ENDEREZO DESCOÑECIDO (Edicións Xerais)



ENDEREZO DESCOÑECIDO

De Taylor, Kressman
Edicións Xerais (2002)

Cando "Enderezo descoñecido" se publicou por primeira vez en 1938 causou gran sensación pola crueza coa que expoñía diante da opinión pública norteamericana o veleno do nazismo dende os seus inicios. Axiña obtivo vendas espectaculares e foi editada en Inglaterra e traducida a outras linguas, sendo considerada como unha obra perfecta. En 1939, a traducción holandesa desapareceu das librerías e, coincidindo coa ocupación nazi, a única presencia da novela en Europa foi na lista de libros prohibidos do Reichskommisar. A historia permaneceu descoñecida no continente durante sesenta anos máis, malia o impacto e o gran éxito que acadara nos Estados Unidos e Inglaterra. Trala súa reedición en 1995, para conmemorar o cincuenta aniversario da liberación dos campos de concentración, chegou ás mans de Henri Dougier, o editor francés da revista Autrement, quen decidiu publicala convencido da súa importancia para as víctimas do nazismo e para toda a comunidade europea. A partir de entón, a novela foi traducida ao italiano, hebreo, alemán, grego, noruegués, sueco, danés, portugués, español e catalán. Agora, Xerais ofrécea en edición galega, traducida por Emma Lázare Rodríguez. Escrita en forma epistolar pola norteamericana Kressman Taylor, Enderezo descoñecido conta a sorprendente historia de dous amigos e socios propietarios dunha galería de arte en California, Max Eisenstein, xudeu estadounidense, e Martin Schulse, alemán, que retorna ao seu país en 1932, coincidindo co ascenso do partido nazi. Esta obra, breve e intensa, representa un dos máis estarrecedores alegatos contra o nazismo, cuxo rostro perverso se nos fai patente ao longo da correspondencia entre os dous personaxes. Aclamada pola crítica de todo o mundo, foi considerada polo The New York Times Book Review como “a denuncia máis efectiva que se pode facer contra o nazismo en literatura de ficción. É a perfección mesma”.

Comentarios