VASOS COMUNICANTES: POLÍTICA GLOBAL E O DESAFIO DAS IDENTIDADES


Por Shlomo Ben-Ami

É difícil maxinar nestes días, como hai algo máis dunha década nos falou Francis Fukuyama da fin da historia! A historia está hoxe máis viva ca nunca, só que aos conflitos bélicos (desde Iraq, pasando por Chechenia e acabando co interminábel conflito israelí-palestino) engádense hoxe as guerras ou conflitos esencialmente culturais, algúns deles no propio seo das sociedades occidentais. Cando Fukuyama escribiu o seu libro, a Unión Soviética estaba saíndo do imperio do mal, o muro de Berlín caía e Rusia pasaba do totalitarismo soviético a unha democracia algo anárquica. Foi aquela unha transición caótica do comunismo ao anarco-capitalismo. Pode, si, que o anarco-capitalismo estea hoxe algo máis controlado cos atrancos que Putin lles puxo aos chamados oligarcas, mais no proceso están a asomar outra vez os fantasmas da Rusia totalitaria. En absoluto é descartábel pois, que Putin lle dea a razón ao seu propio pasado e conduza a Rusia se non cara a un totalitarismo à l'ancienne, si desde logo a unha pseudodemocracia tan dirixida e xerarquizada que será difícil distinguir dunha pura e simple ditadura. Unha Rusia que esmaga os chechenios e encarcera ou fai desaparecer a oposición é inevitábel que acabe tamén mudando a súa política exterior. Desde logo non é concibíbel que este cambio poida levar a unha marcha atrás nos países do leste de Europa - o encanto da UE e o seu poder de atracción xa son unha realidade irreversíbel para estes países - pero si podería levar a que Ialta non morrese senón simplemente a que se desprazase cara ao leste e a a que a nova Rusia se atope competindo de novo no seu espazo natural (as repúblicas post-soviéticas e o mundo árabe) cos Estados Unidos.

A historia non é sempre un proceso lineal, ás veces é cíclico, e o rexurdimento dalgunha sorte de guerra fría non é de todo inimaxinábel, coa excepción de que Rusia, do mesmo xeito que China, dificilmente poderán xa dar marcha atrás á economía de mercado. China é un bo exemplo de que unha ditadura comunista pode coexistir cunha economía de mercado, aínda que é difícil saber por canto tempo.

Coa fin da Guerra Fría chegou ao seu fin tamén a era na que as relacións internacionais e o sistema de poder global xiraban en torno ao concepto de disuasión. Con só unha hiperpotencia, Estados Unidos, capaz de reunir tres condicións vitais de poder total – hexemonía militar, supremacía económica e unha gran capacidade para exportar a súa cultura popular no nivel global – a carreira entre polos opostos de poder substituíuse pola unipolaridade.A primeira guerra do século XXI - tal e como o presidente Bush definiu a Guerra contra o Terrorismo Global -, e a guerra de Iraq, expuxeron os dilemas centrais desta nova era. Pasamos do balance of power cuxa xustificación era a defensa de Occidente contra o “imperio do mal” soviético, a unha profunda división no seo do propio Occidente en torno á lexitimidade do uso da forza por parte dos Estados Unidos.
A “lexitimidade internacional” e a súa definición, converteuse no tema central das relacións internacionais. Volvemos a un vello concepto que Metternich converteu no Congreso de Viena no instrumento central para evitar o rexurdimento dunha hexemonía militar bonapartista, o concepto de lexitimidade, que el considerou que emanaba das casas reais tradicionais de Europa, ao que engadiu o do Concerto de Europa, o consenso entre as potencias europeas.

É precisamente a esa desintegración do consenso e a esa creba de lexitimidade á que levou Estados Unidos coa súa política unilateralista e a súa estratexia de guerra preventiva. Esta desestabilizou de tal maneira o sistema internacional que a ONU e o seu Consello de Seguridade quedaron apartados, a Unión Europea quedou seriamente dividida e a OTAN entrou nunha profunda crise de identidade e relevancia.

