coa súa sabedoría? Onde van os miles de millóns de dólares obtidos da renda petroleira? Tamén os xudeus son culpables da miseria, o analfabetismo, a discriminación social e sometemento vil ás mulleres? Como dicía un recoñecido historiador europeo: Israel propúxose ser Atenas e obrigárono a ser Esparta. Basta mirar o mapa de Medio Oriente para darse de conta que só a perversidade relixiosa e a cegueira política poden aceptar o principio de que Israel é o Estado agresor. O antisemitismo larvado é tan poderoso que a Israel nin sequera admítenlle o dereito á defensa. Para as satrapías musulmás os xudeus deberían ter o mesmo comportamento que tiveron cos nazis: deixarse matar, aceptar marchar como manso rabaño ao degolladero. Ahmanidejad é tan sincero como Hitler. Cre no que di e o que di está disposto a cumprilo. Os Daladier e os Chamberlain de quenda supoñen que non hai que tomalo en serio, que sempre o poderán controlar e que en todo caso hai que facerlle algunhas concesións para contelo un pouco. O erro de perspectiva en 1938 custou cincuenta millóns de mortos. Ninguén está obrigado a crer que sesenta anos despois ocorra algo semellante, pero non está de máis recordar que o home é o único animal da terra que tropeza dúas veces coa mesma pedra.

(*) Xornalista e historiador arxentino

Comentarios