A normalización lingüística do hebreo


Hebreo para 'facer país' Milleiros de inmigrantes xudeus estudan gratis a renacida lingua bíblica, oficial en Israel

Por Naiara Galarraga

Cando na película Borat o reporteiro enviado a EE UU desde Kazajstán parlotea nunha lingua estraña, suponse que é kazajo, mais en realidade fala hebreo. Este guiño do actor Sacha Baron-Cohen, xudeu británico, contribuíu ao éxito do filme en Israel. Os responsábeis do proxecto din que Catalunya se inspirou neles á hora de planificar as súas políticas lingüísticas. Neste país de inmigrantes xudeus, as autoridades hebreas loxicamente consideran vital difundir o seu idioma. Xa non existen aqueles carteis que exhortaban "Xudeu, fala hebreo!" como a finais do século XIX e a comezos do XX, pero calquera xudeu que chegue para ficar ten dereito a cinco meses de clases intensivas, e de balde, de hebreo, e a 2.700 euros de subvención para cubrir os gastos básicos durante o primeiro ano. O inmigrante vai directamente do avión ao ulpan. Así se chaman os centros de ensino desta lingua semítica. "Isto non é [a academia de idiomas] Berlitz. Aquí, ademais, conectamos á xente coas súas orixes, apredémoslles a ser parte de nós. Se lles ensino un verbo, pódolles indicar exactamente onde se usa na Torá [as sagradas escrituras xudeas]", detalla Ofra Kotz, pedagoga xefa do ulpan Etzion, o primeiro, que foi fundado en Jerusalém en 1910. A tarefa de converter unha lingua sagrada, e morta, no instrumento básico de comunicación normalizada en todos os ámbitos da vida -dende a escola ate as mensaxes de móbil e a informática- foi titánica. E un enorme éxito. Uns 27.000 alumnos estudan hoxe nos 220 ulpan estatais. Máis de 1,2 millóns de persoas -un de cada cinco habitantes xudeus de Israel- pasaron polas súas aulas dende a independencia en 1948.

Aprender a lingua a esa idade non parece un problema.

Conta Anat Uzzan, directora do ulpan Etzion, que os seus pais tiñan uns 25 anos cando chegaron a Israel desde Marrocos. "Entre eles falan en francés, pero cos fillos, en hebreo. E traballan en hebreo con total normalidade". Os alumnos pasan cada mañá cinco horas nunhas aulas que son como unha ONU. O visitante tópase sen esforzo con dous franceses, un etíope, tres británicos, un canadiense, un estadounidense e unha rusa que respostan ás preguntas da súa profesora. O ensino é moi práctica, adaptado ás necesidades do inmigrante. Do primeiro que aprenden é a cumprimentar os formularios do Ministerio do Interior para arranxar os seus papeis, e ao final do curso, a buscar piso ou emprego nos anuncios por palabras. Ademais de situacións cotiás como ir ao supermercado, tarefa desesperante cando un descoñece o alfabeto, que non é latino, ou ir ao médico. Unha das vantaxes é que o israelí do montón, que adoita ser comprensivo e paciente cando alguén se esforza por expresarse nun hebreo rudimentario. Para moitos recenten chegados, o ulpan é o seu primeiro fogar en Israel, o lugar onde tecen a súa primeira rede social con outros que comezan sós unha nova vida.

E coas clases, inclúese un baño de cultura xudea. Celébranse moitas festas relixiosas. O Purim, unha especie de entroido, caeu a finais de febreiro. Foi a ocasión de disfrazarse e explicar, por se algún alumno o descoñecía ou o esquecera, que conmemora a fazaña bíblica de Esther, dona do rei persa Jerjes, que desbaratou un plan para aniquilar aos xudeus.

Eliezer Ben Yehuda (1858-1922) tamén é en xustiza venerado. Calquera cidade israelí dedicou unha rúa a este bielorruso, clave para que o hebreo saíse das sinagogas á rúa. Inmigrou á Palestina otomá empeñado en usar só o hebreo para comunicarse con calquera xudeu que se topase, e logrou que o seu primoxénito, Itamar, fóra o primeiro cativo criado na lingua da Torá. Entre 1900, cando ninguén o falaba, e 2006, cando Borat paseouno polas pantallas internacionais, o hebreo ate logrou un Nobel de Literatura. Foi en 1966 da man de Samuel E. Agnon.

Un exemplo do que a conciencia de seu, a autoestima, en definitiva a conciencia nacional, é quen de acadar cando os obxectivos fican nidios, os medios son os precisos e sobre de todo, hai vontade. A normalización lingüística do hebreo é sen dúbida un exemplo a seguir polas linguas que loitan pola súa normalidade en todo o mundo.

Comentarios