FOI XUSTA A GUERRA DOS SEIS DÍAS?

Por Abraham B. Yehoshua, escritor israelí, inspirador do movemento Paz Agora.

Durante dous mil anos o pobo xudeu viviu segundo unha concepción do tempo mitolóxica e non histórica. Os xudeus lamentaban a destrución do Templo hai dous mil cincocentos anos, pero non analizaban os acontecementos que se producían nos lugares onde residían. A historia real manexábana os non xudeus, mentres que os avatares dos xudeus determinábaos Deus, ao que non se lle podía estudar senón tan só intentar gañalo rezando e cumprindo os preceptos. O sionismo, como dixo Gershom Scholem, devolveu aos xudeus a conciencia histórica. E de feito, os israelís investigan intensamente a súa curta historia. Por iso, ao cumprirse corenta anos da guerra dos Seis Días, na prensa e nas universidades estúdase e comenta unha guerra que, xunto coa guerra da Independencia en 1948, considérase a máis importante na historia do Israel moderno.

Foi unha guerra necesaria? Unha guerra xusta? Podíase ter evitado? Na miña opinión, foi por un lado unha guerra xusta, necesaria, pero por outro non. Como lembrarán, a guerra non empezou en xuño de 1967 senón tres semanas antes, cando o líder exipcio Gamal Abdel Naser comezou a concentrar un gran número de tropas no deserto de Sinaí, un territorio ate entón medio desmilitarizado aínda que non existía un acordo claro que comprometese ás partes. Tamén ordenou a evacuación dos observadores das Nacións Unidas, instalados en certos puntos de tránsito tal como fixaban os acordos acadados trala guerra de Suez en 1956. Máis grave aínda foi o peche do estreito de Tirán á navegación israelí.

Á ameaza exipcia sumouse tamén Siria, que concentrou tropas na fronteira norte de Israel. Nin EE.UU. nin ningún outro país occidental apoiou a Israel. E o pequeno Estado xudeu sentiuse só nunha situación onde a súa existencia viase ameazada. Xunto ás súas fronteiras, estaban despregadas grandes tropas de dous países inimigos, os cales levaban anos proclamando o seu desexo de liquidar Israel. Todo iso obrigou a chamar a un gran número de reservistas para incrementar a forza militar israelí, algo que paralizou a vida e a actividade económica do país. Un estado de garda así non podía durar moito tempo, e polo tanto a Israel non lle quedou máis remedio que ser o primeiro en disparar co fin de afastar a Exipto e Siria das súas fronteiras.

A operación militar foi extremadamente brillante e moi breve. E sen dúbida, foi unha guerra necesaria e xusta pois era unha cuestión de supervivencia. Que esa guerra era xusta o demostra a resolución unánime do Consello de Seguridade aprobada un mes despois; nesa resolución, a 242, dicíase con claridade: “Non haberá retirada israelí dos territorios ocupados sen paz nin seguridade”, e cando se dicía “seguridade” referíase á desmilitarización do Sinaí e dos altos do Golán. Así, a guerra dos Seis Días creou a fórmula de territorios a cambio de paz, a cal levou doce anos despois á sinatura dun acordo de paz entre Israel e Exipto. Non obstante, esta guerra foi tamén inxusta e innecesaria pola desgraza que carrexou aos palestinos. Antes de nada, desexo recalcar que os palestinos non promoveron esta guerra. Como súbditos sen dereitos civís sob o goberno exipcio e xordano foron meros espectadores e non participaron nos combates. Por suposto ansiaban que os exipcios, os sirios e os xordanos gañasen a guerra e liquidasen a Israel ou polo menos reducisen o seu territorio, pero non foron parte activa na guerra.

Se ben si era necesario ocupar a franxa de Gaza, onde entón vivían só uns catrocentos mil palestinos parte deles en campos de refuxiados, xa que supoñía unha garantía fronte ás numerosas tropas exipcias asentadas a tan só 70 km de Tel Aviv, non era obrigatorio en cambio ocupar Xerusalén Este e Cisxordania, onde residían a maioría dos palestinos, pois Xordania, a diferenza de Exipto, non supoñía unha ameaza á supervivencia do Estado xudeu e a participación de Xordania na guerra fora máis ben simbólica. As relacións entre Israel e Xordania foron sempre complexas. Pese á hostilidade oficial existente entre ambos países, había tamén acordos de facto para evitar conflitos graves. Xordania, que en 1948 tomou baixo a súa soberanía o que é a actual Cisxordania e controlaba os santos lugares en Xerusalén Este, sempre evitou afrontarse a Israel.

