EN DEFENSA DE ISRAEL



EN DEFENSA DE ISRAEL

Por Fernando Escalante Gonzalbo

"Logo dos bombardeos de Beirut, dos centos de miles de desprazados, as decenas de mortos . É posíbel dicir algo en defensa de Israel? Si, sen dúbida. É posíbel, é necesario dicir que Israel ten dereito a existir. Israel ten dereito a ser recoñecido como Estado, con fronteiras estables e seguras. Israel ten dereito a defenderse. Israel ten o dereito e a obriga de protexer aos seus cidadáns. Iso pode dicirse como mínimo: o mesmo que se diría de calquera outro Estado, de Congo, Francia, Holanda ou México. A continuación, desde ese punto de partida, pode discutirse case todo: o sentido ou a desproporción dos ataques contra Hezbolah en territorio libanés, pode criticarse a estratexia diplomática ou militar israelí, poden condenarse os excesos en términos morais ou puramente pragmáticos, podían e debían pedirse un cese de hostilidades e a intervención dunha forza multilateral eficaz na fronteira de Israel e Líbano, por exemplo. Pero é indispensábel facer explícita esa primeira premisa.
Parece dunha obviedade absoluta, como para non discutila sequera. Con todo, con demasiada frecuencia esquécese ou non se di que ese primeiro, mínimo dereito non está garantido para Israel, que é o único Estado na comunidade internacional cuxo dereito a existir é posto en dúbida de xeito sistemático, cotián, ruidoso, ameazador. Siria, Irán, Libia, néganse a recoñecer a Israel, o mesmo que Hamás, Hezbollah, Al-Quaeda, Jihad Islámica, proclaman abertamente a súa intención de destruílo, aniquilar ou expulsar á poboación xudía de Medio Oriente. A política exterior israelí debe entenderse nese contexto. Se esquecemos ou non se toma en conta, se omitimos a consideración de que Israel é un Estado baixo a ameaza de ser aniquilado polos seus veciños (que nin o ocultan nin o disimulan) non se entende nada do que sucede ou, máis ben, o pouco que se entende e se di é simple propaganda.
Comprendelo todo, ou tratar de comprendelo todo non implica perdoalo todo, pero máis vale sempre facer o intento de comprender. Poñámonos de acordo sobre os feitos. A fronteira de Israel é relativamente recente e discutida, produto dos procesos de descolonización do século pasado: como a maioría das fronteiras de Asia e África. Hóuboas de trazo máis ou menos azaroso e conflitivo. Deseñáronse as fronteiras de Malawi e Zambia, por exemplo, cando non puido evitarse a declaración unilateral de independencia de Rhodesia. Decidiuse a partición de India e Pakistán coa idea de conferir o dereito de autodeterminación a dúas comunidades relixiosas distintas. Algo similar sucedeu co reparto dos restos do imperio otomán: para impedir a integración dunha Gran Siria se formaron os territorios de Siria, Palestina, Líbano, Iraq e Xordania; en Palestina dividiuse o territorio entre as comunidades árabe e xudía para que cada unha formase un Estado nas zonas en que era maioritaria. Os gobernos árabes da rexión rexeitaron o reparto de Palestina cando o propuxo a Comisión Peel en 1937 e cando o estableceu a ONU en 1947.
Ate a data, entre quen se nega a aceptar a existencia dos dous Estados, os moderados defenden a idea dun só Estado, laico, binacional. Os exemplos recentes de Iugoslavia, Líbano ou ate de Iraq suxiren que non é unha boa idea e, desde logo, após sesenta anos de guerras, parece absolutamente impracticábel. O fundamento desa pretensión, por outra banda, é bastante feble: a nación palestina, con ese referente territorial, foi construída a partir do conflito con Israel, no que era unha terra de refuxio e comercio na que convivían árabes, xudeus, exipcios, drusos, turcos, gregos, alxerinos, despois un protectorado británico alternativamente asociado a Siria, Xordania, ate Exipto. Sempre houbo, desde hai un par de milenios, comunidades xudías considerables en Jerusalem, Safed, Hebrón, Gaza, Accra, Jericó, Haifa, ao redor do lago Tiberíades; aumentaron coas migracións de fins do século dezanove e da segunda década do século vinte (a primeira Aliyah de 1882 a 1903, a segunda, de 1904 a 1914), e logo da segunda guerra mundial, por suposto, e logo da declaración de Independencia de Israel, cando os xudeus foron expulsados ou se viron obrigados a abandonar boa parte dos países árabes: Exipto, Iemen, Líbano, Túnez, Marrocos, Libia, Siria, Iraq.
