EN HOMENAXE A SALMAN J. SALZMAN
Krasilov, 1915 – Tel Aviv, 2005.
Desde o Centro de Estudos e Documentación das Brigadas Internacionais (CEDOBI) en Albacete, dependente da Universidade de Castela-A Mancha, desexamos unirnos ás manifestacións de do, afecto e homenaxe á persoa de Salman J. Salzman con motivo do seu pasamento. Enviamos á súa filla e netos as nosas sentidas condolencias. Que a lembranza da súa figura perdure para as xeracións vindeiras. Salman visitou o noso Centro en varias ocasións durante a década dos noventa, xa que lle gustaba vir a España e a Albacete, unhas veces só e outras na compaña de familiares a quen lles amosaba os lugares que visitara durante a súa participación na Guerra Civil. A súa derradeira visita foi en novembro de 1998, foron uns días agradables e pracenteiros onde puidemos convivir con el, nos que lle mostramos as poboacións de Albacete e Tarazona da Mancha 60 anos despois da cruel guerra que el viviu. En 1937, con 22 anos de idade, chegou ao noso país coma voluntario para loitar contra o fascismo.
Non falaba castelán, non coñecía nada deste país. Na nosa provincia topouse con localidades pequenas e atrasadas, marcadas pola pobreza xeral e un escaso desenvolvemento. Polos seus coñecementos de inglés foi encadrado no Batallón Mackenzie-Papineau, composto maioritariamente por canadenses e situado na Base de Adestramento de Tarazona da Mancha. En España coñeceu a morte de compañeiros, a destrución de pobos... a miseria da guerra. Cando lle preguntabamos por que decidiu vir a España, el contestaba: “Hitler, Gernika, Federico García Lorca...” . Sentiu que España era o lugar clave onde por vez primeira podía combater a inxustiza e o ascenso do militarismo fascista internacional. A familia Salzman era xudea, e tivo que abandonar a súa Ucraína natal diante das persecucións e pogroms. Estas persecucións repetíanse na Alemaña nazi dos anos trinta, o mundo vivía o ascenso do fascismo, motivos que lle fixeron converterse nun loitador que tiña que vir a España.
Conseguiu diñeiro para realizar a viaxe desde Israel (a entón Palestina sob dominación británica, onde a súa familia establecérase tras un longo periplo de exilio desde Ucraína), chegando en barco a Marsella e cruzando os Pirineos a pé sobre varios metros de neve. Sen embargo, viu que non estaba só. Moitos xudeus comezaron a viaxe a España con el e no camiño uníanselles franceses, alemáns, italianos, anglosaxóns… A esperanza, a ilusión, enchíalles a todos, o mundo vibraba por España e quería combater ao fascismo. Salzman dicíanos o seguinte: “Vin aquí ate a vitoria final sobre o fascismo, sen saber cando remataría a batalla, un mes, un ano… sen tempo establecido […] loitei pola nosa liberdade e pola vosa […] e non quero falar de partidos políticos… nós loitabamos baixo unha única bandeira, a da República” As Brigadas Internacionais eran unidades de choque destinadas á primeira liña, e alí, camiño da fronte do Ebro descubriu a devastación de Belchite e as tumbas de moitos compañeiros e amigos seus na famosa cota 666.
En outubro de 1938, cando se producen a saída de España das Brigadas Internacionais, no seu batallón só quedaban unhas decenas de homes tralos mortos, os mutilados e os prisioneiros capturados polos fascistas. Á súa volta a Israel, chegou con 10 kg. menos de peso, sen dentes e cos pés desfeitos por un principio de conxelación que sufrira na fronte do Ebro ao dispor unicamente de xornais para protexerse do enorme frío. Salzman se emocionaba ao lembrar e falar de España. Na súa derradeira viaxe díxonos: “Volvín para buscar a miña mocidade, pasei aquí os anos críticos da miña vida […] España é unha terra sagrada, onde os mellores mozos regaron o chan co seu sangue e deron a súa vida pola liberdade”. Admiraba a valentía dos pobos de España fronte ao fascismo, porque para el a guerra non foi unha guerra civil, senón a primeira batalla da Segunda Guerra Mundial contra o fascismo.
Tras España, alistouse voluntario coas tropas aliadas estadounidenses e combateu ate a vitoria final en maio de 1945. Dedicou grandes esforzos e moitos anos da súa vida á localización e estudo dos arquivos das Brigadas Internacionais en Moscú, onde viaxaba case todos os anos para permanecer alí varios meses recompilando documentos, deica entón nunca inaccesibles, relativos á participación dos xudeus nas Brigadas. Estaba convencido da necesidade de transmitir aos mozos a súa loita e as ideais que defendera, para que as novas xeracións coñecesen o pasado e que non se repetisen os mesmos erros. Era un home de paz, pero tivo que loitar por ela e pola xustiza e a liberdade. Nas súas visitas a Albacete sempre levaba na man unha rama de oliveira, símbolo da paz. Unha paz que desexaba con todas as súas forzas para o conflito de Israel e Palestina, xa que o territorio histórico xudeu de Israel, a terra prometida, era considerado por el como unha terra na que poderian e deberían convivir o estado de Israel e o de Palestina.
Tras varios anos loitando, conseguiu cumprir un dos seus soños: plantar un bosque en Xerusalén con varios milleiros de árbores, un bosque chamado de “A Paz e a Amizade”, coma homenaxe ás Brigadas Internacionais, un monumento que está vivo, que non son ferros e pedras como a maioría, e que está dedicado aos voluntarios de todo o mundo de calquera credo. El tamén desexaba que en Albacete se puidese plantar un bosque en homenaxe ás Brigadas.
Na súa derradeira visita viviu un momento de gran emoción. No cemiterio de Albacete pronunciou unhas palabras en homenaxe aos “Voluntarios da Liberdade” e en especial ao seu compañeiro Ali Abdel Halek, un amigo palestino, case un irmán nas Brigadas, un heroe musulmán que morreu en Albacete o 1 de abril de 1938. As verbas de Salzman foron un sentido homenaxe ao seu compañeiro e ao tempo un chamado pola paz e pola convivencia entre palestinos e xudeus. Centro de Estudos e Documentación das Brigadas Internacionais (CEDOBI).
Comentarios