O colapso da estratexia americana en Iraq é a inevitábel constatación de que na guerra contra o terror é necesario asumir que ningún dos profundos problemas que afectan ao mundo musulmán ten solución militar. É unha dura lección cuxa conclusión central debe ser que este século terá que xirar, non en torno ao monopolio no uso da forza e a hexemonía militar, senón en torno ao principio de lexitimidade como base para o uso da forza. A definición de qué é exactamente a lexitimidade internacional e quen a define serán os temas centrais destes tempos.O que está claro despois da triste experiencia de Iraq, onde as dificultades xorden, non das deficiencias do poder militar norteamericano, senón da súa falta de lexitimidade, é que non nos podemos permitir o luxo de deixar en mans dunha soa potencia o monopolio para definir qué xustifica unha guerra.

No caso de Iraq, volveron os europeos ao terreo westphaliano, á defensa do principio de soberanía, incluso cando se trata dun réxime que perpetrou xenocidio como o de Sadam Hussein. De feito, o argumento europeo chegou a ser o de que a verdadeira ameaza á paz mundial non é Sadam Hussein, senón o presidente Bush e os Estados Unidos.

Persiste pois a necesidade dunha definición precisa e consensuada do principio de lexitimidade. Seguirán Westphalia e Hugo Grotius, os fundadores da centralidade da igualdade soberana entre os Estados, guiándonos mesmo fronte a dúas ameazas existenciais da magnitude do terrorismo internacional e as armas de destrución masiva, especialmente cando estas últimas poden caer en mans dos Bin Laden do planeta?

En efecto, trátase dun dilema práctico; trátase de definir principios de lexitimidade post-westphaliana cando só existe unha superpotencia capaz de atacar en todos os recunchos do planeta e invadir Estados-canalla. Trátase dunha fórmula para frear o poder americano e a súa tendencia a aspirar a ser quen decida de forma exclusiva os límites morais e estratéxicos do intervencionismo militar.

Mais, para iso, será necesario que Europa supere algunhas das súas propias contradicións. Dubido, por exemplo, que se China e Rusia se opuxesen a unha guerra en Iraq, apoiada por Europa e EEUU, París e Berlín, falasen de guerra ilexítima. Cando os europeos falan da necesidade de obter amplos consensos é necesario que definan a amplitude de tal consenso, doutro xeito será difícil evitar a acusación de que un consenso é lexítimo só cando este inclúe a Francia e a Alemaña. De feito, os alemáns chegaron a dicir que se opoñerían á guerra en Iraq incluso se esta fose avalada polo Consello de Seguridade, unha posición non menos unilateralista cá dos EEUU que foron á guerra pola súa conta. A acusación de que EEUU actuou en Iraq de forma unilateral é probábel que xurdise non do feito de que China e Rusia se opuxesen á guerra, senón do feito de que Alemaña, Francia e a opinión europea en xeral se distanciaron da política americana. Nese caso a conclusión sería que a “lexitimidade” sen o apoio da “vella Europa” -para utilizar ese termo desprezativo de Rumsfeld-, non é lexitimidade. Estamos, pois, fronte a un problema de identidade para unha Europa que teme perder a súa relevancia e influencia nun mundo unipolar.

Aínda así, EEUU cometerá un grave erro se segue desprezando o dilema europeo. A participación de Europa na definición do principio de lexitimidade é vital por ser o vello continente o corazón latexante da cultura democrático-liberal, en cuxo nome e en torno a cuxos valores se pretende crear unha nova orde mundial. EEUU non poderá actuar sen o apoio moral do mundo democrático. América poderá sempre facer unha guerra e incluso gañala en por si, mais iso será así só no ámbito estritamente militar. Pero nunca poderá construír en solitario a post-guerra sen lexitimidade -por evasivo que sexa o termo-, e nunca poderá artellar unha nova arquitectura de paz e seguridade sen o explícito apoio do mundo democrático. EEUU poderá actuar e prevalecer sen a lexitimidade de Rusia e China, pero non sen aquela que só a Europa democrática pode conceder.

