CONSIDEREIME XUDEU


Por Alfredo Conde
A estas horas coido que xa debe estar ditada sentenza polo sanedrín que entende no caso no que se dirime se un militante do BNG debe ser expulsado ou non das filas do segundo partido no goberno, se eu entendín ben todo o lío que se montou darredor del, que coido que si, que o entendín, lamentablemente. Trátase do flagrante caso de ter opinión propia, a quén se lle ocorre, no que incorreu Pedro Gómez-Valadés que, quén llo ía dicir ós do sanedrín, preside a Asociación Galega de Amizade con Israel. Está visto que hai xentiña pra todo. O caso é que a estas horas xa debe estar dictada sentencia, pero a estoutras nas que eu escribo aínda non, así que sigo e aproveito pra dicir algunhas cousas que, moito mo temo, han seguir sendo válidas e necesarias, independentemente de que o condeen ou absolvan, pois xa é abondo con que se prantexara a necesidade de xulgalo, ou a de expulsalo; unha decisión que fala moito do xeito de contemplar, da maneira de ollar o mundo, de non pouca nin insignificante xente, parte integrante toda ela do segundo partido no goberno de Galicia. Nun libro de recente aparición El esnobismo de las golondrinas de Mauricio Wiesenthal, o autor recorda unhas palabras de Vicky Baum, a novelista que tivo que fuxir de Austria cando entraron nela os nazis. "Ser xudeo é un destino", escribeu a autora de Gran Hotel.

Logo, o autor do Libro de los Requiems e máis destoutro citado hai unhas liñas, apostilla: "É certo, porque en certos casos non é unha relixión, nen unha raza, nen sequer un convencemento íntimo, senón unha condición que depende da ollada de outro. Nácese austríaco, alemán, español ou francés, pero cos anos un pode converterse en extranxeiro. E comezas a ser xudeo o día no que te tratan como xudeo e che atribuen unha serie de cualidades ou defectos, completamente imaxinarios. Iso é todo. Son os perseguidores os que converten ós inocentes en Elexidos".

Teño para mín que son o abondo certas estas palabras como para que Gómez-Valades teña que asumir como destino propio o de ser xudeo, mercede a ollada que os seus perseguidores acaban de pousar enriba súa. Qué dicir, ou qué facer, qué comentar a tal respecto? Nada. Abonda simplemente con se poñer ó seu lado de xeito que a ollada que pousaron enriba súa te abranga tamén a ti. Eu estou ó seu carón. Consideirenme xudeo. Cómo consideiren ós inquisidores é cousa que deixo ó criterio de vostedes todos, meus tan pacentes lectores.

Comentarios