TROTSKY E A CUESTIÓN XUDEA



Trotsky e a cuestión xudea

Por Arlene Clemesha

A traxectoria e as ideas de León Trotsky con relación ao xudaísmo presentan unha interese múltiple. Primeiro, obviamente polo propio orixe xudeu de Trotsky. Pero tamén se debe tomar en consideración o peso do antisemitismo na tradición histórica rusa, en especial coma política de goberno da autocracia zarista; o amplo uso do antisemitismo na loita de Stalin contra a oposición trotskista na URSS, como mostrou recentemente Dimitri Volkogonov; e finalmente a importancia do Holocausto perpetrado polo nazismo, como paradigma da barbarie contemporánea.

A conferencia de Karlsruhe e o II Congreso do POSDR

Os primeiros rexistros dunha declaración de Trotsky sobre a "cuestión xudía" datan de 1903. Trotsky tiña 23 anos, era marxista desde os 17, e xa integraba a dirección do movemento socialdemócrata ruso. En xullo dese ano, durante o II Congreso do POSDR (Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia), Trotsky participou do debate contra a corrente xudía que terminou retirándose do partido. Pero, un ou dous meses antes, Trotsky foi convidado a unha pequena e pouco lembrada conferencia en Karlsruhe, organizada por esa mesma corrente xudía do partido, o Bund. O Bund (en yidisch, "unión", abreviatura de Unión Xeral dos Traballadores Xudeus de Polonia, Lituania e Rusia) era unha organización xudía dentro do partido de Rusia. Formouse en 1897, un ano antes do POSDR, e en 1898 foi o principal organizador do congreso de formación deste. Ate 1903 o Bund era a maior organización socialdemócrata do imperio ruso, con maior estrutura e número de integrantes, coa máis estendida publicación clandestina de periódicos e traducións, e con maior circulación e contrabando de literatura revolucionaria. Participaron da conferencia de Karlsruhe un integrante do Bund local, Trotsky e o teórico bundista Vladimir Medem, quen a través do seu libro de memorias proporciona unha descrición do evento. Medem relata unha discusión que durou ao redor de dúas horas.


Despois da intervención do "camarada de Karlsruhe" expoñendo o programa nacional do Bund, Trotsky interveu cunha resposta crítica, contestada inmediatamente por Medem. Algúns mozos sionistas do público tomaron a palabra para expor as súas ideas, que foron respondidas por Trotsky "con humor e boas maneiras". O debate seguiu e culminou cunha discusión, en termos "moi duros", entre Medem e Trotsky sobre a política do POSDR para combater o antisemitismo. O primeiro acusou ao partido de descoidar a tarefa. Trotsky rebateu a crítica afirmando, en primeiro lugar, que o partido combatía o antisemitismo a través da distribución de volantes sobre o tema, e en segundo lugar, que en realidade non había que combater especificamente o antisemitismo porque a solución para eliminar un sentimento anticuado, herdanza da ignorancia imperante na era medieval, era elevar o nivel xeral de conciencia das masas. Medem rexistrou a antipatía que sentiu por Trotsky desde ese momento e a mala sensación que lle causou o seu discurso, que non pasaba de "unha maneira de ocultar para si mesmo a real e grave responsabilidade dos socialistas rusos" (1).


Era un dos momentos máis delicados para os xudeus. En abril de 1903 (pouco antes da conferencia de Karlsruhe) ocorreu, no imperio ruso, máis especificamente na porción ucraniana da "zona de residencia", o maior pogrom visto ate entón. Os barrios xudeus de Kichinev foron completamente destruídos, as casas devastadas, con centos de xudeus mortos e feridos. Foi o tristemente célebre "progrom de Kichinev", que "shockeó" ao mundo e incorporou a todos os idiomas o termo ruso progrom, que significa masacre. Esta foi incitada por axentes de policía do zar e polas Centurias Negras, pero a masa dos progromistas era o pobo, obreiros e traballadores como os xudeus aos que perseguían. A confianza dos obreiros xudeus nos seus irmáns de clase rusos resultou seriamente debilitada.


Foi ese espírito de desconfianza o que Trotsky denunciou durante o II Congreso do POSDR como unha das principais fontes de discordia entre eles e o Bund. A organización xudía presentou as súas demandas ao congreso: autonomía dentro do partido, co dereito de elixir o seu propio comité central e elaborar a súa propia política nas cuestións referentes á poboación xudía; o recoñecemento do Bund coma o único representante da socialdemocracia entre os xudeus; e a "autonomía cultural" en lugar da simple "igualdade de dereitos" que o partido defendía para os xudeus, ou sexa, a reunión dos xudeus ao redor de institucións culturais propias, sen depender dun territorio común. A "autonomía cultural" resultaría na defensa do dereito dos xudeus a conducir os seus propios asuntos culturais dentro de Rusia, como a educación en yidisch. A maioría do congreso, formada polos "iskristas" (Iskra era o nome da revista que publicaban), estaba en contra do Bund porque vía nas súas esixencias un separatismo que crearía precedentes para outros grupos nacionais e poñería en risco a unidade do partido. Quedou a cargo dos iskristas xudeus, Martov e Trotsky rebater as esixencias do Bund. Martov foi membro do grupo fundador do Bund e Trotsky tomou a palabra como "representante dos iskristas de oríxe xudeu". Esa foi unha das raras ocasiones en que Trotsky se referiu a si mesmo como xudeu, como lémbra Isaac Deutscher (2).


