Por Xoán Bernárdez Vilar
Sorprende por demais que alguén como Mahmud Ahmadineyad, presidente, en teoría democráticamente elixido, do Irán, un país cunha extención de 1.633.188 km2, 75 millóns de habitantes e grandes recursos naturais, faga constante obstentación dunha aversión e dunha virulenta hostilidade contra o pequeno estado de Israel, pouco maior que a metade de Galiza e uns seis millóns de cidadáns, en parte desértico, ademais, e que, por non contar, non conta sequera con suficiente auga para lle facer fronte ás súas necesidades.
Detrás desta negativa actitude súa agóchase claramente, o recorremento, como xustificación, á manipulación de informes falsos, entre eles o da negación do Holocausto. Ao mesmo tempo, e tal como outros fixeron moito antes ca el, Ahmadineyad trata de lle ofrecer ao seu pobo un enemigo a quen aborrecer e a quen culpabilizar dos graves problemas sociais diarios que ameazan ao Irán, e que el non é quen de solucionar. Como escribiu Will Eisner no ano 2004, moi pouco antes de morrer: "Para que un grupo de xente deprenda a odiar a outro, insínaselle unha mentira que exacerbe o seu odio e xustifique a conspiración. Trátase dun obxectivo fácil, porque o enemigo sempre é o outro".
Agora ben, a estas alturas da situación que vimos comentando, ninguén pode estár seguro de se a actitude do presidente Ahmadineyad é pura demagoxia, á procura de enaltecer aínda máis ás tropas que, con certa frecuencia fai desfilar por diante del -como outros fixeran tamén antes-, ou como un xeito de se xustificar con elas. Porén, as súas ameazas contra Israel non poden ser tomadas como unha trivialidade. O poder absoluto non produce froitos demasiado apetecibles.
Non coñezo ningunha das falas que se utilizan no Irán. Mais si sei da expresión árabe "Al Saffati", "O Sanguinario", que non me gustaría que acabase por terlle que ser aplicada, con maiúsculas, algunha vez a Ahmadineyad.
Comentarios