Por Rosa Montero
A filósofa alemá Hannah Arendt (na fotografía), autora das orixes do totalitarismo, era unha muller lúcida e honesta que xamais domesticou o seu pensamento con dogmas nin o acomodou ás conveniencias. Nunca deixou de pensar por si mesma, con todos os acertos e os erros que ese esforzo de reflexión leva. Agora saíu en Destino unha espléndida biografía súa feita por Laure Adler, e léndoa decateime de algo abraiante: que nos primeiros anos logo da II Guerra Mundial, cando saíron á luz todos os horrores do nazismo, as vítimas do Holocausto foron máis ou menos ignoradas e ate desprezadas por un bo número de xudeus, tanto aqueles que estaban intentando formar o Estado de Israel como bastantes intelectuais repartidos polo mundo, entre eles a propia Hannah Arendt, que conseguira escapar da matanza e vivía en Estados Unidos. Hoxe cremos que o sabemos todo sobre o Xenocidio. Fixéronse numerosas películas, publicáronse infinidade de libros. Máis dunha vez escoitei a alguén dicir que estaba farto de que os xudeus "falasen todo o tempo" do Holocausto. Unha apreciación que eu non comparto, porque creo que hai que ter sempre moi presentes as atrocidades que cometemos para non esquecer xamais do que somos capaces. Claro que hai que falar do exterminio nazi, e da carnicería monumental perpetrada polos jemeres vermellos; do inferno do estalinismo ou das bombas de Hiroshima e Nagasaki (por que ninguén recorda que causaron 220.000 mortos?). Algo moi distinto é a utilización do dano sufrido como escusa para xustificar calquera tropelía, como sucede cos falcóns israelís e o terrible drama palestino. Pero ese mal uso político e moral, denunciado xa por Arendt hai décadas, non ten nada que ver co sólido horror do Xenocidio. Ademais, diríase que a solución final nazi é unha monstruosidade especialmente perversa pola fría lóxica que utilizou. Hai un fermoso libro do israelí Amos Oz, "Historias de amor e escuridade" (Siruela), que conta que, ao principio, moitos xudeus alemáns non vían a Hitler con malos ollos. Si, era antisemita, pero traía a orde a unha Alemaña caótica, e ao que máis medo tiñan os xudeus, o que a historia ensinoulles a temer, eran as desordes sociais e as masas de alborotados linchadores. De modo que o Terceiro Reich demostrou que un sistema metódico e ordenado podía ser aínda máis atroz que o máis completo caos. E que non só o soño da Razón produce monstros, senón tamén a Razón mesma, ou algo disfrazado de Razón e que carece de compaixón. Un ensino que non debemos esquecer. Pero dicía que, aínda que hoxe cremos sabelo todo do Xenocidio, o certo é que nos primeiros tempos as pobres vítimas inquietaban e irritaban, pola súa carga de dor, a moita xente. Desde logo a moitísimos xentiles, que non sabían que facer cos sobreviventes (volvéronos a internar durante anos en tristes campos de refuxiados). Pero tamén a moitos xudeus. Como conta Laure Adler, un membro do Jewish Committe escribiu nunha carta a un colega: "Os que sobreviviron non son os máis aptos, senón maioritariamente os xudeus máis baixos, que mediante a astucia ou os instintos animais puideron escapar". E o poeta sionista Hair Nahman dixo o seguinte: "Fuxiron como ratos, escondéronse como chinches e morreron como cans alá onde os topaban. Iso foi en Europa. Aquí, en Palestina, isto non ocorrese (...). Aquí, a terra de Israel produce un home novo". Hannah Arendt foi menos brutal, pero tamén pensou, como moitos outros, que as vítimas deixáronse matar como reses. Que a súa pasividade foi inexplicable. Coma se seis millóns de mortos puidesen ser o resultado dunha pequena debilidade de carácter. Dun modo ou outro, parte da comunidade xudía internacional que non viviu o Holocausto tendeu nos primeiros momentos a culpabilizar aos que o sufriron, e tivo que pasar algún tempo ate que se empezou a escoitar de verdade ás vítimas. Probablemente, o Holocausto foi unha atrocidade demasiado grande, un inferno que non cabía na cabeza e que tardou en poder ser asumido. Culpabilizar ás vítimas é un xeito de negar o horror e de evitar o pánico que o horror produce. É un recurso amplamente usado: vimos culpabilizar a mulleres maltratadas ou violadas, ou a persoas asasinadas por ETA... Velaquí outro ensino terrible: os humanos somos bastante miserables e, polo xeral, as vítimas molestan.
Comentarios