Por Víctor Harel
Ao longo de toda esta semana, Madrid conmemora con solemnes actos o Día oficial da Memoria do Holocausto. Desde o ano 2005, o Goberno español o instituiuno adoptando a data do 27 de xaneiro, día da liberación do campo de morte de Auschwitz-Birkenau. En España, nos últimos anos aumentou considerabelmente o interese, a sensibilidade e a solidariedade co acaecido na páxina máis arrepiante da Humanidade, cando o nazismo extermina sistematicamente a seis millóns de xudeus -homes, mulleres, nenos- inocentes de todo, agás do "crime imperdoábel" de levar sangue xudía nas súas veas. A importancia destes actos conmemorativos non só radica en saldar unha débeda histórica, non só no seu inmenso valor pedagóxico, senón que serve de advertencia perante calquera gromo potencial de antisemitismo, que lamentabelmente aínda se topa arraigado e latente nalgúns círculos de Europa, España incluída.
Abonda con lembrar o xuízo contra a editor da Libraría Europa, Pedro Varela, chamado "o Führer nazi de España", quen estivo editando dende Barcelona lixo antisemita do máis virulenta, incluíndo por suposto miles de exemplares que negan o Holocausto. A recente "Conferencia" en Irán (onde se non?) e cuxo único fin era difundir unha mensaxe antiisraelí e antisemita, reabriu o debate sobre a necesidade de converter en delito a negación do Holocausto.
Alemaña, que neste semestre preside a Unión Europea e que afronta o seu tebroso pasado nazi con coraxe digno de recoñecemento, pretende que ese delito se converta en lei na totalidade dos estados membros da Unión Europea, harmonizando a xurisdición xa existente en nove estados, España incluída. O editorial "Negar o negacionismo" (El País, 17 de xaneiro) acertadamente explica o racional que move aos negacionistas da Shoá, establecendo que esa falsidade "...na maior parte dos casos vai vinculada ao propósito de rehabilitar en todo ou en parte a ideoloxía do nazismo ou cuestionar a existencia do Estado de Israel". E sen embargo, aducindo un argumento de peso -o da liberdade de expresión-, o mesmo editorial dúbida de que "o medio máis adecuado" para combatelo sexa mediante unha lei.
Israel, en cambio, sempre considerou que unha lei que condene o intolerábel delito da negación do Holocausto é indispensábel; a lexislación israelí data do ano 1986. Se ben é certo que unha lei de tal natureza impón unha limitación sobre a liberdade de expresión, notemos que todas as leis que condenan o racismo e a xenofobia impoñen limitacións de índole semellante.
Dous argumentos fundamentais, favorecendo a imposición do delito, poderían ser esgrimidos no presente debate europeo:
I. Negacionistas da catadura moral de Roger Garaudy e da súa Fundación en Córdoba aducen que o Holocausto nunca existiu, ou que "seis millóns é unha esaxerada barbaridade", ou que toda a "historia" do Holocausto non é máis que "invención xudía para chantaxear ao mundo cristián", e outra sarta de falsidades máis. A liberdade de expresión que permita o negacionismo pode carrexar actos criminais que danarían os dereitos adquiridos doutros, das comunidades xudías, prexudicando os seus dereitos inalienábeis a vivir sen temor a actos antisemitas. A sentenza do Tribunal Constitucional do 11 de novembro de 1991 (caso Violeta Friedman) estipula: "Nin o exercicio da liberdade ideolóxica, nin a de expresión, poden amparar expresións destinadas a xerar sentimentos de hostilidade contra determinados grupos étnicos, pois nun Estado como o español os integrantes daquelas colectividades teñen dereito a convivir pacificamente e a ser plenamente respectados polos demais membros da comunidade social".
II. A singularidade da Shoá, ese crime contra a Humanidade, non é comparábel a ningún outro xenocidio. Foi unha combinación única -e abominábel- de pretextos raciais, relixiosos, económicos, sociais, políticos e pseudo-científicos. O nazismo, enxendrado no corazón da Europa das Luces e obsesionado coa súa vontade de exterminar a un pobo, foi amplamente tratado e non hai necesidade de estenderse naquilo.
Seis millóns de argumentos falan por si sós, aínda cando garden un silencio sepulcral. A pesar das reticencias que poidan existir, agardemos que a proposta alemá prospere. E así, nun futuro non lonxano, nesta terra europea tan impregnada con sangue do meu pobo, existirá unha lei específica que prohiba negar o que todos coñecemos, pero nunca terminaremos de comprender.
Víctor Harel é embaixador de Israel no Estado Español.
Comentarios