DE QUE PARTE ESTAREMOS?



Por Afonso V.Monxardín
O presidente Mahmud Abbas, da Autoridade Nacional Palestina acaba de dicilo alto e claro: os israelís marcharon de Gaza hai xa máis dun ano e non hai paz nin diñeiro porque Hamas centra o seu traballo en lanzar foguetes sobre o veciño e non en construír unha nación no territorio baixo o seu goberno. Hamas non usa a bandeira palestina porque é dun estado que non desexa e ergue só a verde islamista, porque o seu interese explícito non é construír Palestina senón destruír Israel. A súa lóxica é clara: os cruzados estiveron douscentos anos, os xudeus só levan cincuenta: non será imposible. E están gañando a batalla mediática. Occidente dubida e olla para outro lado. Europa soubo que unha mentira repetida moitas veces non é verdade, pero esparexe dúbidas. Por iso desde a lexislación da ONU e dos países europeos é delito negar o Holocausto.
Cando se redactaron esas leis tratábase de non deixar ningunha fenda por onde respirase o fascismo. Así estes días pasados, en Teherán, xuntos e revoltos baixo o manto negacionista e o acubillo ario e jihadista de Ahmadineyad, reuníronse xentes do Ku-Kus-Klan, revisionistas europeos e rabinos ultaortodoxos da Naturei Karta. (O holocausto para eles foi un castigo divino e unha blasfemia a existencia de Israel -¡ai os extremos sempre tocándose!). Xuntos escoitaron como o presidente de Irán prometía a nova solución final: "Varrer Israel do mapa", nas súas palabras. E os xudeus saben por experiencia que cando alguén di que lles vai facer algo -como Hitler- acaba por facérllelo. ¿Podémoslles pedir, pois, que esperen a ver se é certo ou non que os varren con bombas atómicas? Ou formulándoo doutra maneira, ¿de que parte estaremos cando Israel bombardee nos próximos meses as instalacións nucleares iranianas?

Pero conservemos unha esperanza fría. O mundo oficial árabe aposta xa polos dous estados que rexeitara en 1948. Queren recuperar a iniciativa fronte a un islamismo dominado por Irán e polo extremismo sunnita. Por iso Exipto, Xordania, Arabia, apoiarán a Abbas, incluso, no seu caso, nunha guerra civil palestina. Por iso o réxime sirio quere negociar xa a paz. E se en Irán avanzasen os reformistas, en Israel os políticos máis sensatos, e se gañase Abbas, e se establecese o Estado Palestino con capital nun Xerusalén compartido.. . todo podería ser máis levadeiro. Parece o conto da leiteira... e todo sexa que non veña co caldeiro cheo de dinamita.

Artigo publicado no xornal GALICIA HOXE o 19.12.06

Comentarios