Os altos mandos militares israelís tamén eran reticentes a ocupar Cisxordania, pois alí estaba a mecha máis perigosa, sobre todo, nos campos de refuxiados palestinos. A pequena e feble Xordania non era ningunha ameaza real para Israel; por iso, cando o primeiro día da guerra os tanques xordanos dispararon contra Xerusalén como mostra de solidariedade con Exipto, Israel podía terse contido e conformado con lanzar algúns contraataques a xeito de advertencia ou haber ocupado algúns outeiros próximos a Xerusalén e non iniciar unha guerra con Xordania e meterse así de cheo na voráxine do problema palestino. Pero levados pola sensación de vitoria ao ver que a mañá do primeiro día de guerra xa destruíran a aviación de Exipto, Siria e Xordania, os mandos militares israelís tomaron unha decisión crucial e problemática: ocupar Xerusalén Este e Cisxordania, defendida por unhas poucas tropas xordanas.

Con este acto, nun contexto sen batallas de importancia agás nalgúns lugares de Xerusalén, Israel enleouse no problema palestino, o cal ate entón ficara en xeral controlado polo goberno xordano. A ferida de 1948 reabriuse. A anexión de Xerusalén Esta á parte occidental da cidade e a creación de asentamentos de colonos xudeus en medio de cidades e aldeas palestinas incrementaron o grao de traxedia na loita de dous pobos pola mesma terra. Tamén atearon as frustracións e fantasías palestinas, que se estenderon por Oriente Medio. Ademais, o debate sobre o futuro dos territorios ocupados empezou a agrandar a brecha na identidade israelí, algo que aínda pode desencadenar algún día unha guerra civil. Desde xuño de 1967 iniciouse un troco nos elementos que ate entón conformaran a identidade israelí: aumentou o peso da tradición xudea e fortaleceuse a relación entre Israel e os xudeus da diáspora, o cal danou o principio básico do sionismo clásico, influído agora por aspectos regresivos propios do exilio. O maior dano foi a perda da idea de fronteiras.

Se tivese que definir o sionismo en dúas palabras estas serían fronteiras e soberanía, dúas ideas que mudaron por completo a identidade xudea tal como fora deseñada na diáspora. Desde a guerra do 67, coa ocupación de territorios palestinos e a creación de asentamentos xudeus neles, esfumouse unha idea clave na identidade de calquera pobo: a idea de marcar as súas fronteiras. Isto deu lugar a algo grave: a división na conciencia nacional entre a Terra de Israel e o Estado de Israel. Como estaba claro que a lei israelí non podía aplicarse nos territorios, pois iso convertería a Israel nun Estado binacional e tampouco se quería que se considerase que se daba unha situación de apartheid para os palestinos, moitos israelís, sobre todo entre a dereita relixiosa, puxeron o concepto de Terra de Israel por riba do de Estado e as súas leis. Xa no primeiro manifesto que redactaron os defensores da Terra de Israel nada máis remataar a guerra, dicíase que os israelís non tiñan dereito a devolver os territorios ocupados aos xordanos ou aos palestinos, nin a cambio de paz nin a cambio do desarmamento. E así quebrouse o principio básico da democracia polo cal é a maioría dos cidadáns a que toma as decisións. Os asentamentos de colonos profundizaron a división entre a Terra de Israel e o Estado de Israel e agudizaron o conflito entre relixiosos nacionalistas e a maioría laica. En resumo, a gran vitoria de Israel na guerra dos Seis Días tivo unha consecuencia positiva: preparar o terreo para que co tempo se acadase a paz con Exipto e Xordania seguindo a fórmula de paz por territorios, e agardemos que axiña sirva tamén para lograr a paz con Siria e Líbano, e unha consecuencia negativa: romper con varios principios básicos na identidade israelí incitando a unha posible guerra civil, en caso de que algún día Israel acepte a división da Terra de Israel en dous estados soberanos.

Comentarios