Optimismo, escepticismo, cautela, esperanza, desconfianza, horizonte político, fiestra de oportunidade, son palabras da xerga diplomática de Oriente Medio de uso frecuente nos últimos días. A confusión está á orde do día e incluso os iniciados tropezan con dificultades cando de previsións se trata. Poucas cousas parecerían nestes intres máis afastadas que acadar estabilidade ou sequera unha calma temporal en Oriente Medio, unha atormentada rexión que en toda a súa historia coñeceu contados tempos de paz, abrumada hoxe polo terrorismo fundamentalista relixioso, o atraso económico e social e inacabables conflitos.
O campo minado vaise expandindo na rexión. A crise en Iraq estende as súas ramificacións a toda a rexión, os designios hexemónicos do réxime teocrático de Irán na rexión, o conflito palestino-israelí, a explosiva situación en Líbano, o xenocidio en Sudán, obrigaron á comunidade internacional a reactivar os seus esforzos na procura de solucións aos problemas que agobian a Oriente Medio. A chegada á rexión do novo secretario xeral da ONU, Ban Ki Mun, da secretaria de Estado de EE.UU., Condoleezza Rice (a cuarta en catro meses) e, a semana próxima, da chanceler de Alemaña, Angela Merkel, que ocupa a presidencia da Unión Europea, exemplifican a súa convicción da necesidade urxente de desactivar as crises máis candentes e reactivar o proceso de paz palestino-israelí, revisando as súas opcións e intentando incrementar a súa implicación.
Neste contexto debe verse tamén a 19.ª cume da Liga Árabe, que tivo lugar na capital saudí, Riad. Aínda que historicamente a Liga estivo máis ben asociada a fracasos que a éxitos, esta vez agardabase unha contribución máis positiva cás inefectivas reunións que lle precederon. Eis que as expectativas fosen promisorias. “Os cidadáns árabes se fixeran á idea de que os cumios árabes non traen beneficios”, escribira antes do evento un xornalista libanés. Pero o feito de que o cumio tivera lugar en Arabia Saudí, que ultimamente vén desenvolvendo un papel fulcral nos intentos de superar as endémicas crises da rexión, foi interpretado coma un sinal promisoria.
A axenda da reunión incluíu os temas máis preocupantes, pero foi nos corredores e non nas sesións plenarias onde se discutiron os máis acuciantes. E aínda que houbo acordos, é evidente que as discordias seguirán á orde do día despois de acabada. A fronte moderado, o así chamado cuarteto árabe (Arabia Saudí, Exipto, Xordania e os Emiratos), logrou que o cumio refrendara a iniciativa saudí do 2002, un significativo viraxe na política árabe para Israel respecto a aquela adoptada nun cumio anterior, a de Jartum de 1967 (o rexeitamento total ao recoñecemento e negociacións con Israel), que doce anos despois motivou un prolongado boicot árabe a Exipto por ter asinadao un acordo de paz con Israel. Tiveron que transcorrer catorce anos máis para que Israel e a OLP se recoñecesen mutuamente e iniciasen o proceso de paz palestino-israelí e pouco máis para que tamén Xordania asinase a paz con Israel.
Pero desde entón a fiestra de oportunidade foi aberta e pechada unha e outra vez e palestinos e israelís seguen sumidos na violencia e a desesperanza. A iniciativa saudí propugna a creación dun Estado palestino nos límites de 1967, a cambio da normalización de relacións con Israel, que no momento oportuno rexeitou a iniciativa, entre outros motivos, pola esixencia do retorno dos refuxiados palestinos ao seu territorio, o que modificaría substancialmente o balance demográfico do país. Israel xa non rexeita categoricamente o plano, pero expresou obxeccións e esixe modificacións. Pero o cumio de Liga Árabe, ao ratificar o plano, anunciou que non introducirá modificacións nas súas cláusulas. A súa posición non se endureceu pero tampouco se moderou. Na parte palestina vemos unha ambivalencia intencional por parte de Hamas, que encabeza o seu Goberno e que continúa opoñéndose a todo o que signifique recoñecemento e acordo co inimigo sionista. Pero diante do temor de terse que enfrontar cos saudíes (que poucas semanas atrás lle impuxeron o acordo co presidente Mahmud Abas), decidiu “non estorbar as resolucións do cumio”.
Discípulos de Henry Kissinger, que na súa mediación no conflito árabe-israelí, acuñou a súa famosa “ambigüidade construtiva”? A ambigüidade de Hamas ten pouco de construtiva, por canto as súas posicións de total rexeitamento a Israel non se modificaron. Pode entón crearse un novo horizonte político? Dificilmente, mentres o Goberno palestino siga sen recoñecer a Israel. Sen compromisos e sen negociacións non haberá paz. Pero outros problemas non menos candentes ocuparon aos líderes que participaron no cumio árabe, como a crise de Iraq, a busca de fórmulas para pacificar Líbano, a guerra fría chií-sunnita, e, sobre todo, a ameaza representada polas pretensións hexemónicas de Irán, temas en que as divisións son moi profundas. Eis os acordos logrados foron posibles só sobre a base dun baixo denominador común.
Conclusión: será máis que difícil ver aos países árabes superando as discordias que impiden a estabilización de Oriente Medio. As desavinzas na familia seguirán marcando as relacións, e os conflitos e os problemas seguirán sen resolución.
Comentarios