Cada vez que os israelís escoitamos as palabras "o problema dos refuxiados de 1948", a inquietude e o rexeitamento prodúcennos un nó no estómago. Para nós, o "problema dos refuxiados" converteuse en sinónimo de "dereito ao retorno", e conceder aos palestinos o dereito a volver aos seus fogares orixinarios significa o fin de Israel.
Talvez chegue o momento de por en orde os nosos pensamentos, co fin de distinguir entre o problema dos refuxiados e o que se denomina dereito ao retorno. Porque o primeiro asunto pode e debe resolverse, pero non mediante o regreso dos refuxiados a un territorio do Estado de Israel con fronteiras fixadas por un tratado de paz. Hai que rexeitar a esixencia de que os refuxiados volvan ao territorio israelí porque, se así ocorrese, habería dous Estados palestinos e ningún Estado para o pobo xudeu.
Sen embargo, o problema dos refuxiados de 1948 precisa dunha solución. Ademais, resolvelo é de interese vital para Israel, porque mentres non se faga -mentres centos de miles de refuxiados palestinos podrecen nos campos en condicións inhumanas- non teremos paz.Quen é o culpable da situación dos refuxiados palestinos? Segundo Israel, a culpa é dos líderes palestinos, que iniciaron a guerra contra Israel en 1948, e dos propios refuxiados, que abandonaron os seus fogares presos do pánico. Segundo os árabes, Israel é culpable de ter expulsado de súas casas, con crueldade e pola forza, aos palestinos. Uns e outros teñen parte de razón: a contenda de 1948 foi unha guerra total, de pobo contra pobo, barrio contra barrio, casa contra casa. Nesas guerras, as poboacións son arrincadas dos seus fogares.
Nesa data, en torno a 12 localidades xudías, entre elas o barrio hebreo da cidade vella de Xerusalén, foron conquistadas polos árabes. Todas as poboacións xudías deses lugares foron ou ben asasinadas ou ben expulsadas á forza. Pola súa banda, centos de localidades árabes, habitadas por centos de miles de civís, foron privadas da súa poboación en 1948. Algúns desas civís árabes fuxiron e outros foron expulsados polo Exército israelí.Chegou o momento de recoñecer abertamente a nosa participación na situación dos refuxiados palestinos. Non somos os únicos responsables nin os únicos culpables, pero non temos as mans limpas.
O Estado de Israel é o suficientemente maduro e forte como para admitir a súa parte de culpa e para chegar á necesaria conclusión: é necesario que participemos do esforzo por reasentar aos refuxiados, no marco dos acordos de paz, e fóra das futuras fronteiras israelís que estes tratados fixen.Pode que o feito de que Israel admita a súa parte de culpa no drama dos refuxiados palestinos, e que exprese a súa vontade de soportar parcialmente o peso dunha solución, faga que o lado palestino senta un positivo estremecemento. Sería unha especie de gran paso emocional que facilitaría moito o diálogo futuro. Porque a catástrofe dos refuxiados de 1948 é a ferida máis sanguenta que sofre nas súas carnes a nación palestina.Na parte israelí existe a tendencia constante a pospoñer, tanto como sexa posible, a solución dos "problemas clave" do conflito: refuxiados, Xerusalén, fronteiras, asentamentos.
Pode que esta postergación fóra a ruína dos acordos de Oslo e, sen dúbida, non é boa para as negociacións, tal como agora se topan: a tendencia de Israel a evadir calquera conversa sobre os problemas principais fai que a parte árabe sospeite de que o que o Estado xudeu quere é tranquilidade, pero que non está disposto a chegar a unha solución global.Talvez valese a pena que os líderes israelís comezasen a discutir o problema dos refuxiados e que se ofrecesen a participar na súa resolución, é dicir, no traslado de todos eles desde os campos nos que na actualidade viven, e na concesión de traballo e de nacionalidade aos que desexen tela, dentro dos límites do futuro Estado palestino.
Evidentemente, para resolver o problema de xeito global, Israel terá que recoñecer a súa culpa parcial na Nakba palestina e a responsabilidade que soporta esa culpa. Para acadar a solución tamén será preciso tratar o caso dos centos de miles de xudeus que foron arrincados dos seus fogares nos países árabes, con todo o que iso implica.Israel, tanto por razóns morais como pola súa propia seguridade, debe buscar unha solución para o problema dos refuxiados de 1948. A solución terá un prezo que deberán de asumir o mundo occidental, Israel e os adiñeirados países árabes.
A violencia diminuirá e a desesperación que da lugar ao fanatismo comezará a esvaecerse cando eses campos de sufrimento e dexeneración escoiten que a súa vida nunha montaña de lixo está chegando ao seu fin. No que fai a Israel, aínda que asinemos acordos de paz con todos os nosos inimigos, nunca teremos paz a non ser que poñamos remedio ás penalidades dos refuxiados.
Comentarios