DESPROPORCIÓNS DE TEXTO E CONTEXTO.


Desproporcións de texto e contexto

Por Ariel Segal

Ademais da inxustiza do ataque a Israel nos medios ignorando a parte de responsabilidade palestina na demora da paz, existe un suposto esencialmente etnocentrista, por non dicir racista, cara os palestinos: non se lles critica porque "é natural" que practiquen o terrorismo.
O Inxustificábel
É inxustificábel que Israel bombardee un local cheo de civís, como ocorreu en novembro en Beit Janún, e os seus líderes se limiten a dicir: “Ups, desculpen, equivocámonos por uns quilómetros con outro obxectivo onde habían terroristas”. Un país cun exército sofisticado e unha dirección responsábel non se da o luxo de facer este tipo de operacións e menos, cando no pasado xa se cometeron matanzas deste tipo que, supostamente, permiten evitar recaer neste tipo de erros e neglixencias. Se o escritor David Grossman está no certo na severa diagnose que fixo no seu discurso sobre a actual sociedade israelí durante o onceavo aniversario do asasinato de Rabin –suceso que demostrou hai anos que o país pode ser vítima dos seus propios cidadáns– entón, por suposto, é posíbel que aquel “liderado militar e político ocos”, a quen se referiu, actúen de maneira inxustificable simplemente porque as súas motivacións son ocas. É inconcibible, como tamén expresou o analista Ari Shavit, cometer unha matanza como a de Beit Janún e só dicir “sentímolo moito”. O menos que se debe facer, expresa o columnista de Haaretz, é que o primeiro ministro apele ás vítimas e ao pobo palestino expresando o seu pesar, ofrecendo compensacións para os afectados, ou que o Ministro de Defensa asuma responsabilidade total e declare que a catástrofe foi o resultado dunha política improvisada. Como mínimo, o goberno israelí debeu ter feito un anuncio oficial de que este tipo de bombardeos ominosos non se repetirian. Shavit considera que calquera cousa por debaixo deste tipo de reaccións por parte dunha dirección responsable é inaceptable: “Calquera cousa a excepción disto é inhumano e inconcibible. Inconcibible?”, pregúntase retoricamente para logo responderse con tristura: “Na terra do liderado oco, todo é posible, todo pode pasar”.
Estes son cuestionamentos e reflexións que convén que os israelís analicen, pero, Que pasa co lado palestino neste asunto? É inxustificable que a actual dirección palestina, con Hamás á vangarda, permita impunemente o diario lanzamento de mísiles Kassam desde Gaza ao sur de Israel, co saldo de varias vítimas civís e máis aínda, é inaceptable que a prensa mundial tome estes bombardeos coma se o asasinato de israelís se aceptase coa mesma naturalidade que un fenómeno metereolóxico.
Xa que no lado palestino escasean intelectuais que se atrevan a cuestionar publicamente á súa dirección cando se trata de ataques inescusables contra Israel –talvez por medo aos seus extremistas ou por falta de cultura democrático – citemos algunhas das críticas recentes dunha representante de Human Rights Watch sobre a responsabilidade dos palestinos no terrorismo contra a poboación israelí. As palabras de Sara Leah Whitson, son un oasis no deserto de omisións que adoitan facer as organizacións de dereitos humanos con respecto a responsabilidade dos palestinos no matanza de israelís e na súa propia traxedia: “Se a Autoridade Nacional Palestina aspira a ser recoñecida como un goberno de estatus legal debe deter inmediatamente as flagrantes violacións dos máis fundamentais principios da lei internacional humanitaria”, manifestou. Nunha inusual declaración nun mundo que tende a xustificar as accións violentas palestinas presumindo que os seus armamentos son imprecisos e pouco efectivos e polo tanto, “defendense como poden do poderoso exército israelí”, a Sra. Whitson pon o dedo na chaga: “O feito de que Hamás escuse os seus ataques alegando que son represalias, non os exonera da prohibición de atacar a civís posto que non hai ningunha xustificación para ese tipo de agresións”. Sinalando a responsabilidade desta organización fundamentalista islámica nos diarios ataques contra poboadores do sur de Israel, a funcionaria desta ONG fai explícita a responsabilidade da dirección palestina posto que Hamás é hoxe goberno e polo tanto, os palestinos non poden seguir aducindo que as súas matanzas son causadas por grupos aos que non controlan.
