Por Amós Oz
Se o rascuño do posíbel acordo levase a un plebiscito en Israel e entre os palestinos, poríase ao descuberto que ámbolos pobos están dispostos a unha solución do conflito. A separación entre Gaza baixo o réxime de Hamas e Cisxordania, dirixida por palestinos máis moderados, representa algo así como un prequecemento histórico para concertar a paz entre Israel e o Goberno de Mahmud Abbas. O Gabinete de Olmert así como o de Abbas aceptan o principio de dous Estados para dous pobos, a idea de territorios por paz e a concepción do fin do dominio israelí. Os puntos de diverxencia non son poucos, pero en ningún deles hai un abismo entre as partes. Unha negociación intensiva podería contemplar as diferenzas e chegar ao borrador dun acordo. Que sucederá con Gaza en mans do Hamas, Gaza exposta á influencia iraniana e ao Hezbollah? Cabe agardar que ao acadarse un acordo israelí-palestino, a creación do Estado palestino independente en Cisxordania, e a fin da conquista israelí sobre os palestinos nesa rexión, espertará na Franxa un movemento popular que se subleve contra o goberno fanático e extremista relixioso do Hamas. As masas populares non poderán senón comprobar os logros históricos dos habitantes de Cisxordania, e loitarán para desmenuzar o xugo de Hamas e incorporarse ao Estado palestino. Tanto por parte do Goberno de Olmert, como polo de Abbas, percíbese un clima positivo. Israel levou a cabo unha serie de xestos co fin de manifestar a súa boa vontade: a liberación de prisioneiros palestinos, a súa aprobación de outorgar armamento moderno para as forzas de Abbas, o acordo de amnistía a líderes terroristas de Al Fatah e facilidades adicionais. Os palestinos pola súa banda, veñen realizando recoñecidos esforzos para evitar a anarquía en Cisxordania: recollen material bélico de grupos armados e tratan de evitar posibles ataques terroristas contra Israel. A cláusula "loita armada" foi finalmente retirada da plataforma do novo Goberno e no seu lugar fálase dun acordo que será logrado a través de negociacións con Israel. En lugar do reclamo por "o dereito ao retorno", cuxo significado sería a eliminación de Israel, os palestinos introduciron un inciso que proclama "a procura dunha solución xusta e de común acordo para o problema dos refuxiados". O discurso pronunciado por Ehud Olmert en Sharm El Sheik (Exipto), no que por vez primeira puxo de manifesto a súa comprensión e ate a súa admiración pola tolerancia dos refuxiados palestinos, testemuña que tamén Israel desexa unha solución "xusta e de común acordo" ao problema dos refuxiados. Os xestos israelís poderían chegar a ser só migallas senón se chega a unha negociación emprendedora e de alto voo para a solución de todos os problemas aínda en discusión e en prol do establecemento dun Estado palestino en Cisxordania. O próximo paso debería ser comezar de inmediato coas conversas entre Israel e o goberno de Abbas sobre os temas cruciais do conflito: Jerusalem, as fronteiras definitivas, o futuro dos asentamentos, o problema dos refuxiados e os lugares santos. Sobre todos eles existen exemplos posibles de solución: o Plan Clinton, a Fórmula de Taba, a Iniciativa de Xenebra, etc. Serán suficientemente fortes os Gobernos de Olmert e Abbas como para convencer a ambos os pobos a aceptar o acordo polo cal deberán afrontar ambas as partes renuncias dolorosas? Velaí que aos dous gobernantes agárdanlles boas novas: se ambos se animan e chegan a un borrador de acordo, e se este é levado a un plebiscito en Israel e entre os palestinos, todos poderán apreciar que a gran maioría dos dous pobos están dispostos a unha solución do conflito. Quedarán felices os palestinos e os israelís con este arranxo? Bailarán nas rúas cando isto aconteza? Certamente non. Mais -e estas son as mellores noticias nunha realidade desagradable- ámbolos pobos xa coñecen cal é a moralexa. Eles adoptarana a través do plebiscito, aínda que sexa de mala gana.
Comentarios