Por Marcos Valcárcel
Moito se ten escrito xa sobre o caso Günter Grass e a súa confesión sobre os seus anos de mocidade: ós 17 anos pertenceu ás SS hitlerianas. “Fun seducido por Hitler. Crer nel e na vitoria non cansaba, era facilísimo”, di o escritor alemán nun xornal. Pregúntase agora Grass por que non dubidou. Por que non preguntou por aquel profesor desaparecido ou por aquel compañeiro de clase que era Testemuña de Xehová e nunca máis volveu? Toda unha xeración foi seducida, sen facer preguntas. Non foi Grass o único: hai unha longa lista de escritores, filósofos, intelectuais, seducidos polo irracionalismo nazi. As preguntas facémolas agora: Carlos Casares escribiu Deus sentado nun sillón azul movido polas mesmas preguntas, despois de coñecer en Alemaña o palacio onde se tomou a decisión final: nin máis nin menos que eliminar toda unha raza, os xudeus, e seis millóns de persoas. Preguntas que renacen ó ver películas tan maxistrais como "O Pianista", de Polanski, que repoñen na TVG, baseada en boa parte nas súas lembranzas do gueto de Varsovia cando a persecución nazi: agardo que os mozos de hoxe si se fagan moitas preguntas. Porque, de certo, non temos outro antídoto posible contra a barbarie e a senrazón. l
Comentarios