As leccións da guerra de Iraq obrigarán a EEUU a entenderse cos seus aliados europeos e a procurar amplos e lexítimos consensos a través das institucións internacionais. De feito, EEUU busca hoxe desesperadamente unha saída honrada do labirinto iraquí. EEUU deu probas abondas de que é capaz de gañar unha guerra, pero o custo que tivo que asumir é que non poderá gañar a post-guerra sen lexitimidade internacional e sen o aval da ONU. Sen lexitimidade internacional, toda victoria americana será unha victoria pírrica. Sen lexitimidade non poderán os EEUU reunir a mestura necesaria de poder “duro” e poder “brando” que se require para frear as ansias de aventura de líderes irresponsábeis no planeta.Ao mesmo tempo, é necesario recoñecer que o unilateralismo americano en Iraq puxo a descuberto algunhas das deficiencias da ONU que requiren ser corrixidas.
A estrutura do Consello de Seguridade é claramente anacrónica e responde a unha relación de forzas e poderes que non se adapta aos novos tempos. Voces como as de Xapón, Alemaña, India ou Brasil -por mencionar algúns exemplos-, poden e deben ser voces permanentes no Consello de Seguridade.A boa nova é que a triste e sanguenta experiencia iraquí deu ao traste coa estratexia preventiva anunciada polo presidente Bush na véspera, e como xustificación, da invasión de Iraq.
En Iraq quedou inaugurada e enterrada ao tempo a estratexia preventiva. O prezo, tanto en vidas humanas como en esforzo económico, pago por América na súa fazaña iraquí, a falacia de que sería posíbel implantar unha democracia nun país musulmán tradicionalmente fragmentado por profundas rivalidades étnicas e relixiosas sobre as ás de escuadróns de F16, e a desfeita do sistema internacional producida pola guerra de Iraq, converten a eventualidade doutra guerra preventiva nunha posibilidade realmente remota. O perigo de overstretching foi o maior inimigo de todo imperio a través da historia. É tamén un inimigo para os Estados Unidos.A decisión de Gadafi de abandonar os seus proxectos nucleares é unha proba máis de que lideres de Estados-canalla son capaces de tomar decisións racionais. Gadafi, é vital comprendelo, non tomou a decisión de reincorporarse á Comunidade internacional como consecuencia directa da guerra de Iraq. Os contactos con Libia avanzaban incluso antes da chegada de Bush á Casa Branca. A lección central desta cuestión é o que dicía antes sobre o racionalismo do líder dun Estado. Gadafi recibiu contrapartidas; a Bin Laden non hai ningunha contrapartida que se lle poida dar.

E é alí, na súa relación con Estados-canalla onde falla a estratexia norteamericana. A súa incapacidade de iniciar un diálogo con Siria e Irán (e con Iraq antes de lanzarse ao ataque) e ofrecerlles contrapartidas vitais é a razón principal pola que non se avanza con estes dous países para sacalos do Eixe do Mal. Existe aquí unha verdadeira oportunidade de cambio político-estratéxico en Oriente Medio, de longo alcance, que a Administración Bush é incapaz de rendibilizar. Teherán, inmersa tal e como esta hoxe nunha profunda crise interna coa terceira xeración da revolución, estaría hoxe disposta a un gran quid pro quo cos Estados Unidos. Estaría disposta a cortar as súas relacións con grupos terroristas e a súa política nuclear a cambio de garantías en materia de seguridade, a fin das sancións, e o estabelecemento de relacións normais cos Estados Unidos.

O mesmo con Siria. Sen que se lle propoña ao réxime do Baath unha clara folla de ruta para a recuperación do Golan e a paz con Israel, ademais de beneficios económicos, os sirios carecen de estímulo para abandonar as súas relacións co terrorismo internacional e as súas armas químicas e mísiles balísticos.

