AMOS OZ E ISRAEL: UNHA HISTORIA DE AMOR E CORAXE



AMOS OZ, FOI GALARDOADO ONTE CO PREMIO PRÍNCIPE DE ASTURIAS DE LITERATURA 2007. DESDE GALIZA-ISRAEL, OS NOSOS CALOROSOS PARABÉNS, MAZAL TOV AMOS!!

Por Mercedes Monmany

Un dos máis importantes escritores actuais de todo o espectro internacional, eterno candidato ao premio Nobel de Literatura, Amos Oz (Xerusalén, 1939), do que agora veñen de ver á luz uns magníficos «Ensaios sobre literatura», publicados en Siruela, a editorial que veu recollendo o principal da súa extensa obra dende hai anos (as novelas «Non digas noite», «Un descanso verdadeiro», «Unha pantera no soto», «O mesmo mar» ou «O meu querido Mijael», así como ensaios absolutamente espléndidos e imprescindibles para calquera lector dos nosos días como é o caso de «Contra o fanatismo»), forma parte, xunto a Abraham B. Yehoshúa e David Grossman, do célebre triunvirato de novelistas actuais en lingua hebrea que máis fixo, indirectamente e a través das súas respectivas obras literarias, pero tamén a través da súa frecuente presenza nas páxinas dos principais xornais de todo o mundo, por divulgar de xeito lúcido e honesto, cunha autocrítica responsábel e construtiva cando facía falta, a terríbel e cotiá realidade da súa terra. Unha terra e unha democracia firmemente asentada que ten que vivir ou intentar vivir lexitimamente en paz, no medio dun forcexeo político diario e desa tristeira ameaza ininterrompida que dende a independencia do Estado de Israel en 1947 tiveron que sufrir os habitantes dunha patria, a vella patria do corazón chamada Eretz Israel, a única que podían chamar por fin con ese nome. Habitantes, tan vítimas como outros, que como no caso da familia de Amos Oz, chegarían de Rusia, Lituania ou Ucraína para instalarse alí tralas innumerables traxedias, por todos coñecidas, e trala infinidade de discriminacións e persecucións arrastrados ao longo da historia. Unha historia de amor e rancor ou decepción respecto a Europa e unha fascinante historia colectiva e humana que o lector que desexe coñecer de perto, infiltrándose nos seus dormitorios, cociñas, rúa ou dos cafés de Xerusalén, Haifa ou Tel Aviv, pode facelo a través das magníficas memorias que co título de «Unha historia de amor e escuridade», probablemente a súa obra mestra, publicaría non hai moito este gran escritor xudeu. Un escritor que ao mesmo tempo sempre foi un loitador incansábel pola paz, unha paz razoábel («non temos intención de suicidarnos polas necesidades da paz», dirá en «Contra o fanatismo») e o sempre difícil, e continuamente torpedeado, entendemento entre árabes e xudeus. Apaixonado da cidade de Xerusalén («unha vella ninfómana que espreme ate o esgotamento antes de desembarazarse cun gran bocexo dun amante tras outro») como se demostra en novelas espléndidas como «A terceira condición», Amos Oz é sempre un interpelador incisivo das máis variadas cuestións humanas e morais do seu tempo e soubo combinar, dunha forma maxistral e sumamente atractiva, o íntimo e o xeral. Ou, se se prefire, a vida en estado puro, con toda a carga que sempre arrastra, mesturada e confundida sen case apenas interrupción, de drama e comicidade. Do drama máis profundo e da irresistible comicidade da que están cargados certos instantes compartidos xunto aos seres queridos. Escritor dotado dun embriagador e deslumbrante verbo poético, os seus libros están atravesados de inesquecibles pasaxes cheos de emoción, humor, poesía, traxedia e un sentimento de nostalxia e de dor vivido en soidade que, en moitas ocasións, enfronta ao home á incomprensión do que lle rodea. Esa incomprensión tería o seu punto álxido cando o pequeno neno solitario Amos só tiña doce anos, tal e como conta en «Unha historia de amor e escuridade», e tívose que enfrontar de súpeto ao desgarrador e incomprensíbel misterio do suicidio da súa xoven nai. Dous anos máis tarde, iríase vivir a un kibbutz, onde culminaría a súa formación, o seu fortalecemento como ser humano e a súa aprendizaxe da vida e do amor. Un amor que se convertía tamén en débeda cos seus contraída a partir do seu nacemento: levar sobre os seus escuálidos ombreiros todo aquilo que os seus pais, emigrantes en tempos moi difíciles, «non puideron ver cumprido».

Comentarios