O GALEGO FALADO EN TERRA SANTA.


Etgar Keret e Moncho Iglesias no acto de presentación no Instituto Cervantes en Tel-Aviv


O galego falado en Terra Santa

Que Galiza non é Galitzia quedou claro este luns 22 de xaneiro en Terra Santa. Por primeira vez se presentaba un libro editado en galego e despexábanse as dúbidas sobre a existencia dunha lingua e unha cultura alleas á histórica zona polaca de Galitzia. A casa de veraneo de Kneller, de Etgar Keret, e publicada por Rinoceronte Editora, foi a obra que deu pé a falar do galego na outra beira do mar Mediterráneo. Eis unha crónica de Moncho Iglesias.

A breve presentación da galitziana Einat, que con agarimo algúns dan en chamar da diáspora ourensá, serviu de punto de partida para discutir sobre a máis recente historia da tradución á lingua galega. Os primeiros comentarios estiveron dedicados á xeografía, para continuar con datos históricos e centrarse pouco despois nesa literatura que deu a luz esa primeira tradución do hebreo ao galego.Foi despois da introdución que se leu o conto inicial do libro. A primeira lectura, en hebreo, provocou certas risas entre un público diverso, falante de hebreo, que non rexeitou a posibilidade de escoitar galego acto seguido. Daquela, xurdiron murmurios por parte dos castelán falantes que recoñeceron a palabra "cabrón", e uns e outros aproveitaron para facer certas anotacións que logo foron preguntas. Así, sentiuse curiosidade por saber se en galego existía algún tipo xerga e cómo se puido plasmar toda esa linguaxe xergal de Keret na tradución. Loouse o acerto en certas expresións totalmente válidas e entendibles no momento do transvase, e buscáronse solucións a termos e características propias da lingua e cultura de saída ao verterse na nova versión.O certo é que non foi doado reflectir o vocabulario propio dunha xuventude inmersa nun servizo militar trienal no que nacen e se apropian palabras propias do árabe e incluso do arameo. Non foi simple facer entender eses dilemas internos que xorden dalgunhas das narracións; pero tampouco foi complicado amosar o protagonismo dunha fermosa matriz ou o dos habitantes dun ceo onde van parar mártires, depresivos e drogaditos, todos eles suicidas.
Ao mesmo tempo, o proceso de tradución tivo momentos graciosos debido á carencia de vogais na escrita hebrea e que levaron a preguntas un tanto incribles por parte do tradutor ao escritor. Con todo, foi grazas a esa colaboración entre autor e tradutor que o traballo deu un froito que soubo achegar ao lector galego os contos fantásticos, imaxinativos, insomnes, realistas, idealistas e simpáticos d’A casa de veraneo.A estrañeza por parte deses oíntes latinos que ven no galego un motivo para os chistes, non foi máis que unha anécdota a posteriori. Outras dúbidas filolóxicas ocuparon un diálogo onde se pediu información sobre cursos de galego e tamén sobre autores propios. Indagouse sobre o número de librarías que venden só en galego e o grao de popularidade que ten; por último, convidouse aos asistentes a presenciar o próximo evento.
Será o vindeiro 15 de marzo, no mesmo lugar de Terra Santa, onde se fale e escoite un chisco de galego. Un coloquio entre tres culturas: a árabe, a hebrea e a hispana, será o motivo desa convocatoria inmediata. No caso hispano, a protagonista será unha Rosalía que será quen de chorar polos ríos e as fontes, con acento bíblico, á vez que se descobren versos de María Mariño.

Comentarios