IRÁN, O ÚLTIMO VERDUGO DE MENORES



Por Delia Padrón, presidenta de Amnistía Internacional España

No 2006, pouco despois de cumprir 18 anos, Sina Paymard foi conducido á forca para ser executado. Cando xa tiña a soga ao redor do pescozo, preguntáronlle cal era a súa última vontade. Respondeu que lle gustaría tocar o ney, unha frauta típica de Oriente Medio. A música conmoveu tanto aos familiares da persoa asasinada que se atopaban presentes que aceptaron o pago punitivo da diyat (diñeiro de sangue) en lugar da morte, como permite a lexislación iraniana. Irán é un dos maiores executores do mundo, e tópase ademais na vergoñosa situación de ser o último país que mata a persoas que cometeron delitos sendo menores de 18 anos. Ten a macabra honra de executar desde 1990 a 24 -das cales once eran menores de idade-, máis que calquera outro país. Outras moitas atópanse condenadas á morte, pero as autoridades seguen negando estas execucións. Esta práctica case desapareceu no resto do mundo. Gobernos de todas as rexións ratificaron os tratados internacionais que prohiben estas execucións e introduciron reformas nas súas lexislacións nacionais para facer efectiva a prohibición. Os últimos países en sumarse foron Iemen, China, Paquistán e EE. UU. Aínda que escasas en comparación coa cifra total de execucións en Irán -máis de 170 no 2007-, é preocupante a indiferenza do Goberno iraniano cara aos compromisos e obrigacións contraídos en virtude do dereito internacional en relación coa aplicación da pena de morte a menores e á protección da infancia. Crese que algúns membros do Goberno e do poder xudicial están a favor polo menos de reducir algo a pena de morte nestes casos, pero os progresos son moi lentos. Afortunadamente, xurdiu no país un movemento contra esta práctica inhumana formado por xente diversa. As autoridades acosan a moitos destes activistas, pero o traballo realizado tanto dentro como fóra de Irán tivo un impacto decisivo e pode seguir téndoo. O caso de Leyla Mafi é un exemplo. Foi detida durante o rexistro dun burdel cando tiña 17 anos, tras unha vida de prostitución forzada, abusos e violacións desde os oito anos. Foi condenada á morte no 2004 por "actos contra a castidade". Nun proceso inxusto, tampouco se tivo en conta que tiña a idade mental dunha nena de oito anos, segundo os asistentes sociais. Activistas de dentro e fóra de Irán mobilizáronse polo seu caso, e unha campaña de Amnistía Internacional atopou eco nos medios internacionais. A consecuencia da presión, as autoridades iranianas anunciaron que se revisaría a súa causa. O 27 de marzo do 2005, o tribunal revogou a condena de morte. Unha vez máis, a acción coordinada e sostida de xente corrente foi capaz de facer que as cousas cambien. E o Goberno iraniano debe saber que os activistas de dereitos humanos imos redobrar a presión ate conseguir a abolición total da pena de morte na lexislación de Irán.

Comentarios