ANTISEMITISMO EN GALIZA?


Por Ignacio Ramonet

Con Ramón Chao, estiven hai uns días en Redondela, a miña vila natal, convidado polo Club Internacional da Prensa que dirixe con eficiencia Carmen Carballo. No Multiusos da Xunqueira, posto a disposición polo alcalde Xaime Rei, demos ao alimón unha conferencia sobre "Guerra e paz hoxe; xeopolítica dos conflitos contemporáneos", que pechaba o ciclo sobre "Os latexos do mundo". Lonxe estabamos de imaxinarnos que, nese marco, iamos ser testemuñas, na Galicia de hoxe, de manifestacións de odioso antisemitismo. O noso propósito era propoñer respostas a algunhas das seguintes preguntas: como entender o mundo contemporáneo? Cales son os principais enfrontamentos -militares, políticos, económicos, ecolóxicos- do mundo de hoxe? É acaso a chamada "guerra contra o terrorismo internacional" a resposta axeitada ás grandes desordes contemporáneos? Dixemos que, ao contrario da impresión que dan os grandes medios, o mundo esta hoxe bastante pacificado pois o 80% dos conflitos se producen no interior dun único "foco perturbador" constituído por un área xeográfica que vai de Cachemira a Darfur, na que se atopan Afganistán, Irán, Iraq, Chechenia, Kurdistán, Líbano, Palestina e Somalia. Fóra desa zona, e se exceptuamos Colombia e Sri Lanka, non hai guerras importantes no planeta. Ou sexa, que desde hai 200 anos, nunca coñeceuse un mundo menos conflitual. Por vez primeira en séculos, ningún conflito enfronta a dous estados entre si. Ou sexa, que todas as guerras son entre un Estado e unha ou varias organizacións non estatais armadas: por exemplo, Estados Unidos contra Al Qaeda, Turquía contra o PKK curdo, Israel contra Hezbollah ou contra Hamas. Era pois un tema moi amplo que Ramón Chao, apoiándose nunha sólida documentación histórica, alongou máis aínda evocando a "guerra contra os pobres" contra quen se ensaña hoxe a globalización neoliberal. A nosa sorpresa veu ao iniciarse o coloquio coa sala ateigada por unha asistencia en gran parte acudida de fóra de Redondela. A primeira persoa, moi exaltada, que tomou a palabra empezou lanzando longos improperios contra unha sorte de "conxura dos xudeus" que, segundo ela, "grazas ao seu poderío económico e mediático" "fan unha chantaxe permanente á opinión pública internacional evocando sen cesar o xenocidio e así vitimizándose". O que, sempre segundo esa persoa, "permítelles cometer pola súa vez un xenocidio contra os palestinos". Despois desa restra de tópicos antisemitas, expresados a berros, o que máis nos sorprendeu foi que unha parte da asistencia aplaudiu coma se aprobase tan lamentables propósitos. Pola miña parte, declarei que condenaba do xeito máis explícito semellantes palabras e que atopaba insólito que a estas alturas aínda se puidese caer, baixo pretexto de defensa da causa palestina, no antisemitismo máis craso. Se é obvio que se deben criticar algunhas actuacións dos exércitos de Israel (á igual que os atentados palestinos contra civís israelís inocentes), iso non debe en ningún caso levar a retomar os nefastos seudoargumentos do máis alieno e criminal antisemitismo. A maior parte dos asistentes aprobaron con aplausos esta posición. Pero, habilmente espallados pola sala, o que mostra que o grupo viñera con malas intencións, os amigos da primeira persoa replicaron tratándome de "traidor" e de "ignorante", argumentando que "o antisemitismo non existe pois os árabes tamén son semitas". Coma se unha crítica léxica puidese negar a realidade do tráxico e secular antixudaísmo en toda Europa, sen excluír Galiza. Este incidente non só empañou a miña alegría de dar por primeira vez unha conferencia na miña cidade natal de Redondela, senón que mostra sobre todo un preocupante arraigamento nunha parte descarreirada da extrema esquerda de Galiza de nauseabundas teses antisemitas. Que deshonran a nosa terra. O sono da razón produce monstros. E a incapacidade de pensar dalgúns levoulles á peor das monstruosidades. É hora de rectificar.

Comentarios