A poboación árabe e xudea estaba mesturada nas dúas zonas, desde logo, pero era indubidablemente maioritaria na que a ONU definiu para cada unha; é dicir: o que tratou de facer a Sociedade de Nacións, o que fixo a final de contas a ONU foi por en práctica o principio de Autodeterminación para comunidades con raíces históricas na zona, con tradicións, relixión, lingua e costumes moi diferentes. Posto en branco e negro: para quen queira velo é obvio que os xudeus non chegaron a conquistar un territorio alleo nin arrebataron a súa terra a unha nación existente.Viñeron despois as guerras: a de 1948, a dos Seis Días, a de Yom Kippur, a de Líbano de 1982; todas produciron movementos de poboación, campos de refuxiados, cambios de fronteiras. Israel foi sempre a parte agredida, xa fose polos Estados (Xordania, Exipto, Siria, Líbano, Iraq) ou por grupos armados acubillados, protexidos, financiados e armados por eses Estados. Non hai maior misterio niso: a defensa intransixente da "causa palestina" converteuse no principal recurso de lexitimación para os líderes dos países árabes, comezando por Nasser, e a existencia dos refuxiados, dun número cada vez maior de refuxiados, converteuse nunha bandeira de enorme valor internacional. Para os países árabes (Exipto, Siria, Iraq) foi ate agora relativamente sinxelo atacar a Israel: fracasarán, pero non perden nada, e gañan prestixio, mentres que Israel se xoga a súa supervivencia en cada conflito.
Están tamén as atrocidades, desde as masacres de Sabra e Shatila, ate as decenas de bombas nas cidades israelís. Hai solución? Sen dúbida. O principio básico é a declaración 242 do Consello de Seguridade de Nacións Unidas, que esixe a Israel que se retire dos territorios ocupados durante a Guerra dos Seis Días (é o punto primeiro) e esixe "a todos os Estados belixerantes (...) o recoñecemento da soberanía, a integridade territorial e a independencia política de cada un dos Estados da rexión, e o seu dereito a vivir en paz dentro de fronteiras seguras e recoñecidas, ao abrigo de calquera ameaza ou acto de forza" (é o punto segundo). Israel asinou a paz con Exipto e entregou enteira a península de Sinaí, asinou a paz con Xordania e entregou a marxe oriental do Xordán, e non volveu a ter problemas, malia que haxa ataques terroristas de exipcios ou xordanos en territorio israelí ou contra cidadáns de Israel.
Insisto: o principio básico está claro, a definición concreta das fronteiras é un problema técnico que podería resolverse mediante un documento como o que propuxeron intelectuais israelitas e palestinos en Xenebra hai un par de anos. O problema son os Estados que formaron o que se chama a "fronte do rexeitamento": Libia, Siria, Irán, que non recoñecen o dereito a existir do Estado de Israel. O problema é que Arafat fundou a súa autoridade durante décadas na intransixencia e só a medias e nun complicado equilibrio con Hamás aceptou "provisoriamente" a idea dos dous Estados. Nas últimas dúas décadas o conflito mudou de natureza. Agora é unha "guerra santa" do Islam dirixida sobre todo por Irán, a través de Hezbollah e Hamás, cuxo propósito explícito e declarado é destruír ao Estado de Israel, aniquilar aos xudeus (a Constitución de Hamás é un puro delirio antisemita que non paga a pena nin recordar). É lóxico que se sentan ameazados e que reaccionen con mesura os réximes de Arabia Saudita, Exipto e Xordania, en momentos de crise como a da pasada guerra no Líbano: despois de todo, saben que en Israel se xoga o seu propio futuro.
Polo visto, nin o Estado libanés nin as tropas da ONU daquela presentes puideron evitar que Hezbollah acumule un arsenal de máis de trece mil foguetes para atacar a Israel, ninguén puido impedir que dispare entre corenta e cen diarios contra cidades de Israel.Que debería facer o Estado israelí? Que debería facer a comunidade internacional? Que fixo cando Milosevic tratou de reconquistar Croacia ou impedir a independencia de Bosnía? Eu entendo a preocupación pola paz en Líbano. Compártoa. Non entendo que non preocupe case nunca os atentados suicidas en Tel Aviv ou Jerusalem. Non entendo que se infravalore a masacre da poboación de Darfur (case medio millón de mortos, tres millóns de desprazados), que non digan nada da invasión -unha invasión de pillaxe, sen paliativos- do Congo por Uganda, Ruanda, Angola e Zimbabwe (máis de dous millóns de mortos en dez anos). Nada, nin unha liña de condena, nin un xesto de desagrado, eles saberán por que.
Por que será que cando falan de Israel e dos xudeus o primeiro que lles vén á cabeza a moitos "creadores de opinión" é o nazismo, para dicir que os xudeus son nazis? Despois chega xa o disparate: que Israel practica "sen ningún disimulo o terrorismo de Estado" e se dedica a "prácticas xenocidas" . Xenocidas? De verdade que falamos o mesmo idioma?

Comentarios