APLÍQUESE SÓ A ISRAEL


Por Anne Bayefsky*


A Asemblea Xeral da ONU creou o Consello de Dereitos Humanos sen especificar ningún criterio de ingreso, como, sen ir máis lonxe, respectar os dereitos humanos.


Hai un ano, Kofi Annan disolveu baixo presión a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, despois de que esta se autodesacreditase repetidamente, chegando a elixir un presidente libio. A súa sucesora, o Consello de Dereitos Humanos da ONU, está demostrando ser aínda peor. O Consello celebrou o seu primeiro aniversario en Xenebra, Suíza, adoptando unha axenda que supón unha afronta ao mundo civilizado. abandonou o obxectivo de investigar as violacións de dereitos humanos nas brutais ditaduras de Bielorrusia e Cuba para centrar no seu lugar a súa atención unicamente en Israel. Tamén informa por escrito dun novo "código de conduta" co que os demais investigadores de dereitos humanos van ser así atados curto: o recentemente adoptado Código de Conduta afirma que o fracaso á hora de non exercer "a contención", "a moderación" e "a discreción" será motivo de despedimento. A Asemblea Xeral da ONU creou o Consello de Dereitos Humanos sen especificar ningún criterio de ingreso, como, sen ir máis lonxe, respectar os dereitos humanos. O Consello abarca xa a países como Angola, Acerbaixán, China, Cuba, Exipto, Qatar, Rusia ou Arabia Saudita. Segundo o baremo da Freedom House, menos da metade dos seus membros son democracias plenas. E logo da exitosa aposta dos bloques rexionais por asumir o control dentro do Consello, a Organización da Conferencia Islámica domina hoxe o Consello. O resultado é a aniquilación dun sistema de dereitos humanos construído ao longo de décadas, que é substituído por unha obsesión intensa contra Israel. Este país foi obxecto de tres sesións especiais, recibiu o 75% das resolucións referidas a un único país e continuará sendo rutinariamente condenado deica que os países membros do Consello decidan que "a ocupación" terminou, unha ocupación que moitos deles pensan que comezou coa propia creación de Israel. Mentres tanto, existe un enxordecedor silencio ao redor dos demais 190 membros da ONU, con sinais que apuntan a que as investigacións dos restantes países rematarán axiña. Houbo unhas cantas resolucións que instaban a maior cooperación con Sudán. Outra resolución sobre a liberdade de expresión e opinión non foi aprobada polo Consello. Descarrilouna o Grupo de Estados Árabes. En cambio, o Consello si adoptou unha resolución titulada "Combater a difamación de relixións", na que afirma que a liberdade de expresión "debe exercerse con responsabilidade" e ten que ser limitada para protexer "a orde pública, a saúde pública ou a moralidade e o respecto ás tradicións e crenzas". A única relixión que menciona é o islam. Coas súas actas traducidas e difundidas en Internet, o Consello agora serve como plataforma de simpatizantes dos terroristas. A semana pasada, Alxeria cualificou a violencia dos palestinos como un "medio lexítimo de liberarse" e, nun intento de protexerse da acusación de discriminación a Israel, dixo que "o antisemitismo non é o privilexio dun grupo reducido... os árabes tamén son vítimas deste tipo de prexuízo". No que se refire a Sudán, o Consello agardou primeiro seis meses para despois decidirse a iniciar outra misión de investigación da ONU. Cando Sudán se negou a deixar entrar no país aos inspectores de dereitos humanos, o Consello creou un "grupo de expertos" que ficou en Xenebra para revisar documentos da propia ONU. Logo déronlle ao grupo seis meses máis. Mentres tanto, en Darfur, 2 millóns de persoas foron desprazadas dos seus fogares e perto de 400.000 morreron. O Consello obrigará a cada membro da ONU a someterse a "un exame periódico universal". Pero resulta que os inspectores inclúen aos violadores dos dereitos humanos dentro do Consello, e os exames terán lugar só unha vez cada catro anos. Ademais, as inspeccións serán realizadas segundo unhas directrices nas que se especifica que se deben tomar en conta os trazos específicos dos países" e que se deben levar a cabo dun xeito... non politizada e non enfrontada" e "non sobrecargar abertamente ao Estado en cuestión". O primeiro ano de Consello pechouse coa elaboración dun novo método para nomear inspectores de dereitos humanos da ONU "independentes". De agora en diante, vainos elixir directamente o Consello. As novas normas de goberno tamén reducen a autoridade do inspector para chamar a atención sobre casos individuais ou realizar chamamentos urxentes á acción. John Bolton, o entón embaixador norteamericano ante a ONU, viu vir todo isto hai un ano. Aconsellou votar en contra da creación do Consello e en contra de que Estados Unidos solicitase ingresar nel (o Goberno seguiu o seu consello). A súa intuición demostrou xa dar na diana. Tamén Canadá merece que se lle recoñeza o seu mérito, despois de que recentemente esixise ao Consello que votase os seus plans para os próximos anos. O presidente do Consello, Luís Afonso d'Alba, de México, bloqueou o esforzo canadense. A solicitude dunha votación foi entón desbotada mediante votación, 46 a 1. A lección política que se pode extraer é que Estados Unidos e Canadá non teñen poder para presionar ao Consello para que protexa os dereitos humanos, e a Unión Europea prefire agochar a súa propia debilidade e sacrificar a Israel a cambio de unirse ao consenso. Isto proporciona unha fachada de credibilidade aos inimigos dos dereitos humanos. Tamén deixa ao contribuínte americano, que sufraga o 22% da factura de toda esta charada, cunha única opción: deixar de financiar ao Consello de Dereitos Humanos da ONU.

Anne Bayefsky é doutora en Dereito Internacional polas universidades de Toronto e Oxford.

Comentarios