O debate non foi menos difícil por terse realizado "entre xudeus". Trotsky rebateu enerxicamente as tres esixencias do Bund e tomou a palabra dez veces durante o debate, levando aos representantes da organización xudía a unha furiosa indignación. No que se refire á "cuestión nacional" (a "autonomía nacional-cultural"), o Bund estaba dividido. A metade do partido xudeu cría, nese momento, que o futuro levaría á asimilación dos xudeus e que nada debería ser feito para separalos, xa sexa territorialmente ou apenas en forma "cultural". Como lembra Medem, "nós os bundistas non fixeramos do noso programa nacional unha condición sine qua non e non saímos do partido por causa do seu rexeitamento (...) O noso congreso [o V Congreso do Bund, 1903, NdA] sobre este asunto, dividírase en dous" (3).


Con relación á educación en yidisch, ningún socialdemócrata podía seriamente opoñerse ao dereito dun pobo ou nación ao seu propio idioma. A oposición, como quedou evidenciado en escritos posteriores de Lenin e Trotsky, era á división da educación no imperio, en educación pública para os rusos e escolas particulares en yidisch para os xudeus. Nun artigo publicado en Severnaya Pravda, Nº 14, agosto de 1913, Lenin escribe, respecto da política oficial do Estado: "A expresión extrema do nacionalismo [ruso, NdA] actual está no proxecto para a nacionalización das escolas xudías, formulado polo oficial de educación do distrito de Odessa, e ben recibido polo Ministro de ‘Educación' Pública. Pero cal é o significado desa nacionalización? Esta significa segregar aos xudeus en escolas xudías especiais (nivel secundario). As portas de todos os demais establecementos de ensino *privados e públicos* serían completamente pechadas aos xudeus... Ese proxecto, extremadamente prexudicial, incidentalmente demostra o erro da chamada “autonomía nacional-cultural”, ou sexa, a idea de sacar a educación das mans do Estado e pasala a cada nación separadamente" (4).


Pero no que dicía respecto ao status do Bund dentro do POSDR, a organización xudía non estaba disposta a ceder. A súa decisión estaba tomada desde 1901: os xudeus defendían a transformación do POSDR nunha federación de organizacións nacionais. A conquista da autonomía política e organizativa do Bund dentro do POSDR era vista coma unha cuestión de sobrevivencia da organización xudía (5). Para Trotsky, o que estaba en xogo era máis que unha "cuestión xudía". O partido non podía conceder a autonomía ao Bund, abandonar o modelo de partido polo cal viña loitando, altamente centralizado e non un conxunto federado de organizacións. E non podía aprobar a exclusividade do Bund da representación dos traballadores xudeus, sen ceder á división do movemento obreiro por nacionalidade.


Como describe Deutscher, "a esixencia de que o Bund fose recoñecido coma o único representante do partido entre os traballadores xudeus significaba afirmar que só os xudeus estaban autorizados a levar a mensaxe socialista aos traballadores xudeus e organizalos. Iso, dixo Trotsky, era unha expresión de falta de confianza nos membros non xudeus do partido, un desafío ás súas conviccións e sentimentos internacionalistas". "O Bund *dixo Trotsky en medio dunha treboada de protestas* é libre para non confiar no partido, pero non pode agardar que o partido vote a non confianza en si mesmo". O obxectivo do socialismo, argumentou Trotsky, era "varrer as barreiras entre razas, relixións e nacións, e non colaborar para erguelas" (6). Segundo a visión de Enzo Traverso, "cando se tratou de comprender as causas profundas da escisión entre o Bund e a socialdemocracia, a súa análise [de Trotsky, NdA] revelouse menos abstracto có dos bolxeviques. E no congreso de fundación do POSDR, a autonomía do Bund era puramente técnica, pero percibiu que aos poucos o “particular” se sobrepuxera ao “xeral”: de representante do POSDR no seo do proletariado xudeu, o Bund transformárase en representante dos traballadores xudeus vis-a-vis ao partido socialdemócrata. O congreso de 1903, no fondo, sancionou unha escisión que xa existía na realidade" (7).

Comentarios