A PEL DE CORDEIRO

A PEL DE CORDEIRO

Por Pilar Rahola

Se algo define a corrección política, especialmente con respecto aos grandes conflitos que existen no mundo, é a creación duns iconos de opinión, cuxo discurso soa ben a oídos da esquerda oficial. Este nacemento das deidades do pensamento correcto, é moi notorio cando tratamos o tema de Medio Oriente, cuestión espiñenta que vaise simplificando ate a nada, canto máis oficialmente de esquerdas é quen o analiza. Estes iconos, e este pensamento, teñen uns trazos tan característicos, que paga a pena analizalos.


Previamente, nobreza obriga, poñeremos nomes a estas deidades que os xornalistas progres sacan a pasear cada vez que teñen ocasión. Falo, entre outros moitos, de Maruja Torres e de Gema Martín Muñoz, esta última considerada auténtica “experta” no mundo islámico. Sobre a primeira, pouco que dicir. Viu a luz cando se foi ao Líbano e quedouse colgada nel, e agora nos deleita con algunhas das crónicas máis xudeófobas e antioccidentais que podemos topar na actualidade. Persoalmente nunca fun fan de Tomás Alcoverro -outro icono-, porqué, malia ser unha gran persoa e un bo xornalista, exerceu a mirada oblicua durante anos, pero, comparado con Maruja Torres, Tomás é un exercicio de neutralidade. Con todo, creo que o sectarismo de Maruja é tan notábel que resulta, ate, decorativo nun panorama que, á fin e ao cabo, hai moito que non practica o pensamento crítico. Unha nota de cor.


O caso de Gema Martín Muñoz paréceme moito máis relevante e, desde a miña perspectiva, moito máis preocupante, xa que se trata da “experta oficial” para falar da cuestión. Para mostra, os tres cuartos de hora que Mónica Terribas dedicoulle, o outro día, na televisión pública de Catalunya, ou as decenas de veces que a chaman da SER para “analizar” a cuestión de Irán e etcétera, convertida no máximo icono destes temas.


A cuestión resulta especialmente chocante cando lembramos que esta muller preside a Casa Árabe, que ten, nos seus órganos de dirección, a todos os embaixadores do mundo árabe, o cal non lle debe permitir gozar, precisamente, dunha mirada obxectiva. De feito, nin tan só dunha mirada libre?. Con todo, a diferenza de calquera dos que non participamos do pensamento único progresista -que estamos baixo sospeita permanente de parcialidade, e temos que dar decenas de explicacións para xustificar a nosa disidencia-, persoas coma Gema Martín pasan por ser prestixiosas, neutrais e, ¡oh deus!, críticas.


Como se crea un icono coma este, malia a evidencia da súa militancia ideolóxica? Como é posíbel que, para analizar periodísticamente o conflito nuclear con Irán, se considere interlocutora imparcial a quen preside un organismo árabe? É posíbel porqué, en tempos de inexistencia de debate intelectual, substituídas as ideas por consignas, o prestixio progre se gaña aplicando, con inequívoca fidelidade, os cinco principios do catecismo laico: Estados Unidos é o mal do mundo; o segundo -ou primeiro, vai por barrios- mal é Israel; o mundo islámico é inocente e vítima; o terrorismo islamista é culpa de Occidente, e as ditaduras fascistas islámicas non son o problema.


Dende esta perspectiva, simplista mais eficaz, todo cadra na análise, e a partir de entón, a tiranía iraní pasa a ser a vítima, e as democracias occidentais máis importantes do planeta, pasan a ser as culpábeis das súas maldades, ataques terroristas incluídos. Onte, que a sentín no programa de Francino comentando unha enquisa do Times sobre o odio que o mundo musulmán ten cara a Occidente, e perpetrando o seu previsíbel discurso anti-Bush, obviar cousas tan básicas como que a fatua de Bin Laden contra os “cruzados” é da época Clinton, que todo o corpo ideolóxico yihadista é dos anos trinta -cando aínda non existía nin Israel-, que a inmensa riqueza árabe non serviu para construír nin unha soa democracia, e que son líderes árabes os que educan á súa sociedade no fanatismo totalitario.


É dicir, obviar todo, reducida a cuestión á coñecida maldade yankee. De feito, é o mesmo discurso estalinista de décadas, pasado polo tamiz da multiculturalidade. Lobos con pel de cordeiro, alumnos avantaxados do inefábel Tariq Ramadan, que camufla a súa voz de veludo coa dureza do puño integrista. Ao final, o que fica é a nula capacidade para xerar un discurso crítico serio, máis aló da rutilancia benpensante da propaganda de esquerdas. Un desastre para o pensamento. E un éxito para as ditaduras islámicas, que ven, nestes progres de manual, aos seus aliados máis eficaces.

Comentarios