Monumental película que excede as nove horas de duración en catro partes e na que se investiron once anos de traballo, "Shoah" é unha reconstrución do que foi o exterminio industrial nazi dos xudeus a través das voces de diversos supervivintes, dun e doutro bando. Ao longo dunha serie de entrevistas saen á luz as experiencias, os recordos e as vivencias de quen viviu ese periodo único da historia da humanidade. Os primeiros planos dos supervivintes vanse fundindo, segundo explican os seus recordos, con imaxes dos diversos lugares do desastre no momento en que se rodou a película. Paisaxes cargadas de subxetividade, coma os campos de Auschwitz, de Treblinka ou de Belzec, mostrados en ruínas, acorde aos recordos que os supervivintes queren borrar da súa memoria, sen conseguilo.
Claude Lanzmann, escritor e xornalista parisino nacido en 1925, decidiu, nos anos 70, envorcar as súas inquedanzas no cine, e se embarcou na realización desta monumental película á que se sempre negou a catalogación de documental: "É unha película excepcional, única no seu xénero", chegou a defender. Condecorado membro da Resistencia da Segunda Guerra Mundial, Lanzmann decide manter a historia viva nun documento realmente duro e atroz. A experiencia propia de Lanzmann impídelle ser obxectivo (se tal cousa, a obxetividade, é posible dalgún xeito) e moito menos imparcial. Lanzmann remove, coas súas entrevistas, os recordos, provoca aos entrevistados para que exerciten a súa memoria, e penetra nas pasaxes que non fican claros. Lanzmann non oculta esta circunstancia, e ate a mostra, como cando lle recorda ao ex - dirixente das SS Franz Suchomel, a quen filma con cámara oculta, a súa promesa de manter o seu nome no anonimato.
A este respecto, que provocou bastantes críticas, Lanzmann sinalou que "quería mostrar que lle estaba mentindo, porque esta xente mentía a diario para asasinar aos xudeus". En ocasións, Lanzmann se mostra persistente, non desconecta a cámara cando os supervivintes se emocionan no seu exercicio para recordar, e o cineasta installes a continuar, ante o valor documental do filmado.
A película divídese en dúas etapas e catro capítulos. A primeira comeza cos recordos de Simon Srebnik, un supervivinte que por entón tiña 13 anos de idade e ao que os nazis utilizaban para que lles cantase cancións na rexión polaca de Chelmno. Ao final da guerra, Srebnik tiña que ser executado. Afortunadamente, a bala non lle danou ningún órgano vital e foi recollido por un campesiño. Máis de trinta anos despois, Srebnik volve a Chelmno e comproba que a antiga fábrica de morte composta por dous xigantescos fornos crematorios desapareceu por completo, e xa só queda un claro no bosque.
A película vai entón buscando a protagonistas anónimos, supervivintes xudeus que dan grazas a Deus por esquecer o que viviron (o caso de Michaël Podchlebnik, que tivo que enterrar os corpos gaseados da súa muller e dos seus propios fillos), e ate a colectividades, como os membros da localidade de Grabow, que demostran un pouso de sentimento antisemita ao afirmar que "os xudeus eran os que tiñan o capital".
Os habitantes polacos de Grabow moran agora nas casas que eran dos xudeus antes da guerra, e a antiga sinagoga se converteu nun almacén de mobles. A pegada humana que deixou o Holocausto en Polonia é visíbel. Lanzmann opta por filmar sempre as cidades en días nublados, xa que non concibe que poidese facer bo tempo cando pasaban os trens cargados de xudeus a Treblinka, como chega a expresarlle a un campesiño polaco.
E a memoria constitúe tamén un proceso de revisión, como o exercicio de volver a realizar en tren a viaxe a Treblinka, co mesmo maquinista que conducía as deportacións e que confesa que se emborrachaba todos os días para soportar os berros, os prantos e o fedor do seu transporte.
Salientar tamén a análise que realiza ante as cámaras o historiador Raul Hilberg, para quen os nazis, de entre toda a barbarie, só inventaron o Holocausto. Hilberg sinala que a maior parte das leis antixudías do III Reich están baseadas en antiga lexislación que se remonta ao medievo, e que a única novidade que pon en marcha o réxime de Hitler é a "Solución Final", seguindo a corrente dun proceso histórico de tratamento cara ao pobo xudeu que tivo unha primeira fase na conversión ao cristianismo e unha segunda fase no exilio. Hilberg conclúe que o exterminio se erixe na última fase deste cruel proceso de destrución.
A segunda etapa de "Shoah" se centra, unha vez realizado o contexto e asumido por unha enorme cantidade de voces a existencia dos campos de exterminio, no funcionamento por dentro destas fábricas de aniquilación, para concluír coa descrición da vida no ghetto de Varsovia. Emociónase Abraham Bomba, un perruqueiro xudeu que cortaba o pelo ás vítimas dentro da cámara de gas de Treblinka na última acción antes de proceder ao gaseado, quen non pode esquecer a súa impotencia ao serlle prohibido desvelar cal era o destino inmediato dos seus "clientes": quen se ía da lingua, acababa incinerado vivo nun forno. Non faltan, a este respecto, os detalles da parafernalia nazi para ocultar aos xudeus de Treblinka o seu futuro. Nin tampouco falta unha descrición somera do interior dun campo como Auschwitz ou a mesma Treblinka, que nos seus mellores momentos de "produción" chegaban a queimar a 15.000 xudeus diarios, cifra recoñecida polo propio Franz Suchomel.
A cámara de Lanzmann intenta situarnos e poñernos na pel das vítimas. O plano longo, cámara en man, da entrada a Auschwitz é unha boa mostra do horror que, aínda hoxe esperta, a visión da macabra porta. As imaxes do que queda do ghetto de Varsovia tamén arroxan unha pequena perspectiva do sufrimento extremo, manifestada en testemuños conservados da época, como o diario de Adam Czerniakow, o presidente do Judenrat de Varsovia, que se suicidou en 1942, e que describe auténticas escenas dantescas, que concordan co relato de Jan Karski, mensaxeiro do goberno polaco no exilio e que describe o ghetto como un espazo "alleo á Humanidade".
Finalmente, o monumental filme conclúe co testemuño de Simha Rottem, un fuxido do ghetto de Varsovia que trata de conseguir da Resistencia polaca armas para manter a revolta do ano 42. A Resistencia négalles aos xudeus estas armas e o ghetto acaba esmagado. Cando Rottem regresa, a súa desesperación final é a última mensaxe da película: "Son o derradeiro xudeu, agardarei a que chegue a mañá, agardarei a que cheguen os alemáns".
Documento pesimista pero que busca a construción dunha Memoria Viva para evitar a repetición desta catástrofe, "Shoah" (vocábulo hebreo co que se designa ao Holocausto) é unha cinta que mantén o interese desde o principio ate o final. Non se trata dun documental ao uso con imaxes de arquivo, senón un crisol de voces perfectamente ordenado e montado que trata de explicar o que ocorreu no centro, no corazón de Europa na primeira metade dos anos 40. A crueldade inexplicábel e extrema, a loita pola supervivencia, o recordo dunhas vivencias que parecen doutro mundo conforman un impresionante filme que abre no cine camiños poucas veces explorados como instrumento de preservación da memoria.
Con "Shoah" queda testemuñada unha parte da nosa historia máis recente nun exercicio doloroso e, ao mesmo tempo, verdadeiramente imprescindíbel.
Ver "Shoah", é un exercicio de amor coas vítimas.
Comentarios