Por Josep Carles Laínez
Vou formular unha pregunta incómoda: Que é potencialmente máis perigoso hoxe para a paz e para o futuro inmediato: intentar sementar dúbidas sobre o alcance do holocausto xudeu durante a Segunda Guerra Mundial, ou soster que o Estado de Israel debe desaparecer? O primeiro, lóxica e afortunadamente, está penado pola lei en moitos países europeos, incluído o noso; o segundo, de xeito paradoxal, non só non está penado: é un signo de distinción nas clases intelectuais deses mesmos países, a moda máis progresista dos antiimperialistas da terra. Non obstante, é unha cuestión que debemos formular con urxencia. Non para facer tabula rasa con respecto ó pasado, senón talvez para comezar á preocuparnos diante da esquizofrenia que vive a sociedade europea e o risco do futuro.
Con independencia de razóns sentimentais e legais, teño para min que avogar pola extinción dun país (desexalo, escribilo e establecer alianzas reais) é moito máis preocupante ca unha posta en dúbida da verdade histórica. Descrer da chegada do home á Lua, da bisexualidade de Alexandro Magno ou de quén comezou a Guerra Civil española, sempre vai darse. Pero posicionarse contra un país e non lle conceder o dereito a existir non só é preocupante; é aterrador.
Para min, o problema non é tanto qué intelectual europeo sinalou un xudeu hai máis de sesenta anos (e lonxe da miña intención banalizar tal cousa; póñase, por favor, no seu xusto medio), senón que intelectual europeo está a sinalar un xudeu no século XXI. Céline, Pierre Drieu la Rochelle, Arno Breker, Martin Heidegger e tutti quanti están xa mortos; e sobre eles caíu unha lousa que, malia a súa brillantez, ou non, coma escritores, artistas ou pensadores, será abondo difícil que se lles quite de encima nunca. Sen embargo hai moitos xornalistas, articulistas, ensaístas ou artistas que ocuparon o lugar dos devanditos, pero, ou bondade das verbas!, xa non son antisemitas entolecidos; son solidarios antiimperialistas. Tal denominación convérteos en tolerantes, liberais, xustos nos seus xuízos, sosegados, matizados, sabios. E o ataque ós xudeus (camuflado de ataque ós sionistas) realízase de xeito impune, e con chulería, e estigmatizando aquel que se lle ocorra abrir a boca en defensa de Israel; co cinismo, ademais, e o encarnizamento, de chamalo “nazi”.
Neste sentido, é como se cos códigos penais que castigan o antisemitismo do S. XX, os gobernos europeos xa estivesen tranquilos. Por iso entra no delirio que a imprescindible extensión das leis contra os que neguen o holocausto pasado non se vexa correspondida con leis contra quen desexa un holocausto futuro (a fin de Israel, co que tal cousa significaría); ou sería cómico, se non fóra patético e lamentable, que unha persoa poida ser axuizada e condenada tanto por atacar ós xudeus (calquera declaración con asomos antisemitas dos idiotas habituais) coma por defendelos (o dereito a ter un país e rexerse por si mesmos). É equitativo xulgar a alguén por distribuír a Execración contra los judíos de Francisco de Quevedo e, sen embargo, non se pida sequera a documentación á quen porta pancartas a favor da desaparición de Israel? Non é moralmente reprochable e ó mellor legalmente inadmisible que unha revista valenciana, moi ligada a orzamentos universitarios, distribuíse un marcapáxinas cos nomes de Bush e Sharon unidos por unha esvástica? Pero iso non importa. O progresismo xudeófobo solidario sinalará o puñado de loucos ou nostálxicos que louven a Franco e a Hitler, pero non terá problemas en se unir a quen organiza congresos revisionistas, nega o Holocausto, desexa a extinción de Israel, quema bandeiras coa estrela de David ou mesmo afrentan á raíña de España non dándolle a mano. E non fica aí a cousa, así mesmo pódeselles visitar (Felipe González a Mahmud Ahmadineyad), pódese asinar un acordo turístico con eles (hai pouco entre Irán e España) ou pódeselles publicar libros en español. Os mortos, a verdade, xa non molestan; alarman os vivos.
Ó non perseguir a xudeofobia actual que xa non recibe ese nome, senón o de “antisionismo”, ó non actuar contra esa tendencia sinistra de cambiar algo para que todo continúe igual, non só non estamos a contribuír á desaparición da xudeofobia, mais ben se traballa polo acrecentamento dese sentimento irracional, de dividir o mundo entre xudeus bos (os de fora de Israel) e xudeus malos (os israelís), coa posibilidade que os primeiros se convertan nos segundos, por iso os policías do pensamento anti e progre deberán estar a toda hora vixiantes… Suponse que as leis contra a negación do exterminio xudeu están para que non se repita aquela masacre, pero ninguén se decata que os “nazis” de hoxe xa non levan uniforme pardo senón falso uniforme progresista?, non perceben que o perigo está na pretendida autoridade moral coa que atacan todo o israelí? E non son os israelís xudeus? Porque o seguinte é afirmar que os xudeus só teñen dereito a existir se perden a súa patria e, ó mellor, a súa condición, é dicir, se se asimilan. E chegaremos ó punto de partida do odio ó diferente, do simple odio ao xudeu. Como, por desgraza, hai centos de anos. Ou peor aínda: como hai miles.
Comentarios
Creo que son grandes verdades, como también el presente artículo.
Un saludo de Carlos.