Os xudeus cataláns queren recuperar a súa memoria democrática histórica. Un grupo de representantes da comunidade xudía de Catalunya reivindicaron publicamente o pasado martes o dereito a recuperar "a súa memoria", do mesma xeito que o están facendo outros colectivos cívicos cataláns que loitaron contra o franquismo. O acto celebrouse no Colexio de Xornalistas de Barcelona e estivo presidido por Jaume Huberman, representante da sinagoga progresista Beit Shalom. "Os xudeus forman parte de Catalunya e teñen dereito a recuperar a súa memoria histórica", recordou Ignasi Sardà, representante da Dirección Xeral de Memoria Democrática da Generalitat, no acto de apertura do debate, no que participaron representantes da comunidade xudía de Barcelona e das illas Balears, pero tamén representantes do mundo académico e doutras confesións relixiosas presentes en Catalunya e que agardan verse representadas na futura lei catalana da memoria histórica. Ignasi Sardà recordou que a comunidade xudía catalana loitara pola democracia contra o réxime franquista. A comunidade xudía catalana foi especialmente moi activa en tempos da Segunda República e na súa loita contra o fascismo. Neste sentido recalcou que membros desta comunidade sumáronse ás Brigadas Internacionais que loitaron na Segunda Guerra Mundial. Ate chegaron a posuír o seu propio batallón, que foi bautizado co nome Naftali Botwin, en recordo dun xudeu polaco que morrera loitando contra o fascismo. Este batallón formárono 162 brigadistas, dos que sobreviviron pouco menos de 90. A historia deste batallón foi curta, apenas existiu nove meses, ate que quedou practicamente esnaquizado na batalla do Ebro. As tropas franquistas apresaron aos que logaron sobrevivir, para despois executalos ou envialos aos diferentes campos de concentración.
Antisemitismo franquista.
A persecución da comunidade xudía no estado español continuou moito despois da Guerra Civil, recordou pola súa banda Xavier Boltaina, profesor de Dereito da Universidade de Barcelona. Boltaina sinalou como acontecementos máis significativos desta persecución o asalto da sinagoga de Barcelona por parte das tropas franquistas en 1939 e o acoso permanente a que foron sometidos os xudeus ate 1945. O antisemitismo oficial declarado polo réxime franquista tivo como contrapartida a profunda simpatía da sociedade máis catalanista, que viu no sionismo e na independencia do Estado de Israel un desexo do que podía suceder en Catalunya. Jordi Argelaguet, profesor de Ciencias Políticas da Universidade de Barcelona, reivindicou tamén o dereito da comunidade xudía a recuperar a súa memoria histórica. Recordou, ademais, que na literatura catalana había exemplos claros de literatos que apoiaron con paixón a causa xudía na súa obra, como Ramon Llull, Josep Pla ou Salvador Espriu. "Hai que recuperar a memoria democrática xudía sen medo", reivindicou o xornalista Pere Bonnin, orixinario da cidade mallorquina de Sa Pobla, representante da comunidade xueta. Bonnin sinalou que a comunidade xudía constitúe hoxe en día o colectivo relixioso identificábel máis antigo do estado español.
Comentarios