Dicía, que o terrorismo internacional, en especial o do fundamentalismo islámico, non é de esperar que responda a unha negociación racional de quid pro quo. Hoxe a ameaza á paz mundial non vén de Estados, vén de individuos altamente motivados que non requiren control dun Estado para exercer un poder mundial. O maior inimigo de Bin Laden – a globalización coa súa cultura de McDonald e a revolución da información que a acompaña – é ao mesmo tempo o seu maior aliado. A propia aldea global, o libre movemento de persoas e mercadorías, a inmigración musulmá en Occidente, o acceso simple e ininterrompido aos medios de comunicación, son os que serven como plataforma do terrorismo binladenista.Huntington non acertou de todo. Cando falaba dun choque de culturas, el referíase máis que nada ao choque que se produciría nas fronteiras destas civilizacións.
Pero a globalización significa hoxe que o choque estea no propio corazón da civilización occidental, o cal abre o perigo dunha erosión interna dos Estados occidentais para manteren a súa soberanía, no máis amplo sentido do concepto soberanía. A libanización dun Estado – un grupo islámico-terrorista que erosiona a soberanía nacional e que ao final se apodera dos mecanismos de toma de decisión do Estado – é unha posibilidade aplicábel canto máis feble sexa o Estado.Isto é desde logo, impensábel que poida ocorrer en Europa, pero non é de descartar unha descomposición branda da soberanía, e tampouco hai que esquecer que o Islam é hoxe a segunda relixión no continente.
Europa recoñece a soberanía do Estado sobre a relixión; o Islam non, polo cal canto menos estean integradas e máis grandes sexan as comunidades e redes relixiosas islámicas en Europa, menos poder terá a soberanía nacional no comportamento destas redes. É así como se entende a absurda insistencia da República francesa no tema do foulard: é unha batalla pola soberanía do Estado. Isto tamén significa que terán que cambiar o concepto de seguridade nacional. Estamos na transición entre a vella ameaza representada polos Estados e os seus exércitos e a nova ameaza representada por organizacións terroristas, que posúen o potencial de romper o tecido da nosa vida diaria e do xeito en que os Estados estenden a soberanía e a seguridade.

É o temor a esta desintegración do concepto tradicional do Estado e da soberanía a raíz do 11-S o que axuda a explicar o actual auxe do conservadurismo americano. Resulta pois, que é hoxe a dialéctica en torno ao que se entende como seguridade nacional e non a dialéctica entre ricos e pobres, o que divide dereita e esquerda, así desde logo en Estados Unidos, pero non só alí.

Pode – e iso desde logo é unha mensaxe tamén para a OTAN – que esteamos entrando nunha etapa totalmente distinta no que se refire á seguridade. Se como parece Rusia volve á súa etapa totalitaria, non é de descartar que se volva a unha versión da Guerra Fría. Pero no seo da nosa civilización os tradicionais despregamentos militares serán totalmente irrelevantes. As novas armas non poderán ser avións, tanques e mísiles, senón equilibrio cultural, desenvolvemento, e, se é inevitábel, outro tipo de armamentos.

Estados Unidos entrou, a través da filosofía neoconservadora nunha etapa que, mutatis mutandis, lembra á Unión Soviética nas súas etapas revolucionarias, pois América pretende hoxe promover tamén unha revolución mundial, só que esta vez se trata dunha revolución capitalista-democrática.En Iraq decidirase o futuro inmediato desta revolución. Poderá Iraq asumir unha democracia? Será Estados Unidos capaz de presionar aos seus aliados na rexión para que asuman tamén a democracia? Era sen dúbida máis fácil gañar a guerra que responder a estas incógnitas. Non obstante, a segunda pregunta é relativamente fácil de responder. Países como Kuwait e Arabia Saudí están profundamente integrados no sistema capitalista internacional sen ser democracias, e dubido de que Estados Unidos estea interesada na súa democratización, minando así a súa propia estratexia e credibilidade na zona.
Pois, para que estes países lle sigan proporcionando petróleo a prezos estábeis a Estados Unidos é preferíbel que non sexan democracias totalmente independentes. A democracia en Kuwait, Arabia Saudí e posibelmente tamén Iraq, será islámica ou non. Dubido de que Estados Unidos estea disposto a sacrificar as súas fontes de petróleo en beneficio da liberdade dos pobos da zona, unha liberdade que de todos modos a maioría entendería como liberdade para restabelecer unha democracia islámica. A miña intuición é que se achegan os límites do unilateralismo norteamericano e a filosofía da guerra preventiva. Non é posíbel que América poida manter por moito tempo un consenso interno en torno ao envío dos seus soldados a todos os confíns do mundo para cambiar réximes por todas partes. A economía deficitaria americana, pode desde logo resistir maiores esforzos internacionais, pero carecerá de lexitimidade interna sen a cal os gobernos democráticos non poden funcionar. De feito, vimos como Estados Unidos freou o seu ataque contra Corea e Irán e xa non fala de cambio de réxime nestes países; e de feito abriu negociacións con Corea e estableceu relacións melloradas con China.

