Por Amos Oz, escritor israelí
Se dura, o alto o fogo que anunciaron o pasado domingo Israel e Palestina será un primeiro paso. Tres pasos máis, polo menos, terían que seguirlle: a liberación dos prisioneiros, o estabelecemento dun novo goberno palestino que defenda a coexistencia con Israel máis que a súa destrución e o comezo dunhas conversacións de paz exhaustivas entre israelís e palestinos.
Daranse pronto o segundo, o terceiro e cuarto paso? Todo depende de que o primeiro -o alto o fogo- sexa duradeiro. É posíbel que os palestinos aprendan que bombardear as cidades israelís non lles achega máis á independencia, da mesma maneira que os israelís aprenderon que as operacións militares a gran escala non silencian aos palestinos. Hai razóns para crer que a política do Goberno de Hamás chegou a un punto morto. Só serviu para provocar o bloqueo por parte de Israel e da comunidade internacional, unha angustia constante e moitas vítimas innecesarias. Tamén hai razóns para crer que o Goberno de Israel deuse de conta de que non existen solucións unilaterais e non lle queda outra opción que intentar chegar a un acordo.
Forzas importantes, os fanáticos de ambos lados, continúan botando leña ao lume. Acusan calquera acordo de derrotismo, de demostración de febleza. Os extremistas palestinos aspiran a seguir a loita armada ate eliminar o Estado de Israel; os extremistas israelís esixen que o seu Goberno volva a conquistar a Franxa de Gaza e que esqueza para sempre a idea de renunciar aos territorios ocupados. O continuo baño de sangue israelo-palestino e a sensación de que é un problema sen solución levaron a moitas forzas moderadas de ambas partes a perder a esperanza. A debilidade do primeiro ministro Ehud Olmert e do presidente Mahmoud Abbas aumenta a súa desesperación.
Moitos defensores da paz séntense inútiles e caeron na apatía. Parécelles que o fanatismo afundiu nun mar de sangue toda posibilidade de paz. Pero o único que fai esta sensación de inutilidade e esta apatía é fortalecer aos extremistas de ambos lados. Hai só uns anos, as forzas políticas defensoras da paz ocuparon os espazos públicos de Israel e derrotaron primeiro ao Goberno de Yitzhak Shamir e máis tarde ao de Binyamin Netanyahu. Abriron a porta ao recoñecemento mutuo das dúas nacións. As últimas eleccións israelís de hai tan só uns meses levaron ao poder a esas forzas políticas defensoras da paz, nun Goberno de centroesquerda cuxo programa fundamental era a retirada unilateral de Israel da gran maioría dos territorios ocupados.
Entón, cando o pasado verán Hezbollah atacou a Israel, este Goberno de centroesquerda se embarcou nunha campaña militar no Líbano. Pero o que debeu de ter sido unha operación breve, limitada e xustificada se estendeu a unha guerra longa e espantosa. Ao cabo da mesma, o Goberno de Olmert perdera toda vontade, agás a de permanecer no poder. Pola súa banda, o Goberno minoritario de Hamás conduciu aos palestinos a un extremismo belixerante e ao completo rexeitamento do dereito a existir de Israel, posicións semellantes ás que conduciron a Palestina ao súa gran catástrofe de 1948.
Pero ben podería acontecer que se producise unha mudanza en ambas partes. As dúas parecen terse decatado de que se atopan nunha rúa sen saída. As dúas temen o círculo vicioso no que se atopan atrapadas. Se o alto o fogo chega a durar realmente e se conduce á liberación dos prisioneiros e ao establecemento dun Goberno palestino pragmático, nos atopariamos nos albores dun novo principio.
Non necesitamos unha conferencia de paz internacional, nin tampouco un novo plan de paz deseñado en Europa. O que necesitamos son negociacións directas. Que hai que negociar? Desde logo non a chamada “converxencia”, ese eufemismo empregado por Olmert para separarse unilateralmente dos palestinos e encerralos detrás dun muro. Nin tampouco unha hudna ou unha tahadiya, as palabras árabes que designan o armisticio ou a tregua que suxiren os dirixentes palestinos. O que necesitamos é un acordo bilateral total, exhaustivo, que resolva todos os aspectos da guerra entre Israel e Palestina.
Cales serán as condicións dese acordo? Aí, en realidade, reside toda a esperanza. Porque tanto os israelís como os palestinos saben no fondo do seu corazón como será e como non será ese acordo. Incluso os seus detractores en ambos bandos saben no fondo do seu corazón que entrará e que non entrará no acordo. Incluso quen considera en ambos bandos que sería unha traizón e un desastre saben no fondo do seu corazón que o acordo estipulará a existencia de dous Estados, Israel e Palestina, cuxa fronteira será a establecida antes de 1967, con revisións conxuntamente acordadas. E que haberá dúas capitais en Xerusalén. E que non haberá “dereito de retorno” para os palestinos, da mesma maneira que serán evacuados a maior parte dos asentamentos israelís.
As dúas nacións saben todo isto. E failles felices sabelo? Claro que non. Bailarán na rúa israelís e palestinos o día en que entre en vigor ese acordo? Claro que non. Estamos falando dun acordo doloroso, un acordo que ambas partes terán que aceptar cos dentes apertados. Pero a boa nova é que as dúas nacións xa saben que ese acordo agárdalles ao final do camiño.
Canto máis tempo, sufrimento e sangue derramada serán necesarios para que os dirixentes de Israel e Palestina cheguen ao punto ao que xa chegaron, non sen unha gran congoxa, os seus pobos? O alto o fogo do domingo, de manterse, podería ser o primeiro resplandor ao final dunha longa escuridade
Comentarios