O descontextualizado
O tratamento non equitativo e descontextualizado que adoitan presentar a maioría dos medios de comunicación occidentais, con grandes titulares que resaltan as mortes de civís en Gaza e a escasa ou nula información das vítimas de mísiles palestinos lanzados contra cidades israelís, tamén merecen un capítulo aparte na radiografía dos moitos temas inxustificables do conflito máis complexo e a vez, máis mediáticamente simplificado, de todos os que ocorren no mundo.
A chuvia de ataques contra Israel en cada incursión a territorios palestinos adoita ser presentada coma se se tratasen de operacións militares caprichosas e non estivesen no contexto dun ciclo de violencia cuxo epicentro é a absoluta intransixencia de extremistas islámicos que non aceptan a existencia de Israel en ningún centímetro cadrado do Medio Oriente. As novas adoitan ser presentadas de xeito maniqueo e está de moda transformar a David en Goliat, colocando a lupa no mapa, de maneira que se vexa a un pequeno pobo agredido, os palestinos, por un xigante militar, Israel. E todo iso, sen presentar o contexto completo dun minúsculo país ameazado de aniquilación nun océano de países hostís como Irán e Siria e de movementos islamistas armados ate os dentes en todos os países fronteirizos.
É usual acusar a Israel de expansionista ignorando o historial dun país que demostrou, cada vez que hai unha posibilidade de entendemento ou paz, estar disposto a entregar territorios que, certamente, non lle corresponden: a total devolución do deserto de Sinaí a Exipto logo dos acordos de paz con ese país en 1978, territorios a Xordania tralo recoñecemento mutuo de ambos Estados, retirada de Gaza e zonas de Cisxordania tralos Acordos de Oslo de 1993 e 1994, retirada do Líbano no 2000 e retirada unilateral de toda Gaza no 2005.
Cando falta equidade na presentación e sobre todo, na análise de excesos que involucran a Israel, ignorando deliberadamente a responsabilidade de grupos como Hamás, Yihad islámica e por ende, da Autoridade Nacional Palestina –ou de Hezbolá, e polo tanto, do goberno libanés– no ciclo de violencia que orixina a traxedia dos seus pobos, incórrese nunha tendencia etnocentrista - por non dicir racista – cara os árabes, e en especial, cara os palestinos, posto hai unha especie de presunción de que “é normal” que estes ataquen civís e é só condenable cando a agresión é levada a termo por Israel. A mesma lóxica, de mutua responsabilidade na traxedia de israelís e os seus veciños árabes, pode aplicarse no caso da máis que xustificada condena contra Israel: haber utilizado bombas acio -armas prohibidas para guerras convencionais- no recente conflito no Líbano. O escándalo que isto produciu na opinión pública mundial é apropiado, sobre todo, cando o mesmo exército israelí o recoñeceu, pero ao tempo, impera unha sospeitosa falta de titulares e de información, na maioría da prensa, diante da denuncia de Human Rights Watch do 19-10-06, de que Hezbollah utilizou o mesmo tipo de explosivos contra poboacións civís do norte de Israel, sen que esta guerrilla aceptase a xa comprobada denuncia.
O Loable
É loable o que fixeron centos de palestinos de Bet Lahia, en Gaza, formando un escudo humano ao redor da vivenda do extremista de Hamás, Mohammad al-Baroud, evitando un programado bombardeo da aviación israelí, así como tamén é admirable que Israel –como adoita facelo na maioría dos casos– anuncie con anticipación unha operación bélica, dando tempo á poboación civil que se atopa próxima a un inimigo, de afastarse do lugar, sacrificando o factor sorpresa que lle permitiría lograr plenamente os seus obxectivos militares. Neste caso, a valentía e irmandade entre os palestinos son cualidades que se puideron apreciar grazas á virtude israelí de evitar, no posíbel, afectar a poboación civil na súa loita contra guerrilleiros e terroristas, cuestión que non fan nin os norteamericanos en Iraq, nin os rusos en Chechenia e moito menos as milicias fundamentalistas sudanesas en Darfur, entre moitos outros países que causan a morte de civís en conflitos de diversa natureza.
