Desde a Asociación de Solidaridad España-Israel estase a promover un Manifesto que desde a esquerda (sen etiquetas partidarias e no seu máis amplo sentido) asuma a Defensa dos lexítimos dereitos de Israel.
Eis o texto do Manifesto que irá ampliando as súas versións ao español, inglés, hebreo, portugués, francés, galego, catalán e euskera:
Israel e a defensa do progreso democrático en España
Manifesto:
Desde hai anos, hai un pesado silencio na esquerda española no que atinxe á defensa do Estado de Israel, cuxos valores democráticos, políticos, sociais, económicos, culturais e relixiosos, son perfectamente homologábeis a calquera Estado democrático de Occidente.
Ese silencio, é o de miles de homes e mulleres de esquerdas que asistimos con tristura aos reiterados ataques políticos, intelectuais e xornalísticos contra Israel.
Entre as raíces deses ataques está, desde logo, o persistente e popular antisemitismo de tradición cultural católica. Tamén perduran reminiscencias antixudias en sectores, hoxe minoritarios, da ultradereita española vinculados ao fascismo europeo do século XX.
Pero a raíz que máis nos afecta como homes e mulleres demócratas e progresistas é o confuso discurso que, confluíndo coas anteriores, parece predominar na esquerda española, na marxe das percepcións sobre a realidade de España en tanto que nación.
Ese discurso antisemita, antixudío e antiisraelí, pretendidamente de esquerdas, está ancorado en consignas elaboradas en Europa dende finais dos anos 60 do pasado século. Os que rexeitamos tanto o legado intelectual soviético coma o relativismo político da dereita, buscamos usar os rigorosos instrumentos do pensamento crítico en defensa dos valores occidentais de liberdade, igualdade, xustiza e fraternidade.
No uso dos devanditos instrumentos concluímos que xa é hora de proclamarmos e defendermos unha convicción clara: non somos poucos os esquerdistas en España que aprezamos e valoramos o valor ético e político que supón para a Humanidade a existencia de Israel nun mundo ameazado pola intolerancia e o fundamentalismo.Nós, os abaixo asinantes, non podemos permanecer máis tempo en silencio en España respecto desta crucial cuestión.
Unha das conquistas da democracia española desde 1978 foi o establecemento de relacións diplomáticas entre Israel e España no 1986. Todo demócrata e progresista, herdeiro polo tanto da mellor tradición liberal e socialista, recoñece que a España de hoxe non sería posíbel sen que esa ponte de reencontro co noso pasado xudeu fose establecido, o que aconteceu co primeiro goberno de esquerdas que houbo en España.
Sufridos decenios de ditadura e durísima transición democrática na nosa sociedade, a instauración de relacións diplomáticas entre España e Israel foi sinal de que o pasado intolerante, fundamentalista que negaba ao pobo español o seu dereito á liberdade e á democracia ficaba superado. Non en van, no lento proceso de construción democrática de España como nación política iniciado nos Cortes de Cádiz de 1812, as maiores resistencias reaccionarias viñeron sempre de quen consideraban xusto e bo o decreto de expulsión das xudeus españois librado en 1492.
Os demócratas progresistas españois, en defensa do dereito do pobo israelí a ter o seu propio Estado-nación conforme ao ditaminado en todas as resolucións de ONU desde novembro de 1947, xamais renunciaremos a analizar e, no seu caso, criticar todas as accións que os gobernos democráticos lexitimamente escollidos polo pobo de Israel poidan resultar contrarias ás nosas conviccións éticas e políticas.
Precisamente por iso, apoiamos o proceso que deberá de conducir a unha paz xusta entre Israel e todos os seus veciños, saudando especialmente todo esforzo que acade o establecemento dun Estado palestino, gobernado conforme ás normas democráticas e que manteña relacións normalizadas con Israel.