Así que, na miña opinión, achegámonos a un novo entendemento inevitábel entre Europa e os Estados Unidos. Non será o multilateralismo total e incuestionábel co que soñan os europeos, nin poderá ser o unilateralismo neo-conservador americano a calquera custo. Será unha maior coordinación de políticas globais a base dunha ONU reformada, e unha OTAN reestruturada, e unha dispoñibilidade para consultar aliados sen presentar feitos consumados para despois pedirlles a súa aprobación. Estados Unidos está obrigada a entenderse con Europa, buscar o consenso e non presumir de impoñerlles políticas preventivas aos seus aliados.
A guerra fría non a gañarían os Estados Unidos sen os seus aliados europeos. Estados Unidos demostrou ser capaz de gañar só unha guerra, pero non hai maneira de que sexa capaz de gañar en por si na posguerra – e aí está Iraq como exemplo. Faltaralle sempre ese elemento vital para toda empresa que aspire a perdurar: a lexitimidade; e na miña opinión faltaralle tamén a forza. Estados Unidos non será capaz en solitario de utilizar a mestura de poder duro e brando que se require para frear a irresponsabilidade de réximes como o de Musharaf en Paquistán que foi nos últimos anos o axente máis activo a escala mundial da proliferación de tecnoloxías nucleares. Se non somos capaces de conter esa proliferación teremos que ser contundentes na difícil loita pola democratización das ditaduras como a iraniana ou a paquistaní; porque nese caso o problema será non como evitar a proliferación, senón que virá antes a bomba ou un réxime democrático e responsábel que saiba non utilizala. Pode que ese sexa o significado real da nova estratexia de regime change presentada recentemente por Estados Unidos no cumio dos G-7 en Boca Rato, Florida.

Non pode caber dúbida en torno a dous postulados. O primeiro é que toda hexemonía cultural e de civilización a través da historia foi sempre sostida polo poder militar e económico. E o segundo é que o concepto euro-liberal ou xudeo-cristián da fin da historia é a expresión dunha soberbia infinita, a declaración dunha victoria total e indiscutíbel sobre calquera outra cultura e civilización. É esta declaración de hexemonía político-cultural por parte de Occidente, esta actitude condescendente coas culturas derrotadas e marxinadas polo auxe imparábel da cultura occidental globalizadora – o Islam, por exemplo – a que pode axudarnos a mellor entender a crise dos nosos tempos cuxos reflexos máis tristes son Bin Laden, o binladenismo e a guerra de Iraq.

Paul Kennedy e en certa medida Huntington representan visións perfectamente históricas do auxe e o declive dos imperios e das civilizacións. Os sistemas poden ser derrotados e substituídos. Pero, o concepto da fin da historia significa que hoxe se estabeleceu un novo sistema que, aínda que apoiado e sostido por un poder militar e económico esmagante, é non obstante máis ca nada unha cultura, unha civilización, un esquema de valores que conquistou definitivamente o planeta. Este sistema é a globalización.

Pero a americanización-globalización nutre un profundo sentido de envexa e odio para EE.UU. posto que a diferenza doutros conquistadores da historia, América non se sente satisfeita con derrotar os demais, senón que insiste ademais en que a imiten. América é percibida como o apóstolo do Fast World, inimiga da tradición, profeta do mercado libre e o libre comercio e o pontífice máximo do High-Tec.

Estamos sendo pois invadidos ou tragados pola cultura popular dos Estados Unidos; pero os americanos tamén están a ser vítimas das súas preferencias culturais. Están dominados ao tempo que dominan. O que lles molesta aos islamistas e, dito sexa de paso, a algúns europeos tamén, que os EE.UU. non son só as súas tropas, senón a súa cultura, valores, economía, tecnoloxía e estilo de vida.

A maior ameaza á que EE.UU. e posibelmente Occidente se enfrontan hoxe provén de grupos e individuos altamente motivados que odian América pola globalización e que precisamente grazas á globalización son capaces de atestar os golpes necesarios a América. A diferenza de Stalin e de Hitler, os homes cheos de cólera e rabia como Bin Laden non necesitan tomar o control dun Estado para introducir o pánico no mundo. Poden utilizar os poderes da globalización para atacar incluso unha superpotencia. Individuos altamente motivados no mundo islámico como Ramzi Youssouf ou Bin Laden pensaban no pasado que para se enfrontar a América terían antes que se apoderar dos seus propios Estados. Este xa non é o caso. A potencia total do sistema de globalización é ao mesmo tempo a expresión da súa vulnerabilidade total.