É loable tamén o que fai a prensa israelí ao dar cabida ás críticas máis severas contra os seus gobernos. En cambio, a total falta de autocrítica palestina, é meritorio que algúns analistas se atrevan a narrar a contracorrente do anti-israelismo, que é case un deporte mundial, e resalten as enormes responsabilidades dos palestinos e os seus irmáns árabes, polos seus propios padecementos. O máis loable fano aqueles xornalistas que se toman a molestia de, claramente, distinguir as responsabilidades dun goberno e a todo un país, cando se tratan excesos inxustificables conxunturais, sen perder de vista o contexto dos seus textos.
Un exemplo de xornalismo responsábel é o que fai a xornalista catalá Pilar Rahola, quen a pesar de ser unha gran defensora de Israel, non deixa de ser crítica cando pensa que se deba selo. No seu artigo “Non é isto Israel, non é isto”, publicado na Revista "Els Temps" o 10-11-2006, Rahola censura moi duramente ao goberno de Israel sen descoidar a condena a outros protagonistas do conflito e sobre todo, non descoida a sensibilidade de quen sabe que nunha análise, simplificar é traizoar: A última incursión militar, coa morte innecesaria e cruel de moitas persoas, é a última gota dunha escalada de erros dificilmente comprensible. Si. Sei que os palestinos manteñen secuestrados, con total impunidade, aos soldados israelís (e á ONU, como sempre, impórtalle un pepino), sei que cada día tiran mísiles Kassam sobre territorio israelí, sei que as organizacións palestinas queiman todos os camiños de paz que se debuxan, que vimos dunha longa, longa historia de mentiras desde Arafat ate o resto, sei que Irán controla o terrorismo da zona, e ameaza con ser potencia nuclear. Si. Sei que Israel non o ten fácil. Persoalmente, a partir da máis absoluta complicidade na loita pola súa supervivencia, non lle pido solucións, e menos desde Europa, que sempre a deixou soa. Pero lle pido estratexias. Sabe Ehud Olmert cara onde quere levar ao país que goberna? Estamos diante dunha planificada estratexia con obxectivos a longo alcance, ou se trata dun puro inmediatismo táctico, con estreitas miras políticas? É un estadista, como foi Rabin, Sharón e outros grandes da historia de Israel? Ou é un señor que se atopaba no lugar adecuado no momento adecuado, e vai improvisando sobre a marcha? Algúns das grandes erros do Líbano, fan temer o peor. Dóeme profundamente. Xa sei que non é xusto, pero, a diferenza dos seus inimigos, Israel non se pode permitir nin o tactismo barato, baleiro de contidos, nin a mediocridade política. Porque é o único país do mundo que non só se xoga unha bonita imaxe política. Israel xógase, ai!, a súa supervivencia. Israel merece ser severamente criticado e politicamente condenado por moitos excesos que comete en incursións contra os seus nada clementes inimigos que non recoñecen a súa existencia e explicitamente exaltan o terrorismo e accións suicidas como misións santas –como fan Hizballah, Hamás, Siria e Irán– pero tamén, en moitos dos textos de quen censura a Israel deliberadamente, falta moito do contexto que orixina as accións e reaccións dese país en territorios, onde non por casualidade, diariamente organizacións fundamentalistas e fanáticas, desfilan coas súas armas proclamando a súa destrución. Incorre Israel en desproporcións? Si, a veces, e en conflitos cuxos contextos son moi complexos. É desproporcionada a crítica mundial contra Israel? Si, con frecuencia, en textos que adoitan ser premeditadamente simplistas.

Comentarios