A pena de morte por lapidación segue vixente en Irán pese a que hai uns anos barallouse a posibilidade de substituila pola forca debido ao grave problema de imaxe que supoñía ante Occidente. Os grupos feministas denuncian que nestes momentos oito mulleres permanecen á espera de morrer apedreadas en diferentes cárceres do país. O caso máis urxente é o de Ashraf Kolhari, unha muller de 37 anos de idade que segue viva grazas a unha suspensión temporal da pena -foi condenada a morte por adulterio-, que debía ter sido executada hai uns días, segundo Amnistía Internacional. Ashraf, nai de catro fillos de entre 9 e 16 anos, permanece na prisión de Evin, en Teherán, desde 2001, cando foi condenada a quince anos -foi a súa segunda condena- por colaborar na morte do seu marido, do cal pedira o divorcio en numerosas ocasións, sempre negado.
O seu esposo morreu tras pelexarse cun veciño, Mahmoud Mirzaei, co que supostamente Ashraf mantiña unha relación sentimental. A Policía relixiosa acusou á muller de «fomentar a agresión». O amante e autor material do asasinato, pola súa banda, recibiu cen latigazos polo adulterio -xa que era solteiro- e foi condenado a morte seguindo a lei de «ghesas» (castigo equivalente ao delito cometido, unha especie de ollo por ollo, dente por dente).
Outras tres mulleres en Ahvaz, tres máis en Shriraz e unha en Urumie permanecen á espera de que chegue a súa hora para morrer lapidadas. Polo momento a presión internacional están conseguindo conxelar as sentenzas, pero nunca revogalas. Dez anos por diante Shadi Sahr é a avogada que defende de xeito voluntario a Kolhari. Nos últimos meses converteuse nunha gran activista dos dereitos da muller e comeza a compartir protagonismo coa Nobel Shirin Ebadi nos sectores feministas. «As nosas leis permiten que unha muller sexa condenada a morrer por ter relacións sexuais fora do matrimonio, e iso hai que cambialo. puxemos en marcha unha campaña en favor de Kolhari e grazas ás cen firmas de mulleres de Irán e ás máis de catro mil que chegaron «on-line», o xefe do Poder Xudicial, o ayatolá Hashemi Shahroudi, decidiu por a pena en suspenso» sinala a avogada.
Outro dos puntos escuros no caso de Ashraf Kolhari é que os xuíces non agardaron a que cumpra os quince anos de condena para asinar a sentenza de morte, tal e como marca a lei. «Apenas pasaron cinco anos e xa queren lapidala, que agarden a que cumpra a súa pena de 15 anos íntegra», reclama Sahr, quen ten a esperanza de que nos próximos dez anos se termine con este tipo de condenas.
Para homes e para mulleres
O Código Penal iraní é moi específico con respeto ao xeito de levar a cabo a execución e ao tipo de pedras que deben empregarse. O artigo 102 dispón que, para a lapidación, os homes teñen que ser enterrados ate a cintura e, as mulleres, ate o peito. O artigo 104 dispón, en relación coa pena por adulterio, que deben empregarse pedras «non tan grandes como para matar á persoa dun ou dous golpes, nin tan pequenas como para non poder consideralas pedras». Os xuíces, ademais, declararon en numerosas ocasións que aínda que a pena se suspenda, nunca pode conmutarse, xa que a lapidación «é unha lei de Deus», e os homes non poden mudar as leis divinas. Nestes momentos, oito mulleres agardan no cárcere unha morte horrible.
Comentarios