O choque cultural alimentado pola globalización afecta especialmente ás sociedades islámicas. É apaixonante analizar o discurso público que se dá en Occidente co discurso público nas sociedades musulmás. En Occidente ninguén fala de historia, do pasado, da memoria. É, si, a fin da nostalxia, posto que o presente e o futuro son nosos non cabe xa lugar para a nostalxia e para a memoria histórica. Volvemos á era clásica do presente permanente do que falaba Tucidides. No Islam, cuxo presente é de frustración e de rabia, todo parece ser historia, memoria e nostalxia. A nostalxia é en definitiva a fuxida do presente, e o contrario ao actual. Desde Saddam Hussein e os seus ministros, pasando por Arafat, Bin Laden, líderes políticos e mentores espirituais, o discurso que se repite no mundo árabe é neta e claramente histórico. Quen fala hoxe en Occidente da Batalla de Poitier ou de Constantinopla, de Mahomet e Carlomagno, dos acordos de Kuraich, dos mamelucos ou dos infieis? O discurso islámico está impregnado de connotacións históricas e en menor medida de reflexións sobre o presente, e menos aínda de proxectos de futuro. O futuro é o proxecto dos sen memoria, sen pasado e sen historia – os globalizadores norteamericanos. Cando os avós de Bush andaban polas árbores, os meus crearon a gran cultura do Islam – así respondía o ministro de Asuntos Exteriores iraquí ao ultimato do presidente Americano quen, cunha dose preocupante de insensibilidade histórica, o que non creo que lle ocorrese a un dirixente europeo, falou da súa guerra como dunha cruzada. Para o ministro iraquí o pasado é o refuxio último, a última defensa contra o poderío futurista da civilización globalizadora dos Estados Unidos.

É difícil entender a crise actual se se ignora o gran sentimento de humillación que impregna as sociedades islámicas. De feito, incluso os asiáticos foron capaces de tomarlle a medida á globalización e de asumila. De feito, a única maneira de incorporarse á globalización é a través da democracia, precisamente o sistema político que aínda non botou raíces nos países musulmáns. Desgrazadamente, é unha falacia pensar, como pensa o presidente Bush, que a alternativa no mundo árabe é simplemente entre democracia e ditadura. En realidade, trátase máis ben dunha elección entre ditaduras laicas e democracias islámicas que dificilmente se reconciliarían coa globalización.

De feito, as institucións democráticas son vitais para impulsar a globalización. Esa é a razón pola cal os países que mellor se adaptan á globalización non son necesariamente os máis ricos (Arabia Saudí, Irán, Nixeria) senón os máis democráticos (Polonia, Taiwán, Tailandia, Corea...). Rusia atópase en tal caos precisamente polos seus problemas de estabilización democrática. Fáltalle credibilidade democrática para persuadir á súa propia xente de que haberá equidade, honestidade e responsabilidade na repartición das penas e dos beneficios que acompañan o axustamento para a globalización.

Hoxe, a gran parte dos musulmáns viven en Estados independentes o cal non resolveu os grandes problemas de desenvolvemento, benestar e articulación da sociedade civil. A resposta foi dupla. Dunha banda, hai potentes correntes islámicas que prefiren atribuír todo o mal ao abandono do legado divino do Islam. Esa é a resposta da revolución iraniana e doutros movementos fundamentalistas a través do mundo musulmán. Doutra banda, polo de agora aínda feble, é aquela reflectida na república turca creada por Kemal Ataturk, unha democracia laica aínda que supervisada e dirixida polo exército.

Con todo, existe un fenómeno persistente – botarlle a culpa dos males e do declive ao malo que toque: os turcos, os mongois, os imperialistas, os xudeus e os sionistas ou ao imperialismo militar, e máis que nada cultural, norteamericano. É a coartada última de ditaduras incompetentes. Máis que unha visión de futuro e un enfrontamento valente aos desafíos da globalización tal e como fixeron os tigres asiáticos, a pregunta recorrente no mundo musulmán foi esta: quen é o culpable de noso declive? quen é o culpábel dos nosos males?

