APOLOXÍA DA MALDADE



Apoloxía da maldade
Por Pilar Rahola
“Quero facer estoupar o corazón da mentira”, asegurou un exultante Robert Faurisson, coreado polas vivas e os apaixonados aplausos. Coñecido negacionista francés, viña de ser condenado no seu país por negar o exterminio nazi contra os xudeus, pero iso non lle impediu gozar dunhas lindas vacacións pagas no balneario de Irán, e participar placidamente como relator no congreso que o fascismo iraniano montou sobre o Holocausto. Nos corredores do congreso, David Burke, ex dirixente do Ku Flux Klan, mostraba a súa felicidade aos escasos xornalistas europeos que seguian o acto, e aproveitaba para falar da “vergonza” occidental, represora da liberdade de expresión… Por suposto Irán era, no imaxinario do coñecido racista americano, un modelo de liberdades. Tamén din as crónicas que os representantes iranianos non estaban de todo o felices, que quixeran dar unha aparencia “científica” ao congreso, e que se lles escapara das mans. Que se convertera, finalmente, nunha orxía de negacionistas, nazis de todo pelaxe e toda unha longa familia de coñecidos antisemitas que poboan librarías e panfletos do mundo, para desgraza da intelixencia e da xustiza. Só faltaba o bo de Mel Gibson… É dicir, o congreso de Irán sobre o Holocausto resultou un gran espectáculo de odio e desprezo ás vítimas xudeas da Shoah, pago con diñeiro público dun estado, membro da ONU, cuxa influencia no Islam, en Medio Oriente e no mundo, é máis que notoria. Por suposto, o presidente Ahmadinejad volveu a ameazar a Israel, pediu a súa desaparición e animou a todos os musulmás a facela efectiva. En conclusión: apoloxía do odio, ameaza bélica dun país contra outro, exhibición pública sen complexos da orxía antisemita, e finalmente unha notoria inhibición e indiferenza do mundo, perfectamente exemplarizada no malvado silencio da Organización de Nacións Unidas. Se de algo serviu o congreso de Irán, desgrazadamente foi para confirmar o xa sabido: demostrar que se pode facer apoloxía do negacionismo nazi, e non padecer ningunha consecuencia. Porqué teño decenas de amigos que pertencen ao terríbel naufraxio do Holocausto; porqué lembro a miña amiga colombiana, cuxa avoa perdera completamente o coñecemento do polaco, a súa lingua, cando foi rescatada, con 13 anos, de Auschwitz, despois de ver desaparecer a toda a súa familia; porqué lembro a mirada tremente dunha supervivente en Chile, que me dicía, entre bágoas, que nunca, ningún europeo lle pedira perdón; porqué lembro aquel home tristeiro que coñecín en Santiago, cuxo pai, músico de profesión, foi obrigado a tocar o violín mentres executaban á súa familia; porqué foron máis dun millón de nenos; porqué desapareceron dous terzos da poboación xudea europea; porqué decenas de pobos, coa súa vida xudea de séculos, cos seus poetas, os seus mestres de escola, os seus agricultores, os seus comerciantes, os seus médicos, os seus cativos e os seus avós, as súas mulleres e os seus homes, todos, de súpeto, desapareceron do mapa para sempre. Fume, só fume. E algúns queren que non sexan nin tan só lembranza. Fume e esquecemento. Por tanta dor, por tanta maldade, por tanta traxedia que me pesa no alma coa culpa de séculos que Europa acumula, por todo me sinto profundamente triste, profundamente perdida e profundamente derrotada. É certo. O racista Burke ten motivos para estar exultante: alimentar o odio aos xudeus e burlarse do exterminio que padeceron seis millóns de persoas, sae de balde, totalmente de moca. A quen lle importa? Que país retirou o embaixador iraniano do seu territorio? Quen pediu explicacións na Asemblea Xeral da ONU? Quen enviará ao cárcere aos que participaron nesta apoloxía da maldade? Quen se sentirá conmovido? De todas as moitas, tantas veces que escribín que os xudeus están sós diante da súa desgraza, e que Israel está só diante da súa supervivencia, esta é a que máis datos teño para estar segura de iso. Pregúntome. O mundo permitiría un congreso oficial, público, legal, a favor do racismo? Non se farían todo tipo de actos de solidariedade e protesta? Non se expoñerían boicots económicos, militares e a diplomacia esgotaría todos os recursos para evitalo? As organizacións de esquerdas, non terían saído á rúa, indignadas pola apoloxía da maldade que representa o racismo? SOS racismo non poría o grito no ceo? E os Saramagos do mundo, non expresarían a súa rabia profunda? Pero cando o racismo se perpetra contra os xudeus, vítimas da maior aniquilación da historia, o mundo considera que este non é, nunca foi, o seu problema. Da impunidade renace, rabioso e reforzado, o odio. E, co odio reforzado, todas as portas do mal fican abertas. Di un vello refrán: “cando o teu inimigo asegura que quere matarte, tes que crelo. Que deben pensar os israelís diante das ameazas reiteradas de destrución, por parte de Irán, país que impunemente conseguirá bombas atómicas? Que deben pensar os xudeus de todo o mundo? Pensan que están sós. Que sempre estiveron sós diante do odio antisemita.

Comentarios