Mais na defensa desas conviccións, rexeitamos e denunciamos de plano toda manipulación concreta ou xeneralizada que vaia en contra dos lexítimos valores e intereses de Israel, coma Estado-nación e coma pobo libre.Non somos poucos os que militando nos partidos, sindicatos e asociacións de esquerdas en España podemos e debemos contribuír a que as manipulacións e as extorsións que se producen en contra de Israel sexan combatidas dialéctica e democraticamente.
A bandeira da causa de Israel non pode ficar nas mans de quen a partir da dereita española, por firme convicción ou por mero interese táctico, pretenden ostentar a exclusividade a súa defensa.
Nas beiras occidental e oriental do Mediterráneo, centenares de miles de homes e mulleres libres, cidadáns de Israel e España, estamos unidos por un mesmo ideal sostido ao longo de xeracións.
Cada muller e cada home teñen dereito a seren quen quixeren ser a dacelo vivindo coa seguridade que só brinda a liberdade individual e política.
Aqueles que coñecemos ben os riscos e ameazas que sofre Israel, temos clara conciencia de que estes son os mesmos que pesan sobre España. Estamos a ser asaltados polas accións terroristas de quen executa as súas guerras particulares contra os valores democráticos arduamente conseguidos na historia e nas normas de xestión executiva, lexislativa e xudicial dos sistemas políticos occidentais vixentes. Non podemos perder a noción de que o progreso, o benestar e a seguridade dos nosos pobos e sociedades abertas depende da preservación e da profundización na aplicación cotiá de ditos valores e normas.
Israel non só é odiado e atacado por ser o Estado xudeu. É, tamén, por ter demostrado desde a súa fundación que os valores e normas democráticos son preservados e profundizados incluso baixo condicións permanentes de guerra aberta ou soterrada.
En España, este exemplo non gusta a moitos, a esquerda e a dereita. Pero, incluso só fóra por iso, paga a pena realizar todos os esforzos públicos por sinalar a radical bondade do mesmo.
O compromiso adquirido coa adhesión a este Manifesto pretende sumar vontades e accións políticas que permitan por fin á confusión reinante sobre Israel xerada por voces e actitudes que pouco teñen que vez coa promoción dos valores e normas democráticas en España.
Rompemos xuntos o silencio, para afirmar que a palabra e a acción na defensa de Israel é tamén a causa da liberdade e o progreso para todas as xentes, sen distinción de nacemento e procedencia nin de credos e opinión, en España.
A … de … de 2006
A … de … de 5767
A … de … de 1402
O Manifesto Israel e a defensa do progreso democrático en España é unha iniciativa da Asociación Solidariedade España-Israel (ASEI, http://www.aseiweb.net/).
O Manifesto será presentado publicamente en Madrid en data e sede a determinar en torno á primeira quincena de abril de 2007. O detalle da convocatoria será comunicada a todas as persoas e instancias interesadas no prazo máis breve que sexa posíbel.
Prégase encarecidamente a difusión deste documento en todos os ámbitos persoais e sociais que poidan resultar concernidos polo contido do Manifesto. Todas as persoas físicas e xurídicas que queiran sumarse a este Manifesto poderán facelo enviando unha mensaxe ao enderezo de correo electrónico: manifiesto@asei.net
Todas as mensaxes recibidos serán contestados na debida forma establecendo así a rede que permita comunicar aos asinantes do Manifesto a data e sede da súa presentación en Madrid e o resto de información que xere o desenvolvemento desta iniciativa de ASEI.
Rógase encarecidamente a inclusión nestas mensaxes dos datos de identificación persoal ou xurídica das asinantes así coma os medios de contacto telefónico e electrónico. Estes datos serán tratados conforme ás estritas normas de confidencialidade que prevé a vixente Lexislación española.
Xunto á versión castelá, editaranse e distribuirán versións en inglés, francés, portugués, hebreo, catalán, euskera e galego deste Manifesto para acadar a súa máxima distribución.
Comentarios