Para o observador occidental, para quen a liberdade é esencia existencial, o desafío do Islam de hoxe é volver á liberdade creativa da conciencia e do pensamento, asumir a responsabilidade propia polas traxedias, os fallos e as derrotas, volver á cultura da investigación e da dúbida e á crítica, incluíndo a autocrítica desde logo, a volta á liberdade económica, a loita contra a corrupción e o mal-goberno, a liberdade da muller sen a cal non pode existir democracia e modernidade. O camiño para a democracia é, pois, aínda longo e tortuoso. Sería bo que o soubese tamén o presidente Bush. As democracias non se poden crear por decretos presidenciais.

As democracias, especialmente nestes tempos de mestizaxe galopante, froito da inmigración que acompaña á globalización, non foron moi respectuosas coa diversidade étnica e a lóxica multicultural que xorde frecuentemente como resposta de autodefensa e autodefinición contra a cultura da globalización. É necesario respectar a diversidade cultural sen caer no que Sigmund Freud chamaba “o narcisismo das pequenas diferenzas” que foi sempre o preludio das guerras e da balcanización das sociedades.

Na procura dunha resposta ao desafío interno que representan as comunidades musulmás no seo das sociedades occidentais, é necesario asumir que o afondamento do proceso democrático non pasa por unha maior homoxeneización tal e como pode deducirse a primeira vista dos postulados esenciais da sociedade global. Ese afondamento pasa pola solución do que Jurgen Habermas definiu como “a crise de lexitimación” de Occidente. Iso significa en definitiva reconciliar entre o que Edmund Burke chamaba nas súas “Reflexións sobre a Revolución francesa” como “ as pousadas e lugares de descanso do espírito humano” (a vida cotiá, os vínculos étnicos relixiosos e comunitarios) e a burocracia distante e os seus supostos valores universais.

Ese esforzo de reconciliación entre a globalidade e a diversidade debe ser un obxectivo central se se quere superar este gran dilema das sociedades e as estruturas democráticas de hoxe: o afastamento da cidadanía do proceso político. O caso dos Estados Unidos é especialmente revelador. Os cidadáns están máis e máis convencidos de que se produciu unha especie de OPA hostil a través da cal unha clase de políticos profesionais, que utiliza a arte da evasión cando se trata de resolver os problemas da cidadanía, apoderouse do proceso político. A cidadanía dubida de que as súas voces poidan ser escoitadas nesta sociedade post-democrática. Para reconstruír a democracia é necesario combater a falsa suposición que di que máis diversidade automaticamente causa máis tensión e conflito. A resposta non está en sofocar a disensión, senón en desenvolver novas e imaxinativas solucións para compracer e lexitimar a diversidade. Necesitamos un novo enfoque para unha democracia de minorías. Hai países e sociedades de grande diversidade multicultural nos cales é necesario descartar estruturas obsoletas de partidos políticos e inventar partidos como coalicións de minorías, coalicións de arco da vella. Hai que aspirar constantemente a unha fusión entre a regra maioritaria e o poder minoritario.

O gran vicio das nosas democracias foi frecuentemente o da discriminación, ás veces mesmo a represión racial e a xenofobia. A globalización, con esta mestura de, por unha parte, fronteiras máis flexíbeis que evitan que as fortalezas democráticas sexan capaces de resistir a presión da inmigración e por outra diferenzas máis astronómicas ca nunca entre países ricos e pobres, engade se cabe tentacións ao perigo do racismo. Unha estratexia verdadeiramente democrática, requiriría unha distribución de riqueza entre sociedades ricas e pobres de tal forma que os investimentos, o perdón de débedas e as axudas directas ás sociedades desenvolvidas ou en vía de desenvolvemento enmarcaríanse dentro dun plano coherente de estímulo aos procesos democráticos e á consolidación dunha sociedade civil nos países exportadores de emigrantes. É ao mesmo tempo necesario combater os fantasmas da historia que parecen resucitar en non poucas democracias. Non está de máis lembrar que o noso maior reto non é o de crear un alto nivel de benestar para a nosa cidadanía senón elaborar un espazo de vida aberto e libre tamén para o outro, o estranxeiro e o diferente.

* Tradución de Iolanda Galanes. Artigo publicado no número 16 da revista ENCLAVE que edita a Fundación Enclave

Comentarios