IRÁN: NINGUÉN É DEMASIADO NOVO PARA MORRER


Un iraniano debe esperar no seu país a cumprir 16 anos para poder votar. Aos 18, pode abrir unha conta bancaria, obter o carné de conducir vehículos ou vender propiedades. Pero pode ser aforcado a calquera idade. Segundo o artigo 49 do Código Penal Islámico, a idade de responsabilidade nesa materia é de nove anos para as nenas e de 15 para os homes. Por todo isto, é difícil establecer cando unha persoa é considerada adulta neste país. No estado español son moi poucas as voces que se alzan pedindo ao Goberno a ruptura de relacións cun réxime que non respecta os máis fundamentais dereitos humanos, facendo así luz de gas á violencia cometida contra colectivos que o noso Executivo di ter como prioridade, como son os das mulleres e os homosexuais. Semella puro exercicio de cinismo.


Hai seis meses, Nazanin, unha adolescente de 17 anos, entregouse á policía tras apuñalar e matar a unha das tres persoas que, segundo relatou, intentaron atacala a ela e á súa sobriña de 14 anos. Pero Nazanin foi atopada culpable de asasinato e condenada á morte. A rapariga apelou a sentenza, segundo informou o xornal Etemad Melli. O mesmo diario tamén informou sobre a execución nun cárcere de Teherán de Evin Sattar, un mozo condenado por matar a un home cando tiña 17 anos, nunha pelexa por unha cabina telefónica. As autoridades esperaron a que Sattar cumprise 18 anos para envialo á forca. Institucións internacionais e organizacións de dereitos humanos dentro e fóra de Irán condenaron ao Estado islámico por esa práctica. "Irán é o único país que en 2005 aínda executaba a menores", segundo Piers Bannister, coordinador da campaña da organización de dereitos humanos Amnistía Internacional contra a pena de morte.

Violación dos compromisos internacionais


Como signatario da Convención sobre os Dereitos do Nenos e da Convención sobre Dereitos Civís e Políticos, Irán acordou non executar a condenados por delitos cometidos antes de cumprir 18 anos. Pero ignorou eses tratados en reiteradas ocasións. Desde 1990, Amnistía Internacional documentou a execución de 29 condenados menores de idade no momento de cometer os crimes polos que foron acusados. Organizacións como o Comité das Nacións Unidas para os Dereitos do Neno, Amnistía e Hands Off Cain, entre outras, chamaron a Irán a abolir a sentenza de morte para os nenos. Para enmascarar as execucións, segundo estas institucións, o goberno iraniano adoita postergalas ate que o prisioneiro cumpre 18 anos ou, directamente, minte sobre a súa idade. Organizacións de dereitos humanos tamén acusan a Irán, o país con máis execucións detrás de China, de sentenciar a mulleres a morte por delitos sexuais. En cambio, é máis probable que os homes afronten azoutes polas mesmas infraccións porque, segundo a lei islámica (shariá), eles poden ter parellas "temporais". En 2004, Atefeh Sahaaleh Rajabi foi xulgada con celeridade e aforcada en Irán setentrional. O seu caso concitou a atención internacional porque carecia de defensa legal. Aínda que documentos xudiciais dixeron que tiña 22 anos ao ser executada, o seu certificado de nacemento e o testemuño do seu pai demostraron logo que apenas tiña 16 anos. Xa era tarde. A fiscalía acusou a Sahaaleh de manter relacións sexuais ilícitas en catro oportunidades. Con todo, activistas de dereitos humanos aseguraron, entrevistados por Amnistía e por realizadores dun documental da BBC, que a nena sufría problemas psicolóxicos e foi violada reiteradamente por un home de 51 anos. Sahaaleh terminou na forca. O seu violador recibiu 100 azoutes. O maxistrado que a xulgou non tomou a violación en conta. A Corte Suprema mantivo a sentenza tras a apelación. A familia de Atefeh demandou ao xuíz logo da execución, pero foi absolto. Desde a execución de Sahaaleh, Amnistía Internacional documentou casos de polo menos outros nove nenos. Kaveh Habibnezhad, de 13 anos, faleceu logo de ser sometido a flaxelación. O raparigo fora atrapado comendo en Ramadán, mes no cal, segundo o Islam, debe manterse xexún durante o día.

Execución por delitos sexuais

As leis iranianas, baseadas na sharia, entran en conflito co dereito internacional, pois admiten a execución por delitos sexuais. De non mediar denuncia da vítima, o Estado pode actuar de oficio en casos de delito sexual, no seu carácter de garante da moral pública. Se o acusado confesa ou se presentan suficientes testemuñas, de acordo coa lei islámica, a sentenza adoita ser automática. Cando o parlamento intentou elevar a idade mínima de homes e mulleres para contraer matrimonio a 18 anos, na pasada presidencia do reformista Mohamed Jatami, a lei foi vetada tres veces polo Consello de Gardiáns, órgano do Estado integrado por seis clérigos a cargo de controlar o apego á relixión de normas e candidatos. O parlamento insistiu, e a lei foi remitida a un organismo de alzada, o Consello de Conveniencia. Dezaoito meses despois, o Consello elevou a idade mínima de matrimonio para as nenas a 13 anos. Os homicidios e os delitos vinculados ao sexo, tales como incesto, adulterio, prostitución ou homosexualidade, son as principais causas polas que tanto adultos como menores poden ser condenados á morte. Estas sentenzas son impostas de cando en cando por cargos relacionados con drogas. Nun caso de asasinato, a familia da vítima ten "dereitos de sangue", de acordo coa shariá. Isto permítelle pedirlle ao condenado ou a súa familia diye ou qisas, é dicir, diñeiro a cambio da vida.

Comentarios